
Falo con moitas bilbiotecarias preocupadas por se actualizaren e a impresión que tiro é sempre a mesma. Están até arriba de tarefas que saben que xa son obsoletas pero que non se poden simplemente abandonar, senón que precisan dunha reformulación ou dunha reorganización de tempos, espazos e medios. Por outra banda, o préstamo de ebooks é practicamente imposíbel aínda, disque, porque as editoras aínda non teñen decidido como desenvolver a súa venda para as bibliotecas. As experiencias redúcense na maioría dos casos que coñezo ao préstamo de ereaders cargados cunha selección de libros de dominio público; a intención é indiscutibelmente boa, mais o alcance destas propostas é necesariamente escaso, porque non pasa dunha présa a cantidade de lectores que unha biblioteca pode asumir mercar e ademais, polo que vou comprobando de primeira man e percibindo por outros moitos usuarios, son aparellos delicados tanto de corpo como de corazón, o que fai que sexa preciso reinstalarlles o firmware de cando en vez ou envialos ao servizo técnico, sobre todo cando pasan por moitas mans.
Que poden facer as bibliotecas? Está claro que neste momento non poden contar cos catálogos das editoras e que estas, loxicamente, van ofrecerlles os seus produtos, non crear os produtos que as bibliotecas demanden a medida, incluído o DRM de Adobe, do que se di que ten máis dun 40% de transaccións problemáticas. Entón, que se pode facer con poucos recursos se teñen claro que o que teñen que dedicar é tempo ao libro dixital? Realmente moitas cousas, pero eu escollería inicialmente unha: Especializarse en ofrecer libros de dominio público e todos os de licenzas abertas que o permitan, adecuadamente catalogados e con recomendacións por perfís de usuarios. Para isto é preciso:
-Un plan: saber que se pode conseguir cos medios con que se contan nun prazo concreto. Marcar obxectivos e prazos é fundamental, as reunións presenciais non o son.
-Traballar en colaboración. E non é necesario un programa estatal para isto porque existen ferramentas de balde: xestores de proxectos e de tarefas, wikis, blogues, redes sociais. Organizar distintos equipos de traballo cun lugar común de encontro e contar cos usuarios das bilbiotecas que queiran participar; non é preciso ser bibliotecario para colaborar.
-Unha aplicación de lectura online. A poder ser que permita lectura social, aínda que esta sempre se pode desenvolver por outras vías. Hai varias aplicacións libres e, aínda qu eprecisarían certo traballo de desenvolvemento e adaptación, estou certa de que existen persoas e comunidades dispostas a colaborar.
-Organizar todo o catálogo de libre distribución nas 4 linguas do estado engadíndolle a información e os estándares de catalogación de que dispoñen as bibliotecas.
-Usar as estatísticas de préstamos das bibliotecas para elaborar un sistema de recomendacións útil para a comunidade de usuarios.
-Organizar clubs de lectura e actividades de dinamización a través da rede contando, como non pode ser doutro modo, coa comunidade de usuarios para o seu deseño e posta en práctica.
E non é imposíbel, claro que non!