Por engadir algo máis ao tema da última anotación, vou comentar os puntos do informe sobre os que non vin nada escrito nas fontes consultadas.
Robson di que os seus colegas adolescentes non len xornais en papel de pago pero si os de balde e ultimamente The Sun, que rebaixou o seu prezo considerabelmente.
Os adolescentes e as adolescentes están en contra dos contidos de pago e da publicidade nos contidos de balde. Non teñen problemas de conciencia para descargar música e xogos para o PC, porque consideran que facelo para as consolas é practicamente imposíbel. Esta última afirmación sorpréndemos moitísimo, porque non é acertada e porque me estraña o erro sexa por descoñecemento, a non ser que pasen realmente pouco tempo diante da pantalla ou, que o tempo que botan ao día no ordenador, prefiran dedicalo á comunicación nas redes que á procura de xogos para a Wii.
Cando se comenta nos medios que rexeitan Twitter explícase que o fan porque actualizar Twitter desde o móbil custa cartos e ninguén vai ver o seu perfil. O que se di exactamente no informe, moi diferente, é que para iso xa teñen o Facebook, onde están todos os seus amigos, que si ven as súas actualizacións, aínda que lles custen cartos, como as de Twitter. Só usarían Twitter se os seus amigos tamén o fixesen, mais os seus amigos están en Facebook todos xa, portanto non precisan máis unha canle polo de agora.
Os adolescentes gostan do márqueting viral porque é, máis unha vez, un xogo social mais teñen unha actitude moi activa en contra dos banners en todas as súas variedades.
Tamén non teñen interese pola publicidade nas rúas do mundo real porque normalmente non vai dirixida a eles, mais si se interesan por campañas atrevidas que utilizan os soportes tradicionais de maneira transgresora.
Gostan de ir ao cinema, moitas veces sen decidir previamente o filme porque sosteñen que ir ao cinema é máis a experiencia social de novo, que ver un filme en particular. Disque moitos son reacios a descargar filmes da rede polo medo aos virus, isto tamén me choca un pouco.
Alén dos poucos que posúen un iPod, o seu trebello cotián é o móbil. Normalmente de gama media, debido ao aínda alto prezo dos smartphones máis cucos.
Renovan o móbil cada dous anos, así que se teñen agora o da xeración anterior ao meu actual, tocaralles mudar maioritariamente en 2010, o ano da popularización das conexións móbiles de datos. Imaxino que será habitual a tarifa única para voz e datos, aínda que con restricións e suplementos.
Na casa case todos dispoñen dun PC básico con conexión a internet, unha tele, e unha consola de non máis de 2 anos.
E que desexan? Pantallas táctiles, un smartphone ou in iPhone con conexión de datos e grandes pantallas.
Non queren cables, nin móbiles que só sirvan para falar nin aparellos con menos de 10 horas de autonomía.