Hai 21 anos Alfredo e eu decidimos comezar a camiñar xuntos. Hai 11 anos decidimos ter fillos e tivemos 2. Hai 6 anos comprendimos que non queriamos volver a traballar nunha oficina con horario pechado nin deixarmos a pel en asuntos que non nos ilusionaban o suficiente como para facer valer tanto esforzo. Entón, xa que non eramos ricos herdeiros, foi preciso construír os nosos postos de traballo e polo camiño atopamos a Pedro, quen tamén andaba polas mesmas corredoiras. Durante estes anos creamos blogues, axudamos outras persoas a sacar os seus adiante, pensamos e repensamos Blogaliza -hai grandes novidades á volta do verán-, creamos contidos culturais para outros, demos aulas, conferencias, transmitimos ánimo e confianza aos desconfiados polo sorprendente presente, andamos coa cámara ao ombro tentando deixar rastro do que chamaba a atención dos nosos ollos… e aí seguimos.

Aínda que poida parecelo polo ton, isto non é ningunha despedida senón todo ao contrario. O meu primeiro blogue serviume para amoldarme a unha disciplina, lixeira mais constante, iso que ás veces tanto traballo me custa, por máis que me enganche un asunto. Hai ano e pico quedoume pequeno, porque desexaba escribir sobre outros temas e non o daba feito nun marco tan definido; foi entón cando abrín estoutro e botei os últimos meses a escribir sobre o libro na era dixital, ou case diría o último curso, pois antes porque eramos estudantes e agora porque temos fillos en idade escolar, seguimos a medir os anos en cursos.

Entre os froitos desta tempada están unhas pílulas de coñecemento sen efectos secundarios e a posibilidade que se nos abriu na primavera de sumarnos ao proxecto Meubook, onde proximamente administraremos e dinamizaremos a comunidade e forneceremos os contidos relacionados co mundo editorial. Por esta razón deixarei de publicar no meu blogue nalgúns casos os artigos relacionados coa industria editorial, para facelo directamente no blogue de Meubook, que axiña presentaremos. Ah, pero ao final si había algún tipo de despedida nesta anotación?

Non, tras estes dous meses de case desconexión en que fomos de viaxe e á praia canto poidemos, redefino os contidos do meu blogue e a miña actividade persoal na rede ao mesmo tempo en que estou a escribir, e propóñome facer o seguinte:

-Anotarei no blogue as noticias e reflexións sobre o libro que me parezan relevantes a nivel persoal e abrirei novas categorías, por exemplo anotacións sobre aplicacións de Android que creo que poden ser útiles para as persoas que me ledes. Tamén me propoño contar algunhas cousas sobre a nosa empresa, sobre a nosa maneira de traballar, sobre a nosa historia, porque cremos que pode ser interesante facer público un modo de traballar e de integrar o traballo na vida, que non é o máis habitual, pero non por iso é menos viábel.

-Até antes do verán comentaba e compartía os feeds que me interesaban a partir de Google Reader e de aí os enviaba segundo os casos a Twitter e a Facebook. A partir de agora seguirei a ler no Reader mais partillarei directamente a través de Twitter porque estou a atopar xente moi interesante coa que conversar e coa que trocar información e mesmo iniciar proxectos. Así pois farei un uso máis profesional que persoal do Twitter, aínda que sempre hai excepcións, claro.

-Canto ao Facebook, con todas as súas eivas e perversidades, é unha das canles que me facilitan estar en contacto coa miña xente, amais de coñecer outra ben interesante, berrar máis alto en compañía e botar unhas risas todos os días, portanto continuarei co uso máis persoal que fago desta ferramenta e engadirei os twits para aquelas persoas a quen poidan interesar.

E xa está, ao final non era tanto. Agora que o escribín será máis fácil.

Nace Meubook

Onte presentamos Meubook, a primeira plataforma empresarial galega de edición, distribución e impresión baixo demanda de contidos, Meubook é unha rede social e punto de encontro para editoras, autor@s, librarías, centros de formación e lector@s, e tamén un centro de negocios onde os distintos axentes do mundo editorial poden poñerse en comunicación e multiplicar o resultado dos seus esforzos.

Meubook está desenvolvida nun contorno de software libre baseado en Elgg e dispón de ferramentas propias creadas por Gradiant e a Universidade de Vigo. A partir de finais de xuño os usuarios poderán rexistrarse, subir contidos, vender, mercar ebooks e libros impresos, álbumes de fotos e libros infantís personalizados.

Nós, o equipo de Algueirada, seremos os administradores e dinamizadores da rede social. Mediante a análise permanente dos contidos e da participación na plataforma, asumiremos os labores de mellora coninua do sistema de recomendacións, promoción das obras editadas a través de Meubook e creación de actividades sociais que colaboren a que meubook.com sexa, ademais de todo o dito, un lugar de ocio onde encontrarnos coas nosas amizades.

Estamos realmente contentos e ilusionados con este novo proxecto, ao que nos sumamos con todas as nosas enerxías.

Esta semana temos outra boa noticia que anunciarvos: o equipo de Algueirada administrará a comunidade de meubook.com. Meu book é a primeira plataforma galega de edición de ebooks e de impresión baixo demanda para editoras e autor@s. Estades tod@s convidad@s á presentación que terá lugar na sede de Caixanova en Santiago o día 27 de maio ás 12:00 (para confirmar asistencia podedes chamar ao 902 905 024). Coñeceredes todos os detalles da plataforma e regalaremos camisolas de Blogaliza!