Resumo FICOD

Como dicía na miña anotación analóxica feita a poucos minutos de embarcar en Barajas, volto moi contenta polos contactos feitos con editoras, de cara a prestarlles servizos de maquetación de EPUBs para libros con vídeos, imaxes e audios embebidos, así como para proporlles distribuír os seus contidos en diversas plataformas locais e internacionais. Só por esta razón xa pagou a pena; pero ademais gostei de respirar o ambiente dixital de FICOD10. Sorprendeume, debo recoñecelo, que o noso sector perde externamente a súa roupaxe alternativa e a proporción de executivos traxeados e de executivas de tacóns altos, aumentou sensibelmente en comparación coa edición do ano pasado. Xa non somos tan hippies.

Por outra banda, penso xa na edición de 2011. Haberemos de dar un paso máis e probabelmente optarmos a un espazo de presentación oficial de proxectos.

Canto ao sector editorial dixital, non houbo grandes sorpresas explícitas, mais si a miña percepción subxectiva de que a división de internet en varias canles, a internet de primeira clase, de pago, e a de segunda, está cada vez máis próxima. Mágoa.

Vídeo da mesa “¿Existe algún modelo sostenible en el sector de las publicaciones?”