Santiago Auserón, Premio Nacional de Músicas Actuais 2011

(Escribín este artigo para LVdG a proposta de Rubén Ventureira para a páxina que dedica o Culturas da semana pasada ao Premio Nacional de Músicas actuais 2011. Como este suplemento non se publica na web, non podo engadir a ligazón para a fonte.)

ACS09Unha mañá de 2007 case caín da cadeira ao escoitar no móbil “Hola, soy Santiago Auserón.” O que para min era o mellor creador, intérprete e estudoso da música popular na península chamaba para dicirnos que a proposta de dirixir un certame de música popular na rede, cuxo premio sería a gravación dun disco colectivo e un obradoiro de composición, parecíalle interesante e que estaba decidido a tela en consideración, malia nunca até o momento ter aceptado dar aulas. Tamén me dixo que ficara gratamente sorprendido e agradecido polo facsímil do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa que acompañaba a nosa misiva. Contoume que o tivera nas mans estando de xira en Portugal con Radio futura e que se tiña arrepentido de non mercalo; nunca pensou que podía acabar nas súas mans dese modo.

Só faltaba atopar financiamento para o proxecto mais, tendo conseguido convencer o único candidato que se nos antoxaba plausíbel, a cuestión económica había de ser de fácil resolución; e así foi. A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña apostou con firmeza polo proxecto e, tras un ano de intenso traballo co mestre, ACoruñaSon08 fíxose realidade, e tamén ACS09 e ACS10, esta última xa sen a dirección de Auserón.

María Xosé Silvar, Mr. Carácter, Tonhito de Poi, Fracasados de antemano, Pablo Díaz e Pulpiño Viascón son só unha parte dos cincuenta músicos que, de forma unánime, destacaron do seu mestre a erudición, as habilidades comunicativas, a implicación e a actitude de seriedade ante o traballo en cada unha das fases da creación artística.

Santiago puxera como condición para asumir a dirección de ACS que, ademais de ensinar o que sabía, el tamén debería aprender algo. Sei que foi así e sei que a pegada que xenerosamente nos deixou, sempre acompañará todos eses artistas que xa forman parte do melloriño da nosa música actual.

Bieito Romero presenta ACoruñaSon10

Estamos en marcha con ACoruñaSon10, o certame de canción popular en galego a través de Internet que producimos por terceiro ano desde Algueirada para a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Bieito participou xa no obradoiro do ano pasado cunha conferencia sobre música e tradición, mais este ano será un dos profes, xunto con Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Xabier Díaz e Carmen Rey, que ensinarán os 10 gañadores do certame moitas cousas sobre composición, arranxos, técnica vocal, autoedición e sobre todos os aspectos da produción musical.

Xa se poden escoitar moitas cancións en acorunason.eu

Xa temos disco ACoruñaSon09

Xa está o disco do obradoiro de canción popular A Coruña Son rematado e subido á web, onde podedes descargalo xa xunto coa portada e o folleto. No relativo ás copias físicas, esperamos ter unhas 200 para este sábado, que serán repartidas entre os asistentes no concerto de Fracasados de antemano na inauguración da Biblioteca Municipal dos Rosais na Coruña. Os que poidades asistir ao concerto poderedes xa recoller algunha copia. Os que non poidades asistir haberedes agardar unha semana máis a que nos entreguen o resto das copias para terdes as vosas. Imos comezar a promo do disco a través dos medios tradicionais e tamén nas redes sociais.