Tati Mancebo Tati Mancebo
Search
Lector online de Google: 20 Things I Learned About Browsers and the Web

20 Things I Learned About Browsers and the Web

Que Google publique un libro sobre os fundamentos da arquitectura de internet desde o punto de vista do usuario do navegador é xa de por si interesante. Se ademais é quen de reducir os contidos a 20 puntos explicados con sinxeleza para que calquera persoa non familiarizada con palabras como DNS, cookies ou html5 poida facerse unha idea clara do que está a facer cando navega, compra, vende, le e se relaciona na rede, entón é aínda máis interesante. Pero ademais o libro está maquetado con sinxeleza e claridade, os deseños simpáticos e dinámicos, transmiten a súa simplicidade, acorde co principio de Google de que a tecnoloxía nunca debe ser un problema.

Ah, si, tamén inclúen unha pequena animación na páxina 4, para que non pensemos que os elementos en movemento son patrimoni oexclusivo das apps. para o iPhone e para o iPad.

Este libro vai aínda máis lonxe. Non é un PDF para descargar, afortunadamente. É unha publicación online construída con html5 que pode lerse desde o navegador, compartirse enteiro ou por seccións nas redes sociais, e todo a través dunha interface agradábel cuxo deseño non quixo perder a similitude directa co libro en papel, para demostrar que a lectura en pantalla non ten por que conformarse como unha simple visualización de páginas web que convida a un exercicio de lectura irremediabelmente presuros e superficial.

O texto aparece correctamente centrado na pantalla, xogando cun formato de libro con capa dura que se acomoda con facilidade sobre unha mesa. Reparen, o libro aberto descentrado e o contido, o que de verdade sempre importa, no centro do plano.

Como dicía podemos compartir o documento online a través da súa ligazón pública ou envialo directamente a Facebook, a Twitter e ao Buzz. Ademais podemos regular a luz de fondo, para mellor adecualo á vista e lembrar que, se cadra, o debate tinta electrónica vs. pantallas retroiluminadas, se cadra non é tan relevante en canto se alteran algunhas das variábeis da lectura no papel, no sillón de pensar coas zapatillas postas e a manta sobre as pernas.

Actulización: como ben me indica Dani é posíbel gardar o libro en local premendo na ligazón que di “Print”. Grazas, Dani.

E, se ben este libro non ten unha ligazón de descarga directa, si que é posíbel copiar o texto e pegalo nun outro documento para traballar con el doutros modos mais, será preciso gardalo en local cando esteamos conectados permanentemente? Creo que non.

Boto en falta, iso si, a posibilidade de facer anotacións e compartilas e tamén a posibilidade de ver e falar con outras persoas que están a ler o mesmo libro no mesmo momento, funcionalidades que resolveron con moita elegancia os pioneiros de Bookglutton. Pero, ou moito me equivoco ou este non vai ser o último libro que Google publique con esta ferramenta que agora nos dan a coñecer, e que nos próximos días iremos vendo todo o que son quen de facer para ofrecer unha lectura en pantalla de calidade que nos faga reconsiderar o valor da acumulación de arquivos en discos duros, como foi acontecendo coa música e cos contidos audiovisuais nos últimos tempos. Non esquezamos que o anuncio do lanzamento da libraría de Google se sitúa oficialmente para finais de 2010 nos EUA e para o primeiro trimestre de 2011 noutros países.

No transcurso da mesa redonda sobre modelos de negocio para o sector editorial que tivo lugar a semana pasada en FICOD, a directora xeral de Libranda, case facendo un chiste, viuse na necesidade de explicar o que era Libranda. Desvelou que a plataforma tiña entre as súas funcións o desenvolvemento de ferramentas e de canles con antelación á propia necesidade, para que as editoras e as librarías poidesen utilizalas cando se chegase ás situacións que o permitisen, e puxo como exemplo as ferramentas de lectura de libros na nube, como recurso que aínda non pertencía ao presente, mostrando como mínimo a súa ignorancia sobre empresas e organizacións que encetaron ese camiño no pasado, como o mencionado Bookglutton, a xente de O’Reilly -de que non hai que obviar os enormes beneficios que obteñen pola venda de libros sen DRM- ou o proxecto Monocle, por poñer só tres exemplos de distintas naturezas.

A publicación de 20 Things I Learned About Browsers and the Web converte o futuro en pasado e, con el, o presente dá un gran salto desde a semana pasada a esta.

Chuzame! A Facebook A Twitter

arrow1 Comment

  1. dani
    31 mos ago

    Olá,

    Si que ten un enlace para descarga directa. Hai que facer click abaixo á dereita onde pon “print”.