lernos21

Como proximamente estarei dando varias charlas sobre o libro electrónico, acabo de abrir este novo blogue como depósito de información sobre o tema. Hai páxinas dedicadas a bibliotecas que conteñen libro galego en formato dixital, a bibliotecas con libro en castelán e ás redes de lectura en galego e en castelán.

Teño intención de publicar unha relación de todas as editoras galegas que comercializan ou promocionan de balde libro electrónico. Se tes ou coñeces unha editora destas características, agradecería a información en forma de comentario ou ben nun correo (tatimancebo@blogaliza.org)

Os ebooks nas bibliotecas

Falo con moitas bilbiotecarias preocupadas por se actualizaren e a impresión que tiro é sempre a mesma. Están até arriba de tarefas que saben que xa son obsoletas pero que non se poden simplemente abandonar, senón que precisan dunha reformulación ou dunha reorganización de tempos, espazos e medios. Por outra banda, o préstamo de ebooks é practicamente imposíbel aínda, disque, porque as editoras aínda non teñen decidido como desenvolver a súa venda para as bibliotecas. As experiencias redúcense na maioría dos casos que coñezo ao préstamo de ereaders cargados cunha selección de libros de dominio público; a intención é indiscutibelmente boa, mais o alcance destas propostas é necesariamente escaso, porque non pasa dunha présa a cantidade de lectores que unha biblioteca pode asumir mercar e ademais, polo que vou comprobando de primeira man e percibindo por outros moitos usuarios, son aparellos delicados tanto de corpo como de corazón, o que fai que sexa preciso reinstalarlles o firmware de cando en vez ou envialos ao servizo técnico, sobre todo cando pasan por moitas mans.

Que poden facer as bibliotecas? Está claro que neste momento non poden contar cos catálogos das editoras e que estas, loxicamente, van ofrecerlles os seus produtos, non crear os produtos que as bibliotecas demanden a medida, incluído o DRM de Adobe, do que se di que ten máis dun 40% de transaccións problemáticas. Entón, que se pode facer con poucos recursos se teñen claro que o que teñen que dedicar é tempo ao libro dixital? Realmente moitas cousas, pero eu escollería inicialmente unha: Especializarse en ofrecer libros de dominio público e todos os de licenzas abertas que o permitan, adecuadamente catalogados e con recomendacións por perfís de usuarios. Para isto é preciso:

-Un plan: saber que se pode conseguir cos medios con que se contan nun prazo concreto. Marcar obxectivos e prazos é fundamental, as reunións presenciais non o son.

-Traballar en colaboración. E non é necesario un programa estatal para isto porque existen ferramentas de balde: xestores de proxectos e de tarefas, wikis, blogues, redes sociais. Organizar distintos equipos de traballo cun lugar común de encontro e contar cos usuarios das bilbiotecas que queiran participar; non é preciso ser bibliotecario para colaborar.

-Unha aplicación de lectura online. A poder ser que permita lectura social, aínda que esta sempre se pode desenvolver por outras vías. Hai varias aplicacións libres e, aínda qu eprecisarían certo traballo de desenvolvemento e adaptación, estou certa de que existen persoas e comunidades dispostas a colaborar.

-Organizar todo o catálogo de libre distribución nas 4 linguas do estado engadíndolle a información e os estándares de catalogación de que dispoñen as bibliotecas.

-Usar as estatísticas de préstamos das bibliotecas para elaborar un sistema de recomendacións útil para a comunidade de usuarios.

-Organizar clubs de lectura e actividades de dinamización a través da rede contando, como non pode ser doutro modo, coa comunidade de usuarios para o seu deseño e posta en práctica.

E non é imposíbel, claro que non!

Clubs de lectura, bibliotecas, amigos, conversa…

Hai semanas Amazon anunciou que sería posíbel prestar os ebooks para o Kindle baixo as condicións de que o préstamo se levaría a cabo unha soa vez con cada título, que sería por 14 días e que o propietario do exemplar perdería o acceso ao libro durante o tempo que este estivese prestado. Moitas foron as voces que se levantaron son contra destas restricións; a crítica que subxace é que aínda que che concedan algunha graza, un comprador de contidos en forma de ebook non é posuidor de nada, senón usuario dun servizo que a empresa provedora podería desautorizar en calquera momento. O caso é que xa existe o club oficial de préstamos do Kindle e, tal e como debeu planificar o xigante da distribución de textos, que non de contidos en xeral, está a funcionar disque fantasticamente ben. A clave está, como en tantos asuntos, no número de usuarios activos. Xa non é pensar a cal dos meus amigos lle pode interesar ler o libro que eu merquei e que me ofrecerá a cambio, senón que nunha comunidade grande de lectores, seguro que hai quen ten libros que a min me interesan e, se cadra, até podemos acabar falando deles. Os rankings funcionan, e se se incentiva o préstamo, tamén se incentiva a compra de novos libros que poderás prestar á súa vez.

Sobre o papel das bibliotecas no S XXI

Se tedes unha miga de paciencia para ler esta presentación en inglés, non vos defraudará. Realmente abre perspectivas sobre o papel das bibliotecas no presente e no futuro próximo. Por que ancorarse ao significado que unha palabra tivo até agora cando somos libres de darlle o que mellor nos pareza. Por que renunciar a que sigan a ser centros de axuda e asesoramento sobre novas necesidades nos novos tempos?

Biblioteca pública de Helsinki

Dedican a almacenaxe o 30% do espazo, por un 70% que reservan para os usuarios; proximamente mudarań de novo a proporción, reducindo o espazo dos libros até un 20%. Hai emisora de radio, estudio de gravación, sala de instrumentos que calquera pode coller sen que lle pregunten se saber tocar ou non. Conciben a biblioteca como centro de produción de cultura onde o 80% das actividades están organizadas polos usuarios e normalmente son gravadas e/ou retransmitidas. Como se pode ver nesta foto, a maioría das pezas do mobiliario teñen rodas, para poder organizar espazos segundo necesidades en todo momento. Dispoñen de dúas zonas que chaman especialmente a miña atención: unha área onde os usuarios poden acudir cos seus portátiles para pedir axuda até para pequenas reparacións, e unha zona de traballo para empresas e profesionais sen local, de onde se orgullan en dicir que xa saíron dúas importantes startups.
Non é o único concepto válido de blblioteca, desde logo, pero recoñezo que este dipo de proxecto me marabilla. Despois de ter visitado varios centros educativos de Islandia, hai poucos anos, e comprobar o ambiente relaxado e concentrado onde conseguían levar a multitarefa, este tipo de espazos onde as paredes non separan necesariamente actividades diferentes, recoñezo que me encanta.
Moitas máis fotos na anotación orixinal.

Ferramentas online nas bibliotecas

Como sempre, unha anotación interesantísima no blogue do Proverbial Lone Wolf Librarian, esta vez centrada nas ferramentas online que as bibliotecas poden utilizar para promocionar as súas actividades, crear eventos na rede, relacionarse cos seus usuarios nas redes sociais e moito máis. Con referencias claras sobre onde acudir, os custos correspondentes a servizos de pago e exemplos de bibliotecas que teñen en marcha os seus plans de acción na rede.

Online Tools Your Library Needs Now & Why…04.06.10 « The Proverbial Lone Wolf Librarian’s Weblog.