Clubs de lectura, bibliotecas, amigos, conversa…

Hai semanas Amazon anunciou que sería posíbel prestar os ebooks para o Kindle baixo as condicións de que o préstamo se levaría a cabo unha soa vez con cada título, que sería por 14 días e que o propietario do exemplar perdería o acceso ao libro durante o tempo que este estivese prestado. Moitas foron as voces que se levantaron son contra destas restricións; a crítica que subxace é que aínda que che concedan algunha graza, un comprador de contidos en forma de ebook non é posuidor de nada, senón usuario dun servizo que a empresa provedora podería desautorizar en calquera momento. O caso é que xa existe o club oficial de préstamos do Kindle e, tal e como debeu planificar o xigante da distribución de textos, que non de contidos en xeral, está a funcionar disque fantasticamente ben. A clave está, como en tantos asuntos, no número de usuarios activos. Xa non é pensar a cal dos meus amigos lle pode interesar ler o libro que eu merquei e que me ofrecerá a cambio, senón que nunha comunidade grande de lectores, seguro que hai quen ten libros que a min me interesan e, se cadra, até podemos acabar falando deles. Os rankings funcionan, e se se incentiva o préstamo, tamén se incentiva a compra de novos libros que poderás prestar á súa vez.