No plástico, onde veñen embrullados de dous en dous , pode lerse “Conchas”. Son biscoitos finos e moles, do tamaño dun pousavasos redondo. A cara plana está bañada de chocolate e a outra semella unha lomba dun campo de golf. Parto unha Concha pola metade e dóbroa sobre si mesma, como vía facer a don Francisco coa hostia todos os domingos antes de metela na boca, no acto que para min representaba o summum da gula e a luxuria, malia que daquela aínda non chegara a concretar o que era a segunda, alén do que lía no dicionario, nin podía aceptar o que era a primeira. A perspectiva de comer por comer, sen ter fame, parecíame un auténtico despropósito. Naquel tempo estaba certa de que os curas eran finxidores, actores que se disfrazaban para a representación dominical, que non podían crer nin, sobre todo, sentir a trascendencia que se supoñía que corría entre os seus dedos. O poder que se atribuía ao que eu cría que era o pensamento. E sempre a mesma función, o mesmo papel durante toda a vida. Pensaba que a misa se lles tiña que facer tan longa e eslamiada como a min. Que a consagración era o momento máis importante da misa porque porque logo desta xa non faltaba máis que o desenlace. Don Francisco debía pasar a misa toda pensando nas conversas á saída, xa na rúa, con todos os fregueses, onde se vía que o pasaba tan ben, que sempre era o último en marchar para casa.
A misa celebrábase na capela do colexio, no mesmo lugar onde faciamos xinasia durante a semana, baixo a mirada entumecida do Cristo na cruz e uns santos horrorosos. Sempre reparaba no Cristo e pensaba que, até para unha figura de xeso, era unha tremenda putada botar tantos anos cravada nunha cruz. Para min a fe fundamentábase en querer crer e eu, aínda que vise obvio naquela altura que o mundo tiña que ter sido creado por Deus, nos ritos non quería crer.
Agora gostaría de voltar aos biscoitos e que o narrado tivese sido un pensamento pasadío, mais non hai quen escriba ao mesmo tempo que se mollan biscoitos en leite. Collo os biscoitos, quento media cunca de leite no microondas. parto un biscoito e lembro as hostias de don Francisco. Demasiado quente o leite, abranda o biscoito demasiado e sabe demasiado doce. Un chisco de leite frío fai a temperatura perfecta. Serán aproximadamente 30º? A que temperatura debe estar un líquido para parecernos morno na boca? Probabelmente nunca o saberei, a non ser que o meu amigo X. A. lea estas páxinas e me veña dar a sorpresa un día destes coa temperatura exacta. O chocolate da Concha fai clac ao partila. Lembro o clac da hostia, unha vantaxe de estar sempre no segundo banco, que é o primeiro con dereito a axeonllarse sobre madeira. Outra bolsa de Conchas e de novo o clac. E a imaxe que me sobrevén é infinitamente máis completa e complexa que calquera relato que poida escribir, onde non hai lugar para as reixas da capela, verdes e enferruxadas, ás que todos nos agarramos para aprender a patinar, nin o olor dos bancos, nin o das colchonetas de judo, que deixabamos sempre amoreadas nun recanto ao rematar a clase, nin para os rapaces que axudaban na misa, nin para o día que don Francisco nos berrou todo alporizado por xogarmos fóra durante o tempo da misa. Dixo que mentres el estivese na capela non se podía facer ruído, así estivese dicindo misa, así estivese rañando a barriga. En realidade dixo rascándome la barriga. Un mito se me veu abaixo ese día e comprendín o que era a autoridade da igrexa católica.
Penso nun relato que sexa unha gran descrición, para demostrarme que calquera cousa se pode converter en palabras, para librarme da responsabilidade de que algunhas cousas, tan reais, só existan dentro de min, e creo que non é posíbel.