Máis previsións sobre o libro electrónico

Na anotación en que fixeramos un pequeno coloquio sobre o futuro do libro electrónico entrou un comentario de Xabier Pérez Igrexas que ficou atrapado no cartafol do lixo e que aínda agora veño de recuperar. Como a anotación fica xa un bocado lonxe, reproduzo directamente as opinións do Xabier:

1.Facer unha previsión a ese respecto, terá de todas todas un claro carácter especulativo. Alén do atractivo geek que poida ter neste intre os lectores de libros electrónicos, penso que se ben o formato dixital irá facéndose oco no limitado mercado editorial, pensar en que este ocupe unha parte importante do mesmo non resulta a esta altura realista.

2.Como trebello electrónico si, a súa funcionalidade e uso a longo prazo inda está por ver. Só hai que lembrar o boom das PDA a finais dos 90, para entender de que estou a falar. Máis que o prezo, que semella que irá descendendo paulatinamente, o seu maior inimigo é a falta de hábito lector na nosa sociedade.

3.A diversidade de formatos será a tónica xeral, inda que é probábel que un estándar aberto sexa o referencial.

4.Se hai vieiro de éxito este pasa polas redes abertas, en consecuencia Kindle non parece que vaia ter demasiado éxito, inda sendo unha iniciativa interesante.

5.Presenta importantes atractivos, pero a vocación hexemónica de Google neste e noutros servizos debería provocarnos certa precaución.

6.A chave está na inserción de mercados coma o galego en sistemas máis amplos. No noso caso concreto debemos camiñar cara unha maior integración no grande mercado lusófono, mais para iso non é preciso cambiar de padrón normativo. A nosa lingua xa é perfectamente entendíbel, agás pequenas dificultades léxicas, por portugueses ou brasileiros. Con todo o fundamental segue a estar na promoción activa da lectura, materia que segue a estar pendente, lamentabelmente.

7.A tecnoloxía de tradución automática no momento presente segue a adolecer de handicaps importantes, sobre todo no relativo á tradución contextual en rexistros coma o literario. Pola súa falta de fiabilidade e a súa excesiva literalidade non parecen unha opción moi sensata, hoxe.

8.Preferir, preferiría seguir a mercalos na pequena libraría de barrio. No caso dos libros electrónicos, penso que deberíamos apostar por un grande portal público con obras de balde e outras a prezos económicos.

9.Fundamentalmente en papel, por comodidade visual.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os comentarios están pechados.