Esta é unha anotación que escribín para o blogue da miña irmá.
En 2003 comezaron a popularizarse os blogues. Construír unha web de deseño simple cos contidos organizados cronoloxicamente abriu a porta pública a todas as persoas que tiñan algo que dicir. E mudaron a face de Internet, até aquel momento inzada de páxinas estáticas que servían unicamente como medio de contacto ou bases de datos. Servizos como Blogia, Blogger e Blogalia, nun principio, foron secundados por outros como Tumblr e Blogaliza, o primeiro servidor galego de blogues. Un blogue para cada individuo consciente de pertencer á comunidade dos produtores de contidos.
Os comentarios eran habituais e a lectura dos que te seguían de obrigado cumprimento, independentemente do interese propio por uns asuntos ou por outros. Co tempo o número de blogues multiplicouse, os comentarios fixéronse máis escasos, as visitas mesmo nos blogues máis populares, baixaron considerabelmente e en Galiza falouse por ver primeira da morte do blogomillo, entendendo por este a comunidade de blogues escritos en galego. (continuar)

O cura mora na Coruña porque os veciños expropiados na mellor zona de Arteixo gañaron o preito contra a igrexia católica e non pode ocupar a vivenda da igrexa. Infórmanme de que este home de traxe gris e plástico no colo, repeiteado, falou de cartos o domingo pasado, malia non gustarlle nada o tema, parece ser. Denunciou que a crise se notaba até nas esmolas, e que estas andaban pola metade das do ano anterior; que había reparacións que facer, servizos que dar, mais omitiu falar dos cinco euros de cada misa cobrados a cada morto na mesma cerimonia e dos cartos obtidos pola venda da casa do cura anterior, doada á igrexa católica por unha vella beata.
