Sorprendeume atopar no WSJ a afirmación rotunda de que os sistemas de autoedición dixital están a crear un novo nicho no sector do libro que supón unha ameaza para a industria tradicional. Se ben as vendas de libros en papel caeron o 1.8% en 2009, o equivalente a case 24 millóns de dólares, as de ebooks multiplicáronse por 3 e chegaron aos 313 millóns de dólares, e xa supoñen entre o 5% e o 10% do mercado editorial estadounidense.
En España disque os ebooks non se venden ben e que representan menos do 2% do mercado, pero a verdade é que o catálogo é aínda moi escaso e, de non ser polas editoras de libro técnico, a porcentaxe sería aínda máis baixa. As plataformas estadounidenses comezan a apostar poderosamente pola autoedición: a Kindle Digital Text Platform, que ofrecía até agora o 35% dos ingresos aos autores que se autoeditaban, pasará a cederlles o 70% a partir deste mes, sempre que fixen os prezos dos seus libros por baixo dos 10 $. B&N lanzará este verán Publt!, mais os termos dos contratos de autoedición aínda non foron anunciados. Pola súa parte Apple acaba de lanzar un plan de autoedición e ofrece tamén o 70% aos autores, que teñen liberdade para fixar os prezos dos seus títulos. A experiencia nos di que os prezos por baixo dos 5$ axudan a que os libros se vendan mellor.
Cun pouco de lóxica é fácil entender que moitos autores, sobre todo se contan cunha comunidade de seguidores fieis, prefiran aceptar o 70% de 100.000$, que o 15% , no mellor dos casos, dos 200.000$ que ingresaría unha editora tradicional. Por iso plataformas como Amazon xa teñen conseguido asinar contratos con escritores supervendas como Stephen King. Hai voces que apuntan a que este novo modelo de negocio supón unha ameaza para a industria editorial tradicional en xeral, mais outras argumentan que a ameaza paira só sobre as editoras que non están a desenvolver un plan real de negocio co libro electrónico.
Grandes multinacionais do libro como MacMillan chegaron a retirar os seus catálogos de Amazon hai uns meses porque esta non lles permitía fixar prezos por riba dos 10$. Ao final Amazon tivo que ceder e aceptar o 30% das vendas sobre os prezos libremente marcados polas editoras; é o que se chama modelo axencia. Apple opera de modo similar e esixe ás editoras que non vendan a prezos máis baixos en ningún outro lugar. O resultado é que os prezos dos ebooks das multinacionais son só entre un 15% e un 30% máis baratos que as edicións en papel, e que, se nos contentamos con mercar exemplares usados, estes poden ser depositados no noso domicilio por menos cartos do que custan as versións dixitais. Non é o prezo a única desvantaxe: o DRM incorporado aos exemplares electrónicos empece a compatibilidade entre distintos dispositivos e aplicacións de lectura, e un cambio de máquina por parte do usuario pode facer que teña que deitar no lixo boa parte da súa biblioteca.
Que ofrecen a maiores as grandes plataformas multimarca? O máis importante de todo hoxe en día: un sistema automático de recomendacións baseado nas súas redes sociais, que dificilmente pode chegar a construír e cultivar unha soa editorial, por grande que sexa, porque os usuarios mercan habitualmente libros de distintas marcas, e nin sequera cada autor ten todas as súas obras nun mesmo selo editorial. Dáse o paradoxo de que nunha comunidade como a de Amazon, ou a de Apple, un libro autoeditado pode chegar a ser tan altamente valorado como outro lanzado por unha multinacional, acompañado dunha campaña poderosa de márketing. Apple e Amazon son conscientes do seu poder para chegar aos usuarios porque saben como se chaman, que libros prefiren e incluso que é o que máis valoran en cada obra que mercan.
E que está a acontecer en España? Este será o contido da segunda parte deste artigo: unha análise benintencionada dos pasos dados até agora polas grandes, as medianas e as pequenas editoras en España en xeral e en Galiza en particular, sobre as posibilidades e os limites que os precedentes internacionais supoñen para o noso mercado e os distintos escenarios posíbeis a curto e medio prazo en que nos pode tocar actuar.