24symbols quiere que los editores sean sus accionistas a cambio de su catálogo de e-books
Sobre a marcha e sen demorarme en realizar comprobacións extensivas nin elaborar un discurso completamente fiado, non me resisto a comentar uns cantos puntos que me veñen espontaneamente á cabeza. Parto das diferenzas e dificultades para que 24Symbols funcione como Spotify e sexa rendíbel. -a estas alturas non sei se Spotify o é realmente ou se mantén polo interese como observatorio e banco de probas. E non me refiro tanto a que estea a producir grands beneficios, como a que calquera día poida ser pechado polos seus propietarios- Se hai alguén con iterese por conversar sobre este tema máis en profundidade, podemos facelo a través dos comentario.
1. O número de páxinas lidas non ten nada que ver co número de cancións escoitadas. Non é preciso lembrar que se pode escoitar música mentres se realizan outras moitas actividades pero, agás @wicho e algunha que outra persoa máis, non é aínda moi común ler libros electŕonicos na bici estática. A diferenza entre o número de cancións que se poden escoitar nun mes co número de paxinas que se poden ler no mesmo tempo pode provocar que o que resulta un modelo válido para os contidos musicais, non o sexa para os contidos escritos, sobre todo cando estamos a falar de puro texto sen ter en conta formas diversas de narrativas transmedia..
2. O catálogo musical dixital estaba completo cando se lanzou Spotify, mais non ocorre o mesmo co de libros. Teño moita curiosidade por saber cal a porcentaxe real de edicións oficiais e non oficiais de títulos do catálogo completo actual.
3. Aínda coa mellor vontade das editoras e coa súa participación no accionariado, o catálogo que pode ofrecer 24Symbols distará moito de apróximarse á oferta musical de Spotify, polo dito no punto anterior.
4. A posibilidade de permitir aos usuarios que compartan as suas edicións non oficiais de títulos procedentes dos catálogos en papel das editoras, e que estas produzan beneficios para os propietarios dos dereitos implica, por unha banda, unha dificultade engadida que é a conversión, e por outra o risco de versións alteradas ou editadas nos contidos polos usuarios, que poden prexudicar as editoras propietarias dos dereitos desas obras. Este problema tampouco existe coa difusión e reprodución de arquivos de música, cuxo formato nativo é o mesmo que se distribúe en internet, ou outro saído dun proceso de conversión que só afecta á cualidade do son, máis non á melodía, nin ás letras das composicións, nin aos intérpretes. Sobre este punto tería moitas outras cousas que dicir, mais non é o momento.
5. Cos prezos que teñen asignados aos seus ebooks a maioría das editoras, se unha novidade, digamos, custa entre 10€ e 15€, que tarifa de subscrición mensual ou anual se esixirá para poderes acceder a todo o catálogo dun grupo, que pretende ser considerábel, de editoras? Se o prezo é baixo, ninguén mercará o ebook na slibrarías dixitais como descarga e, se é moi alto, hai que ler moitos libros ao mes para que poida compensar. En todo caso, non concibo ningún servizo de subscrición a ningunha forma de ocio que supoña máis de 15€/mes -e xa me parece moito-, aínda que o catálogo fose realmente tentador, aínda que haxa lectores que gasten muito por riba desa cantidade. Non son suficientes e está por ver que acepten as condicións se o catálogo non inclúe absolutamente todos os títulos que poderían ter en consideración cada vez que mercan un novo libro.
6. Os precedentes da música están sentados e as comparacións son inevitábeis. Difícil me parece que un servizo similar a Spotify funcione cos libros se as condicións económicas e de experiencia de usuario distan moito das de Spotify.
7. Encantaríame que funcionase. Estou convencida de que a lectura será online ou non será, comezando porque penso a masa crítica de Amazon ten moi pouco futuro como modelo se perfil de usuario estándar. Pero polo momento non o vexo, e non porque me pareza un proxecto errado ou sen folgos, a verdade é que dá gusto escoitar o equipo de 24Symbols, con todas as súas enerxías e as ganas de facer as cousas de xeito diferente. Pero, polas razóns explicadas máis arriba, non o vexo. Como facerse un oco nun mercado cando un dos grupo editoriais en español máis poderosos está detrás de proxectos como o de La Casa del Libro, que quere ofrecer o que chama o seu modelo de subscrición de 10€/mes por ler un só libro ao mes?




