GSG. Presentación dos Versos fatídicos de Alfredo Ferreiro. | Xalundes

Vídeo de Tono Galán sobre a presentación de Versos fatídicos, de Alfredo Ferreiro en Milpedras o 16 de decembro de 2011.

GSG. Presentación dos Versos fatídicos de Alfredo Ferreiro. | Xalundes.

GSG. Presentación do libro Versos fatídicos. Alfredo Ferreiro from MrEIDANPELIS on Vimeo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha da pelacha: como complicamos as cousas

-Mamá, que é a crise?

-É complicado, vaime levar tempo explicarcho.

-Ah, eu pensaba que a crise é que hai moita xente que ten pouco diñeiro. Non é iso?

-Exactamente, filla, non se pode explicar con menos palabras :D

Chuzame! A Facebook A Twitter

Informe sobre o que estamos dispostos a pagar polo prezo dos contidos

Ligazón

¿Cuál es el precio que los usuarios están dispuestos a pagar por los contenidos digitales? « Actualidad Editorial.

Sempre que o prezo sexa inferior que o dos obxectos físicos e que haxa un valor engadido ligado á calidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Autoedición: os consellos de Tim Tebow

Tim Tebow, revisor de libros autoeditados, ofrece os seguintes consellos a quen decida autoeditarse.

1. Revisión ortográfica profesional.

2. Revisión de contidos profesional.

3. O título importa e crea expectativas que deben cumprirse.

4. Os textos da capa deben ser lexíbeis.

5. Inclúe un resumo breve do libro na parte superior da contracuberta.

6. Non confíes no feedback de familia e amigos.

7. Pregúntate quen vai ler o teu libro.

8. Estuda o mercado antes de dar o libro por rematado.

9. Nunca mates o mensaxeiro cando cheguen as críticas.

10. Mantén o ollo na pelota, é fácil perder a concentración.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os tempos que nos tocan

Anotación

Cando estudaba COU veu un amigo propoñéndome a min e a outros amigos que ingresásemos 5.000 pesetas nas contas das dúas primeiras persoas que aparecían nunha lista, que copiásemos a lista de novo eliminando o primeiro nome e engadindo o propio e que fixésemos dúas copias, que debiamos vender por 5.000 pesetas a dous novos amigos. Varias das miñas amigas apuntáronse, por moito que discutín con elas: que non hai nada que se multiplique só, que cando uns gañan é que outros perden, eu que sei, que eu non me metín porque non me parecía honrado nin viábel, así que non había dúbidas.

Tanto me ten quen mo explique e con que nivel de concreción, a situación actual da economía europea lémbrame moito aquela historia do meu COU. Non preciso dicir que, no mellor dos casos, as miñas amigas venderon as súas listas a familiares con máis posibles que elas, ninguén chegou a ver un peso e, como a fin de contas non estabamos a falar de máis que uns miles de pesetas das daquela, o asunto axiña se esqueceu, o que non será o caso europeo.

Sabemos que o sistema non funciona, mais empeñámonos en alongarlle a vida artificialmente, a ver se nos dá tempo a morrer antes que el ou se precipita a identificación definitiva do noso planeta cunha multinacional global. Non andará máis atinada Islandia?

Sinceramente, non quero que se equivoquen máis por min, podo perfectamente coa parte de responsabilidade que me corresponde. Se teño que pasar estreiteces quero estar convencida de que as repartimos equitativamente, aínda que nos afecten de modo diverso, e de que o facemos polo ben común. Quero participar, escoller, decidir, non delegar en persoas ou partidos financiados polas grandes corporacións e polos bancos. En realidade non os necesitamos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Santiago Auserón, Premio Nacional de Músicas Actuais 2011

(Escribín este artigo para LVdG a proposta de Rubén Ventureira para a páxina que dedica o Culturas da semana pasada ao Premio Nacional de Músicas actuais 2011. Como este suplemento non se publica na web, non podo engadir a ligazón para a fonte.)

ACS09Unha mañá de 2007 case caín da cadeira ao escoitar no móbil “Hola, soy Santiago Auserón.” O que para min era o mellor creador, intérprete e estudoso da música popular na península chamaba para dicirnos que a proposta de dirixir un certame de música popular na rede, cuxo premio sería a gravación dun disco colectivo e un obradoiro de composición, parecíalle interesante e que estaba decidido a tela en consideración, malia nunca até o momento ter aceptado dar aulas. Tamén me dixo que ficara gratamente sorprendido e agradecido polo facsímil do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa que acompañaba a nosa misiva. Contoume que o tivera nas mans estando de xira en Portugal con Radio futura e que se tiña arrepentido de non mercalo; nunca pensou que podía acabar nas súas mans dese modo.

Só faltaba atopar financiamento para o proxecto mais, tendo conseguido convencer o único candidato que se nos antoxaba plausíbel, a cuestión económica había de ser de fácil resolución; e así foi. A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña apostou con firmeza polo proxecto e, tras un ano de intenso traballo co mestre, ACoruñaSon08 fíxose realidade, e tamén ACS09 e ACS10, esta última xa sen a dirección de Auserón.

María Xosé Silvar, Mr. Carácter, Tonhito de Poi, Fracasados de antemano, Pablo Díaz e Pulpiño Viascón son só unha parte dos cincuenta músicos que, de forma unánime, destacaron do seu mestre a erudición, as habilidades comunicativas, a implicación e a actitude de seriedade ante o traballo en cada unha das fases da creación artística.

Santiago puxera como condición para asumir a dirección de ACS que, ademais de ensinar o que sabía, el tamén debería aprender algo. Sei que foi así e sei que a pegada que xenerosamente nos deixou, sempre acompañará todos eses artistas que xa forman parte do melloriño da nosa música actual.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os límites da real-idade

-Mamá, a ti gustaríache ser sempre nena?

-Non, pelacha, a min gústame que as cousas duren o que teñen que durar.

-Ah, claro, e ademais o espazo-tempo destruiríase, verdade? Porque sería como se me tiveses a min sendo nena. E cres que se destruiría todo o noso planeta?

-Non, pelacha, non creo que fose para tanto.

-E se se destruíse o espazo-tempo, cantas persoas cres que morrerían?

-Nese caso creo que non ficaría nada, pelacha.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A maxia de verdade

-Pois Antonio, o profe de EF, colle xiz na man e sopra e desaparece. E despois pásache a man pola orella e aparece na túa orella. Iso é maxia de verdade?

-É maxia

-Pero ti cres na maxia de verdade?

-Pelacha, eu toda a maxia que teño visto tiña truco.

-Pero entón non cres na maxia de verdade.

-Visto así, non.

-Pero entón que pasou para que non creas na maxia. Algo che tivo que pasar… E nas fadas tampouco cres?

-Nunca vin ningunha.

-Eu tampouco, pero si que creo nelas. Non viches ningunha porque non cres, e se non cres desaparecerán, que o vin na peli de Campanilla.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Tempus fugit

-Mamá, é que ás veces me poño a pensar e resúltame moi difícil explicar con palabras as cousas que penso.

E coa entonación de comezar unha relación interminábel dixo simplemente:

-Por exemplo no rápido que pasa o tempo, que o sinto, pero non son capaz de explicalo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

De sereas e fluídos

-Mamá, dígoche unha cousa: as sereas como poden facer pis?
-Pois non cho sei, pelacha, seguro que non fan pis. E chisqueille un ollo.

Chuzame! A Facebook A Twitter