Como tuitear correos con Twitemail

Mentres non se demostre o contrario, estou encantada con Twitemail, un servizo online e de balde que permite compartir en Twitter, e de aí a Facebook se se quere, os avisos que me chegan por correo para eventos e convocatorias públicas. O único que hai que facer é ligar a nosa conta de Twitter co servizo, a continuación proporciónannos un enderezo de correo ao que debemos redirixir os correos que queiramos compartir e Twitemail encárgase de publicalos nunha url pública, onde as persoas interesadas poden lelos. O servizo oculta os enderezos orixinais e ofrece todo o seu contido. O asunto da mensaxe pasa a ser o encabezado do tuit. E xa está!

Gústame axudar os amigos a difundir os seus avisos porque significa crear rede de apoio mutuo da que todos saímos beneficiados.

Subscricións na tenda Apple e Google One Pass

Actualizado 16/02/11 ás 21:41 despois dun cruce de correos con Luis Collado, responsábel de Google Books en España, quen me aclara o seguinte:

-Está por confirmar en que casos Google ingresará só o 2% da transacción ou unha cantidade maior.

-Polo de agora One Pass é unha pasarela de pagamentos e de administración dos pagamentos, con opción de subscricións, dirixido unicamente a editores de prensa, non de libros.

-Portanto, non está asociado a ningún tipo de CMS online, senón que os contidos están aloxados nos servidores dos editores.

-En España xa hai un grupo de comunicación a facer probas co sistema.

Co recén anunciado sistema de subscricións de Apple para publicacións períodicas, os usuarios xa non terán que pagar separadamente cada número dunha revista ou dun xornal, senón que a editora pode pasar o cargo ao cliente  diaria, semanal, mensual ou anualmente. Espérase así evitar casos como o da revista Wired, cuxos 100.000 exemplares vendidos o día da súa saída, ficaron reducidos á cuarta parte ao longo dos días. A editora fixa o prezo libremente e Apple ingresa o 30% das vendas. As editoras poden ofrecer as mesmas subscricións desde fóra da tenda de Apple, pero nunca cun prezo máis baixo. Iso quere dicir que non poderán xogar fóra coa marxe de Apple. Hai no anuncio tamén unha frase que está a ser comentada nos medios especializados: “As editoras non poden incluír na publicación ligazóns a sitios externos onde os usuarios poidan mercar o mesmo artigo.”, privando así os provedores de contidos, pois non só afecta ás editoras e librarías como Amazon, senón tamén a outros servizos por subscrición como Netflix ou Hulu, de redirixir tráfico cara ás súas propias páxinas de venda. Unha aposta forte de Apple confiada na súa posición de vantaxe, que podería chegar a reconsiderar en función dos avances do Android Market.

Por outra banda, Google anunciou onte One Pass, un servizo de aloxamento de contidos para o seu consumo online dirixido ás editoras pagamento e xestión de pagamentos dirixido a editoras de prensa. Parece que estará dotado dun CMS flexíbel e unha pasarela de comercio electrónico que permite subscricións e pagamentos puntuais a través de Google Checkout. Aparentemente, Google non cobrará ningunha porcentaxe do prezo fixado polo vendedor, senón que percibirá arredor dun 2% de todas as transaccións efectuadas a través de Google Checkout, como vén facendo con ese servizo. As editoras poderán importar os seus usuarios a través dun sistema de cupóns. Os usuarios pagan unha vez e poden acceder aos contidos desde calquera dispositivo, PC ou móbil, co seu identificador.

O servizo é ofrecido inicialmente en Canadá, Francia, Alemania, Italia, España, Reino Unido e nos EUA e a páxina xa ofrece todas estas linguas.

Un paseo pola diáspora

Con moita alegría teño o pracer de reproducir a anotación do meu amigo e no entanto socio Pedro.

Falando de diáspora podiamos falar, se houber quen quixeran, da identidade global galega. O modelo económico liberal do tempo dos caciques deixounos ao noso libre albedrio, e fuximos da miseria en busca de fortuna. Cruzamos o mar e medramos ao carón doutros rios, pero seguimos sendo nós. A vella historia da nosa diáspora que todos escoitamos, e vivimos. Organizámonos alén do mar, onde era posibe, e formamos unha rede de entidades de axuda mutua, un corpo diplomático global para a nosa identidade.

Tamén podiamos repensar os últimos quince anos do fenómeno, a decadencia dos Centros Galegos, os problemas do cambio xeracional, o feito de seren “adiantados pola dereita” por novas formas de achegamento á identidade compartida: podiamos falar de fillos.org, o salto á Rede da diaspora galega, a acollida a miles de irmáns na fala, o traballo desinteresado destes herois da Rede, o status de Centro Galego (un dos máis grandes do mundo, por certo), e da sua chegada a outra illa, blogaliza, despois de moitas navegacións. Tamén, entón, podiamos pensar nos cadernos que estan a agromar na mesma illa: outras olladas, outra perspectiva. Pero non. Falemos de diásporas no dixital.

Quen ten unha conta en Facebook xa sabe que toda a información que alí mete é propiedade de Facebook: fotos, biografia, gustos, afinidades, palabras. Todo. E sabe tamén que a finalidade de Facebook é facer cartos coa sua información. Lembras Matrix, os humanos como baterias e xogadores nunha simulación interactiva? Un Wow no que vives enchufado. Pois eso. A pavorosa obra das máquinas (obras dos humanos) que o Neo e catro gatos máis son quen de chegar a ver cos seus propios ollos (cos “de verdade”). Sentían eles, como obreiros do lugar, algo semellante ao que sentirían os exipcios á vista das pirámides? Que era o que podian sentir os labregos exipcios ao ver as pirámides? Algo semellante ao que nos pasa polo corpo ao mirar ao Gaiás? Dende logo: obras para o tempo. Como Matrix…

Hai meses que un grupo de hackers presentaron o seu proxecto: Diaspora. Unha rede social distribuida. Distribuida? Sinxelo: o “servidor central” non existe. Hai unha enchente de instalacións do servidor espalladas pola Rede, os “pods”, que permiten identificar aos usuarios e darlles cobertura. Se existe un pod, unha instalación de Diaspora, en blogomillo.org, e eu teño un usuario chamado goretoxo nese pod, é posible atoparme dende calquera outro pod buscando a “goretoxo@blogomillo.org“. Fai a proba. Asi de sinxelo. As mensaxes circulan, e podemos amigar con calquera usuario de calquera pod. Unha rede social distribuida.

A dia de hoxe o proxecto esta en forte desenvolvemento e ainda ten moita funcionalidade por escribir, pero xa é instalable: podes montar o teu propio pod e comezar a espallar a semente. Porque o usuario cámase semente (“seed”). Tamén podes crear o teu usuario no pod que prefiras para botarlle unha ollada ao que xa hai, e ao que non: podes comezar a xogar. Pero este é un xogo serio: todo viaxa cifrado. A privacidade e o control da información esta sempre nas mans do usuario. Quen da máis?

Que vai permitir este proxecto? Termos unha rede de facebooks federados dos que poderemos “sacar” os nosos usuarios (exportar o contido é do primeiro que xa podemos facer) para “importalos” noutros. Os usuarios como entidades nómadas, agora si. E, sen necesidade de nomadear, comunicarnos con outros usuarios da rede enteira, alén de fronteiras empresariais.

E vostedes poden probalo en directo, en galego.

A base de pomodoros

Aínda que non son moi dada aos propósitos de ano novo, o comezo de 2011, a necesidade de moverme un pouco máis e Pedro suxírenme experimentar a técnica Pomodoro e alá vou. Desde onte apunto as tarefas do día nunha lista e desdobro en dúas ou en máis as que penso que me van levar máis de 25 minutos. Coa extensión para o navegador Chrome Chromodoro inicio a primeira da lista e recibo un aviso sonoro cando pasaron 25′. É o momento de deiar a cadeira e dedicar 5′ a facer estiramentos e lembrar os taos de Kung Fu esquecidos durante case 10 anos, até que un novo aviso me indica que debo retomar o traballo na tarefa seguinte. E así vai transcorrendo a xornada, co traballo organizado e pechando xanelas que doutro modo teño demasiada tendencia a deixar abertas.

Estamos a experimentar esta técnica cun interese especial por aplicala a un proxecto de formación que estamos a desenvolver para un cliente. Parece que 25′ pode ser unha medida adecuada para facer e rematar actividades nun contorno e ficar coa sensación de termos aproveitado o tempo sen perdernos.

Alén dos xestores de proyectos que moitos equipos e individuos empregna para levar adiante o traballo dunha maneira organizada, utilizades algunha técnica concreta de xestión do tempo para as vosas sesións de traballo no ordenador?

Lector online de Google: 20 Things I Learned About Browsers and the Web

20 Things I Learned About Browsers and the Web

Que Google publique un libro sobre os fundamentos da arquitectura de internet desde o punto de vista do usuario do navegador é xa de por si interesante. Se ademais é quen de reducir os contidos a 20 puntos explicados con sinxeleza para que calquera persoa non familiarizada con palabras como DNS, cookies ou html5 poida facerse unha idea clara do que está a facer cando navega, compra, vende, le e se relaciona na rede, entón é aínda máis interesante. Pero ademais o libro está maquetado con sinxeleza e claridade, os deseños simpáticos e dinámicos, transmiten a súa simplicidade, acorde co principio de Google de que a tecnoloxía nunca debe ser un problema.

Ah, si, tamén inclúen unha pequena animación na páxina 4, para que non pensemos que os elementos en movemento son patrimoni oexclusivo das apps. para o iPhone e para o iPad.

Este libro vai aínda máis lonxe. Non é un PDF para descargar, afortunadamente. É unha publicación online construída con html5 que pode lerse desde o navegador, compartirse enteiro ou por seccións nas redes sociais, e todo a través dunha interface agradábel cuxo deseño non quixo perder a similitude directa co libro en papel, para demostrar que a lectura en pantalla non ten por que conformarse como unha simple visualización de páginas web que convida a un exercicio de lectura irremediabelmente presuros e superficial.

O texto aparece correctamente centrado na pantalla, xogando cun formato de libro con capa dura que se acomoda con facilidade sobre unha mesa. Reparen, o libro aberto descentrado e o contido, o que de verdade sempre importa, no centro do plano.

Como dicía podemos compartir o documento online a través da súa ligazón pública ou envialo directamente a Facebook, a Twitter e ao Buzz. Ademais podemos regular a luz de fondo, para mellor adecualo á vista e lembrar que, se cadra, o debate tinta electrónica vs. pantallas retroiluminadas, se cadra non é tan relevante en canto se alteran algunhas das variábeis da lectura no papel, no sillón de pensar coas zapatillas postas e a manta sobre as pernas.

Actulización: como ben me indica Dani é posíbel gardar o libro en local premendo na ligazón que di “Print”. Grazas, Dani.

E, se ben este libro non ten unha ligazón de descarga directa, si que é posíbel copiar o texto e pegalo nun outro documento para traballar con el doutros modos mais, será preciso gardalo en local cando esteamos conectados permanentemente? Creo que non.

Boto en falta, iso si, a posibilidade de facer anotacións e compartilas e tamén a posibilidade de ver e falar con outras persoas que están a ler o mesmo libro no mesmo momento, funcionalidades que resolveron con moita elegancia os pioneiros de Bookglutton. Pero, ou moito me equivoco ou este non vai ser o último libro que Google publique con esta ferramenta que agora nos dan a coñecer, e que nos próximos días iremos vendo todo o que son quen de facer para ofrecer unha lectura en pantalla de calidade que nos faga reconsiderar o valor da acumulación de arquivos en discos duros, como foi acontecendo coa música e cos contidos audiovisuais nos últimos tempos. Non esquezamos que o anuncio do lanzamento da libraría de Google se sitúa oficialmente para finais de 2010 nos EUA e para o primeiro trimestre de 2011 noutros países.

No transcurso da mesa redonda sobre modelos de negocio para o sector editorial que tivo lugar a semana pasada en FICOD, a directora xeral de Libranda, case facendo un chiste, viuse na necesidade de explicar o que era Libranda. Desvelou que a plataforma tiña entre as súas funcións o desenvolvemento de ferramentas e de canles con antelación á propia necesidade, para que as editoras e as librarías poidesen utilizalas cando se chegase ás situacións que o permitisen, e puxo como exemplo as ferramentas de lectura de libros na nube, como recurso que aínda non pertencía ao presente, mostrando como mínimo a súa ignorancia sobre empresas e organizacións que encetaron ese camiño no pasado, como o mencionado Bookglutton, a xente de O’Reilly -de que non hai que obviar os enormes beneficios que obteñen pola venda de libros sen DRM- ou o proxecto Monocle, por poñer só tres exemplos de distintas naturezas.

A publicación de 20 Things I Learned About Browsers and the Web converte o futuro en pasado e, con el, o presente dá un gran salto desde a semana pasada a esta.

Enviar páxinas do móbil para ler no PC

Esta imaxe é un código QR. Se tedes un móbil Android e instalades nel unha app de lectura de códigos como o Barcode scanner, poderedes escanear os codigos QR e, por exemplo, acceder directamente aos sitios de instalación de applicacións, xa que estes códigos representan urls.

Pois ben, o código da imaxe corresponde ao sitio dunha app. para Android chamada Quick Save, que permite gardar as páxinas que vemos no móbil na nosa conta de Read it later, para poder lelas con calma desde o PC:

1. Abro conta en Read it later.

2. Instalo Quick save no móbil. En settings conéctoo con Read it later.

3. Reviso Twitter, Facebook, Reader desde o móbil.

4. Abro as ligazóns e escollo compartir a través de Quick Save as que quero ler con calma desde o PC.

5. Unha vez no PC leo as ligazóns enviadas desde o móbil.

Twitter e Facebook desde o pc: Hootsuite

Comezo o penúltimo día de agosto poñendo a punto o Hootsuite para enfrontar setembro con axilidade. Hootsuite é unha de tantas apps para a xestión de perfís nas redes scociais. Eu escollina principalmete porque presenta a información de forma clara e porque resulta moi rápida para xestionar perfís múltiplos. Aínda que contempla varias alternativas de pago, a versión de balde é máis que suficiente para min. Ademais ofrece un botón para o navegador, para publicar directamente a través de calquera dos nosos usuarios, en calquera das redes admitidas, a páxina que estamos a visitar. Realmente cómodo.

Tamén teñen versión para o móbil. Pero aí eu prefiro o Seesmic.

Blackbird Pie non me funciona

Blackbird Pie é unha ferramenta oficial de Twitter que, como se pode ver, non funciona no meu blogue -quixen mostrar un tuit do Docampo e “iso” de ahí abaixo foi todo o que conseguín, probabelmente porque Wp traga o código e debamos agardar a que o Pedro lle meta man-. En teoría introducimos a url dun tuit (a hiperligazón da hora do tuiteo) e pegámola na caixa do servizo para que nos xere un código que mostrará o tuit en cuestión cunha presentación agradábel.

Até agora a maneira de postear un tuit era mediante unha aparatosa captura de pantalla que, en último caso, se non se ligaba coa fonte, non colaboraba á promoción do servizo de microbloqueo. Deste modo, se vos funciona, podedes postear tuits rápida e elegantemente e ao mesmo tempo botádeslle unha man a Twitter coa promo.

—————————————-

Xantar cos que foron compañeiros no seminario de Lugo entre 1956-58. Abraiado da síndrome de Estocolmo, fan que esquecen que era o infernoless than a minute ago via web