Wattpad pasa por ser club de lectura máis grande da rede, onde os escritores poden subir os seus textos de todo tipo e estes seren descargados, lidos online e comentados pola comunidade de usuarios rexistrados. Ademais ofrecen aplicacións para móbiles desde as que se accede a contidos especialmente pensados para atopar algo que facer en momentos de espera. Máis de 4.000.000 de descargan dan testemuño de que é un sistema que funciona pero, que podemos atopar realmente?
A percepción será moi diferente dependendo das linguas que manexemos: se escollemos o inglés veremos que efectivamente a oferta é a prometida na presentación do servizo, textos de extensións diversas e diversos xéneros subidos por autores novos que procuran feedback e unha posibilidade entre un millón de que a súa obra guste a moitos e poida chegar a constituírse nun fenómeno viral -estaba tentada a dicir que o que desexan eses autores é chegar a ser editados en papel pero cada vez estou menos convencida diso, non tanta xente ten por que ser tan conservadora-. Mais, que atopamos cando buscamos títulos en castelán?
Aquí si que debo dicir que atopei hai tempo o que esperaba: todos os best sellers de moda, novela histórica de todo tipo, os títulos máis famosos que ocupan os primeiros postos das listas de máis vendidos, libros que se poden ler enteiros online ou descargar a calquera dispositivo e moitos comentarios e recensións sobre eles. E se a maioría dos libros en calquera lingua está sempre por baixo da barreira das 1.000 lecturas e descargas, con estes Wattpad rompe todas as estatísticas porque hai títulos con máis de 30.000 lectores asociados. Si, 30.000. De verdade que non sería como para pensar nun sistema de subscrición barata que ofrecese algo máis que Wattpad e que poidese constituír un modelo de negocio?
É o de sempre, o que poida facerse, farase, aínda que non acreditemos.
E agora algúns datos estatísticos de Wattpad referidos ao 3º cuadrimestre de 2009 en relación ao 2º do mesmo ano:
-O 42% do consumo móbil de ebooks diríxese ao iPhone, cunha subida do 11%. Blackberry sobe o 160%.
-Aumenta nun 40% a lectura de ebooks no PC e os lectores dedican máis tempo a ler, tempo que normalmente dividen en dúas sesións diarias.
víaWattpad’s Q3 2009 Global Ebooks Metrics Report released | TeleRead: Bring the E-Books Home.