Conferencia O’Reilly sobre libro electrónico I
Aínda que nos inscribimos para asistir á conferencia online, non puidemos facelo. A primeira sorpresa foi descubrir que en 2009 asistencia online non significa necesariamente que se vaian retransmitir os relatorios en streaming de vídeo, senón só audio. Logo viñeron os problemas co audio e desistimos. Enviamos un comentario ao chat para deixar constancia da nosa decepción e das dificultades técnicas e, sen pedilo, en 15' nos tiñan devolto os cartos da inscrición, sen cortarnos a posibilidade de seguir orellando, xa que escoitar non se podía, nin de escoitar as sesións en diferido. Ben por O'Reilly nese sentido.
Isto foi o xoves pasado mais a día de hoxe xa hai na rede quen escribiu sobre o que alí se dixo. Extraerei as opinións que me parecen máis relevantes, estea ou non de acordo con elas, e deixarei as ligazóns ás fontes ao final desta nota. O texto que aparece entre parénteses corresponde a apuntes meus.
Sobre o prezo dos ebooks:
As editoras rexeitan baixar o prezo dos ebooks con respecto ao papel por medo ás copias ilegais, á falta de control sobre exemplares vendidos.
Os chamados contidos enriquecidos poden prover o ebook cun valor engadido que permita manter prezos máis altos, e distintas versións dunha mesma obra. (lembremos que o prezo dunha novidade en Amazon é de 9,99 $).
Algúns provedores de ebooks ofrecen as obras a un prezo de saída moi alto, que vai baixando ao longo do tempo.
(Ocórreseme a posibilidade de incluír un formulario de valoración para cada libro, de modo que os usuarios que comenten máis libros de entre os que teñan adquirido sexan recompensados con algunha obra de balde a escoller.)
Sobre a posibilidade de ofrecer libros de balde, comentan a experiencia de varias editoras que ofrecen algún título de autores consagrados máis non bestsellers, de modo que cando ese autor publica un novo libro efectivamente vende máis exemplares dos esperábeis.
É importante establecer unha relación directa cos clientes.
(Tamén s eme ocorre que podería haber autores interesados en ir publicando capítulos dunha obra segundo os vai escribindo, para contar coa opinión dos seus lectores temperáns e que a partir dun punto só os lectores que máis comentan teñan acceso á lectura do resto da obra, mentres que o resto deban agardar a mercala cando estea finalizada. Poder seguir a xénese da obra dun autor que admiras ten que ser moi interesante.)
Fálase tamén do mercado de segunda man. Hai acordo en que non funcionan igual que os impresos neste ámbito mais apuntan unha idea para ter en consideración: imaxinemos que un bo estudante anota durante todo o curso académico un libro de texto dixital con apuntamentos francamente interesantes, ese libro podería revenderse como unha edición anotada. Debería o estudante chegar a un acordo coa editora ou preferiría ter a posibilidade de mercar por un prezo maior que o orixinal, unha licenza do libro que lle permitise vender copias do seu exemplar anotado?

