“Precisamente os editores serán chave na evolución das bibliotecas, pois en varios casos están a negar a posibilidade de que os seus e-books poidan emprestarse (lembremos que o Nook de Barnes & Noble tamén permite a opción de deixar textos aos amigos durante un período de 14 días, e B&N tivo que precisar que tal funcionalidade non é universal).”
Esa é unha das preguntas que me fago ultimamente, as bibliotecas serán o motor do libro electrónico ou simplemente irán desaparecendo ao ir perdendo usuarios se non acceden elas á distribución de balde do libro electrónico?
Ten sentido limitar o uso dun produto que é reproducíbel a custo cero? Ten sentido manter o concepto de biblioteca do S. XX, que vén sendo similar, creo eu, á do S. XIX, para o S. XXI? Sinceramente, aínda non o sei.
As bibliotecas poderían ser motor do libro electrónico – Código Cero – Diario Tecnolóxico de Galicia.
Compartimos dúbidas. Supoño que as bibliotecas manteresanse a medio prazo porque teñen instalacións e persoal contratado (e dependen de cartos públicos) pero de aquí a 10 ou 20 anos poderían quedar coma simples establecementos “históricos”. Ou sexa, que as bibliotecas que non teñan certo interese (arquitectónico, con inclunables, en edificios representativos) están en perigo.
Nos últimos anos están a buscar a reformulación das súas actividades, pero hai que recoñecer que están a avanzar cara a algo que literalmente non é unha “biblioteca”.
Si, son centros de dinamización da lectura. Hai meses que sigo blogues de bibliotecarios británicos e estadounidenses sobre todo, e hai xente tremendamente activa na procura dun novo paradigma no seu ámbito. O que non sei é se iso segue a ser unha biblioteca ou se no S. XXI, como ti dis, a bibioteca se converterá en depósito e custodia, vaia, en museo.
O movemento de innovación que observo no mundo anglosaxón faime pensar tameń na posibilidade de que bibliotecarios e bibliotecas coman o terreo dos libreiros e das librarías como hoxe os coñecemos levadas á excelencia. Mesmo iso podería pasar no ámbito anglosaxón e non acontecer no noso, ou polo menos simultaneamente. Será así? Eu só sei que o escenario actual do libro electrónico non foi previsto cun ano de antelación, como non o foi o do iPhone e mesmo o dos smart phones en xeral. Nuns casos pasámonos, noutros quedamos curtos. É fácil facer previsións, o difícil é acertar.