Presentación de El árbol ausente, de Catherine François

O próximo luns 2 de agosto ás 21:00 terei a alegría de presentar unha gran amiga na Feira do libro da Coruña.

El árbol ausente foi escrito por Catherine François en francés, traducido ao castelán por Santiago Auserón e editado por Demipage. A tradución foi revisada por min, cousa pequena, mais enorme ocasión para aproximarme dun texto extraordinario, unha historia que conta moito máis que o que as súas palabras aparentemente refiren.

Os tres presentaremos El árbol ausente e os tres vos convidamos a partillar boa conversa á súa sombra.

Foro aberto

O pŕoximo luns estarei en Foro Aberto na TVG para debater sobre as redes sociais. Propóñovos a todos/as os/as amigos/as que elaboremos unha relación dos beneficios das redes desde o noso punto de vista de galegos e outra relación de argumentacións en contra dos seus detractores.
Convídovos a participar na redacción dos argumentos e comprométome a ir ao programa como portavoz das nosas comunidades, facendo explícita a orixe das reflexións.
Podedes escribir as vosas ideas na páxina de Facebook que acabo de crear pero por favor, lembrade que non é unha páxina de debate sobre o programa, senón a elaboración comunitaria dun argumentario en favor das redes sociais.
Saúde!

Premios Xerais10 desde San Simón

Este sábado pola tarde imos facer un deses traballos que dá gusto facer: imos achegar ata onde a Rede poida levar os Premios Xerais 2010. Farémolo, como sempre, empregando estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reproducción de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.

Se queres comprobar que vas poder asistir ao evento, dende a tua cadeira, bótalle unha ollada á carta de axuste que temos en blogaliza.tv.

Texto recollido do blogue de Pedro

Nace Meubook

Onte presentamos Meubook, a primeira plataforma empresarial galega de edición, distribución e impresión baixo demanda de contidos, Meubook é unha rede social e punto de encontro para editoras, autor@s, librarías, centros de formación e lector@s, e tamén un centro de negocios onde os distintos axentes do mundo editorial poden poñerse en comunicación e multiplicar o resultado dos seus esforzos.

Meubook está desenvolvida nun contorno de software libre baseado en Elgg e dispón de ferramentas propias creadas por Gradiant e a Universidade de Vigo. A partir de finais de xuño os usuarios poderán rexistrarse, subir contidos, vender, mercar ebooks e libros impresos, álbumes de fotos e libros infantís personalizados.

Nós, o equipo de Algueirada, seremos os administradores e dinamizadores da rede social. Mediante a análise permanente dos contidos e da participación na plataforma, asumiremos os labores de mellora coninua do sistema de recomendacións, promoción das obras editadas a través de Meubook e creación de actividades sociais que colaboren a que meubook.com sexa, ademais de todo o dito, un lugar de ocio onde encontrarnos coas nosas amizades.

Estamos realmente contentos e ilusionados con este novo proxecto, ao que nos sumamos con todas as nosas enerxías.

Esta semana temos outra boa noticia que anunciarvos: o equipo de Algueirada administrará a comunidade de meubook.com. Meu book é a primeira plataforma galega de edición de ebooks e de impresión baixo demanda para editoras e autor@s. Estades tod@s convidad@s á presentación que terá lugar na sede de Caixanova en Santiago o día 27 de maio ás 12:00 (para confirmar asistencia podedes chamar ao 902 905 024). Coñeceredes todos os detalles da plataforma e regalaremos camisolas de Blogaliza!

Unha de destaques

Vivo unha semana intensa, complicada e emocionante. Onte comezamos o obradoiro da 3ª edición de ACoruñaSon e, logo da fase de concurso, temos reunidos no Coliseum os compoñentes dos grupos gañadores deste ano a poliren as súas cancións baixo o sabio ensinamento de Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Bieito Romero, Xabier Díaz e Carmen Rei. O sábado celebrarase un concerto de clausura na sala Túnel ás 20:00 ao que poden asistir todas as persoas interesadas en escoitar boa música galega. (a hora inicial era as 21:00 pero finalmente comezará unha hora antes).

Ao mesmo tempo andamos a revisar cuestións de Blogaliza, todas para mellor, para poder darvos conta delas canto antes. Así que esta semana as noticias e reflexións sobre libro electrónico poden ficar unha miga en segundo plano, aínda que procurarei seguir alimentando os compartidos do reader na columna central e do Twitter.

E vou aproveitar esta anotación circunstancial para dicir que me sinto moi honrada por que o meu blogue estea entre os 10 escolleitos por Brétemas para esta iniciativa:

– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a pena recomendar.

Por non repetir, vou ver de escoller outros diferentes aos do Brétemas e aos de Alfredo, que tamén sigo e valoro:

Tecnoloxía

De paso

Eduardo Estévez

Eli Ríos

Capítulo Cero

Maribel Úbeda

Mirinho

Descalza

Opaco

Si home si

As nosas compras na Feira da poesía e da ilustración

Os pelachos pasárono a tope. Démoslles 5 € a cada un para que fixesen as súas compras, como cando nos daban cartos para ir á festa e andaron ao seu polo Quiosco Afonso durante 3 horas o sábado pola tarde. Nunca vira o pelacho facer cola por vontade propia durante 2 horas, nin sequera durante 5′, mais alí estivo ao pé das mesas dos ilustradores para levar para casa os seus tesouros.

Máis info sobre a feira

Bieito Romero presenta ACoruñaSon10

Estamos en marcha con ACoruñaSon10, o certame de canción popular en galego a través de Internet que producimos por terceiro ano desde Algueirada para a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Bieito participou xa no obradoiro do ano pasado cunha conferencia sobre música e tradición, mais este ano será un dos profes, xunto con Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Xabier Díaz e Carmen Rey, que ensinarán os 10 gañadores do certame moitas cousas sobre composición, arranxos, técnica vocal, autoedición e sobre todos os aspectos da produción musical.

Xa se poden escoitar moitas cancións en acorunason.eu

Este é o título da primeira publicación da plataforma Prolingua, que será presentado o próximo 5 de febreiro en máis de 60 localidades de todo o mundo.

“Esta publicación, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.”

A colaboración de Blogaliza será retransmitir en directo desde esta portada e desde o blogue de Prolingua a presentación de Vigo, que terá lugar na Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol) e na que intervirán Xosé Henrique Costas, Manuel Bragado, Agustín Fernández Paz. O streaming poderá seguirse desde o blogue de Prolingua e desde a portada de Blogaliza.

Ademais, se asistides en persoa a algunha das presentacións, queremos convidarvos a que fagades fotos e as subades a Flickr coa etiqueta prolingua, para poder localizalas todas e montar unha galería con elas.

Por último, para quen teña un móbil con conexión de datos: podedes rexistrarvos en Qik, descargar a aplicación e facer o voso propio streaming. Se o etiquetades como prolingua, tamén o ligaremos desde esta portada e o enviaremos ao blogue de Prolingua. Se tedes dúbidas sobre como facer algunha destas cousas podedes deixarnos un aviso.

Vémonos polo mundo enteiro o 5 de febreiro!