A third of Belfast libraries to shut

Un terzo das librarías de Belfast para pechar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O pelacho armado cun dicionario de catalán

Sabéis, el femenino de macabro es igual que en castellano, el masculino es macabre. Por cierto, que significa macabro?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Esta semana temos outra boa noticia que anunciarvos: o equipo de Algueirada administrará a comunidade de meubook.com. Meu book é a primeira plataforma galega de edición de ebooks e de impresión baixo demanda para editoras e autor@s. Estades tod@s convidad@s á presentación que terá lugar na sede de Caixanova en Santiago o día 27 de maio ás 12:00 (para confirmar asistencia podedes chamar ao 902 905 024). Coñeceredes todos os detalles da plataforma e regalaremos camisolas de Blogaliza!

Chuzame! A Facebook A Twitter

A morte da web aberta


Seleciono as ideas cntrais deste artigo co mesmo título publicado por The New York Times o 23 de maio. O vídeo que antecede o texto non garda relación algunha co artigo pero fíxome graza:

Na rede hai demasiadas cousas e cada vez hai máis usuarios que, malia ter que transitar por ela por traballo, ofertas ou relacións, rexeitan a desorde que provoca o que consideran un exceso de contidos, moitos deles de relativo interese. Pero se tes un iPhone ou un iPad, Apple fai parte do traballo por ti. A cambio dun 30% do negocio xerado, Apple encárgase de que as súas aplicacións, ese soporte en que empaquetan moitos contidos que até hai pouco vagaban á deriva polos oceanos de Internet, cumpran unhas características que fan que pague a pena para moitos usuarios deixar de lado as procuras universais, para se centraren no catálogo que o seu provedor de contidos, que coincide co seu provedor de dispositivos, lles oferta.

Aparecen os clubes privados, os códigos de convites, as subscricións a servizos premium que prometen protección contra virus en contornos seguros, ausencia de publicidade moralmente deleznábel e, por que non dicilo, un certo estatus por riba da inmensa maioría, que se concreta nas cantidades que o usuario debe pagar por cada servizo.

Existen moreas de persoas dispostas a abandonar a rede por causa da desorganización do seu contido e porque consideran demasiado alta a porcentaxe de lixo en relación aos tesouros que se poden atopar, cada vez con máis traballo. E aquí é onde entra de novo Apple en xogo, coa súa aposta de servizos de edición da web a través das applicacións da Appstore, destinadas a seren consumidas no iPhone e no iPad.

A fenda está servida: os geeks e os pobres remexen a diario nun totum revolutum mentres que os ricos deixan o traballo sucio a Apple e consomen a macedonia sen ter que luxar as mans pelando a froita.

Até aquí o contido do artigo. E agora eu pregúntome: é realmente así como nolo conta The New York Times? O que aparentemente é unha crítica á perda de pulo da internet xeral, a de todos, en favor dun proxecto empresarial intelixente e limitador, non deixa de presentar como irrefutábel que Internet é actualmente un terreo caótico onde as solucións abertas e comunitarias son pouco menos que imposíbeis; o palleiro onde a agulla nunca aparece, a non ser que a busque un equipo de especialistas, que son os únicos que as recoñecen cando as ven. Apple sabe que hai millóns de persoas con pouca paciencia, pouco tempo, ou simplemente con poucas ganas de aprender, mais chegará un momento en que os nativos dixitais sexan maioría e por iso teñen présa en implantar un modelo que destaca pola limpeza: a limpeza das aplicacións -recoñezámolo, son moi chulas e normalmente dan moi poucos problemas- a “limpeza” dos contidos -Xa o dixo Steve Jobs: “quen queira porno que merque un teléfono con Android”- e a limpeza do diñeiro, que bonitas parecen as cousas cando custan cartos, verdade?

Chuzame! A Facebook A Twitter

Parabéns, veciñanza de Blogaliza!

Acaba de chamarnos o Presidente da Deputación da Coruña para anunciarnos que Blogaliza foi premiada co Rosalía de Castro 2010.

O galardón ten como obxectivos recoñecer aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral e a manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

A candidatura foi proposta polo propio xurado, e o premio, que non ten dotación económica, correspóndenos a todas as persoas que publicamos, comentamos e lemos os blogues de Blogaliza, un espazo onde facemos cultura en galego con normalidade.

A entrega será o 28 de maio en Ames. Daremos máis detalles en canto os teñamos.

Pedro Silva, Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo

Chuzame! A Facebook A Twitter

Permanencia e redes sociais: blogues, Facebook e Diaspora



Hai unhas semanas escoitamos falar de Diaspora por primeira vez. O feito de ser anunciada como alternativa descentralizada a Facebook parece que axudou este grupo de estudantes universitarios a difundir o seu proxecto na rede e a conseguir o diñeiro preciso para levalo a cabo. Os 10.000 $ que consideraban o mínimo para se poñeren a traballar víronse axiña superados. Si, a día de hoxe contan con 5.200 achegas que importan máis de 170.000 $.

O que prometen é unha rede social distribuída e non descentralizada, como ben sinala DeUgarte no seu blogue, onde cada usuario terá control absoluto sobre a información que partilla e con quen a partilla. Ademais irá integrando progresivamente servizos externos como Flickr e Twitter.

A noticia está a explotar esta semana en todos os medios e, como sempre, hai quen se pregunta se será Diaspora o Facebook killer definitivo. Eu creo que as killer apps chegan cando a aplicación canónica alcanzou o seu teito, feito que parece ter acontecido en termos xerais con Facebook, tanto polo uso abusivo que fai dos seus usuarios, creo que non tanto pola inclusión de publicidade nin polos termos abusivos do contrato de privacidade que os usuarios asinamos, senón máis ben porque a xente simplemente cansa das cousas se non continúan a ofrecer vangarda e pola obsesión de Facebook de crear un mundo pechado en que se pode “meter” todo pero non se pode “sacar” case nada. Cando integramos, por exemplo, o Facebook Friend Connect nun blogue ou nunha páxina claquera, temos a sensación de estarmos abrindo unha xanela desde o interior do Facebook cara ao mundo, cando en realidade o que estamos a facer é abrila desde o mundo para o Facebook, pouco máis podemos facer, alén de enviarnos mensaxes cos nosos “amigos”. Non podemos indexar contidos, realizar procuras… Só o presente máis absoluto conta para Facebook.
En que dará Diaspora? Chegará a ser proxecto verdadeiramente comunitario a nivel global? Será mercado polo propio Facebook? O tempo dirá.
E por que son importantes os blogues? E por que non van morrer, malia todos os anuncios de defunción que se poidan facer sobre eles? Porque os creadores de contidos, que non hai que confundir cos conversadores, sabemos que é importante mantermos o control sobre o que facemos, gardarmos copias, enriquecer e difundir os nosos contidos mediante ligazóns e cultivar a conversa. Porque non todo é tan efémero como o noso estado de ánimo nun dado momento, por moi interesante que este poida ser para a xente que nos segue, porque construímos en base ao construído, e o que construímos será á súa vez base para os que veñan despois. Unha simple cuestión de civilización.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha de destaques

Vivo unha semana intensa, complicada e emocionante. Onte comezamos o obradoiro da 3ª edición de ACoruñaSon e, logo da fase de concurso, temos reunidos no Coliseum os compoñentes dos grupos gañadores deste ano a poliren as súas cancións baixo o sabio ensinamento de Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Bieito Romero, Xabier Díaz e Carmen Rei. O sábado celebrarase un concerto de clausura na sala Túnel ás 20:00 ao que poden asistir todas as persoas interesadas en escoitar boa música galega. (a hora inicial era as 21:00 pero finalmente comezará unha hora antes).

Ao mesmo tempo andamos a revisar cuestións de Blogaliza, todas para mellor, para poder darvos conta delas canto antes. Así que esta semana as noticias e reflexións sobre libro electrónico poden ficar unha miga en segundo plano, aínda que procurarei seguir alimentando os compartidos do reader na columna central e do Twitter.

E vou aproveitar esta anotación circunstancial para dicir que me sinto moi honrada por que o meu blogue estea entre os 10 escolleitos por Brétemas para esta iniciativa:

– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a pena recomendar.

Por non repetir, vou ver de escoller outros diferentes aos do Brétemas e aos de Alfredo, que tamén sigo e valoro:

-Tecnoloxía

-De paso

-Eduardo Estévez

-Eli Ríos

-Capítulo Cero

-Maribel Úbeda

-Mirinho

-Descalza

-Opaco

-Si home si

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sobre o estado da web semántica en 2020

Aproximadamente a metade dos expertos consultados teñen a certeza de que será unha realidade e a outra metade ten a certeza de que non o será.
As diferenzas culturais e os intereses económicos con as dúas causas que máis empecen o desenvolvemento da web semántica.
A vida é desordeada. Internet tamén o é. Jeff Jarvis.
A web semántica depende da cooperación entre empresas, e até agora estas non estiveron moito polo labor en común. Stephen Downes.
Estaba a seleccionar unhas cantas citas deste interesantísimo informe pero debo dicir que xa non sei que coller e que deixar. O de menos é  comprobar dentro de 10 anos quen tiña razón . O apaixonante é observar as distintas concepcións de Internet que teñen os seus expertos, e a importancia/relevancia que cadaquén dá a que.
O que pasará dentro de 10 anos saberémolo dentro de 10 anos. Mais para saber o que está a pasar en Internet e como se comporta a día de hoxe, está xenial este estudo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sobre ligazóns está todo escrito

É simple e breve: sempre se deben ligar as fontes, agás cando isto supoña un enredo en lugar dun aumento da información, claro. E é para todos os casos así, tanto ten que editemos un blogue persoal como unha páxina corporativa ou un medio público de comunicación. A TVG ten emitido vídeos de Blogaliza sen permiso e sen citar, algúns xornais teñen o mesmo costume de facer pasar por propios materiais que non o son. E, desde logo, non é unha política promovida desde moitos medios dirixir os lectores a outras fontes externas ao medio onde estes atoparon a noticia.

No entanto a BBC acaba de chegar á conclusión de que paga a pena incluír nos seus bloques de contidos ligazóns externas para noticias relacionadas. Entenden que o importante é seren a referencia inicial da noticia, que aínda que envíen os seus usuarios a outras páxinas, estes van voltar porque na BBC é o lugar onde van atopar toda a información, a de dentro e a de fóra. (E podemos apostar algo a que haberá medios ligados que denunciarán a BBC por alimentarse con contidos alleos, en lugar de agradecerlle o trasvase de tráfico.

Mentres Facebook non as faga desaparecer, sobre ligazóns está todo escrito e cadaquén vaino descubrindo cando pode.

BBC plans to send more readers than ever to other sites | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Chuzame! A Facebook A Twitter