-Mamá, que é a crise?
-É complicado, vaime levar tempo explicarcho.
-Ah, eu pensaba que a crise é que hai moita xente que ten pouco diñeiro. Non é iso?
-Exactamente, filla, non se pode explicar con menos palabras
O primo J. conferenciaba para a súa irmá, a prima P.
-Arteixo está en Coruña, Coruña en Galicia, Galicia en España, España en Europa e Europa no planeta Terra. A Terra xira arredor do Sol e están na Vía láctea. Na Vía láctea hai máis planetas: Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno…
Entón interveu a mai dos primos.
-Sabedes, Xúpiter tamén ten lúas e Galileo foi o primeiro en velas.
Entón o primo J. preguntou.
-En que ano foi?
-En 1610
-E que día?
-O 7 de xaneiro. Viunas co seu telescopio.
Entón a prima P. tivo unha das súas saídas gloriosas.
-OHHHHHH, que llo trouxeron, os reis?
A pelacha di que o vaso sobre a mesa está medio baleiro. Eu pregúntolle se non estará medio cheo e fica pensativa.
-Por que me dis iso?
-Porque o mesmo vaso, coa mesma cantidade de auga, hai quen o ve medio cheo e hai quen o ve medio baleiro.
O pelacho, sen ver o vaso, vén polo corredor afirmando que el o ve medio cheo porque é optimista.
A pelacha dálle un par de voltas máis na súa cabeciña e conclúe:
-Pois eu véxoo medio cheo e medio baleiro. A parte de abaixo chea e a parte de arriba baleira.
Como o papá se apelida Ferreiro, a pelacha preguntoulle que era un ferreiro.
-Pois é unha profesión antiga. Os ferreiros traballaban o ferro e facían por exemplo as ferraduras dos cabalos, espadas…
-E con que traballaban o ferro?
-Cun martelo.
-De que?
-Cun martelo de ferro.
-Que cousa tan rara. Os ferreiros traballaban o ferro cun martelo de ferro e para facer un martelo de ferro fai falta traballar o ferro cun martelo de ferro.