Vender libros hoxe

En GalleyCat podemos ver os grandes erros detectados polo autor de bestsellers de autoaxuda Tim Ferriss, quen está a promocionar o seu último libro, esta vez de cociña, a través de Bittorrent. Vounos traducir en forma de consellos:

  • Aprender cales son os tipos de titulares que viaxan máis rapidamente pola rede. Ferriss propón Digg e Reddit como lugares onde acudir na procura de modelos.
  • Concibir os social media como algo máis que texto. En particular, un booktrailer pode ser decisivo para a promo dun libro. Eis un exemplo do propio Ferriss:

  • Unha fórmula para Twitter: 80% de ligazóns interesantes e 20% de info persoal relevante.
  • Medir os efectos de cada paso dado sobre uns obxectivos iniciais para adaptar a promo sobre a marcha.
  • Establecer relacións persoais con blogueiros influíntes.

Non deixedes de botar un ollo á promo que fixo dun título anterior onde converteu a esponsorización tradicional nun proceso de crowdfunding contrarreloxo.

 

Clubs de lectura, bibliotecas, amigos, conversa…

Hai semanas Amazon anunciou que sería posíbel prestar os ebooks para o Kindle baixo as condicións de que o préstamo se levaría a cabo unha soa vez con cada título, que sería por 14 días e que o propietario do exemplar perdería o acceso ao libro durante o tempo que este estivese prestado. Moitas foron as voces que se levantaron son contra destas restricións; a crítica que subxace é que aínda que che concedan algunha graza, un comprador de contidos en forma de ebook non é posuidor de nada, senón usuario dun servizo que a empresa provedora podería desautorizar en calquera momento. O caso é que xa existe o club oficial de préstamos do Kindle e, tal e como debeu planificar o xigante da distribución de textos, que non de contidos en xeral, está a funcionar disque fantasticamente ben. A clave está, como en tantos asuntos, no número de usuarios activos. Xa non é pensar a cal dos meus amigos lle pode interesar ler o libro que eu merquei e que me ofrecerá a cambio, senón que nunha comunidade grande de lectores, seguro que hai quen ten libros que a min me interesan e, se cadra, até podemos acabar falando deles. Os rankings funcionan, e se se incentiva o préstamo, tamén se incentiva a compra de novos libros que poderás prestar á súa vez.

Historia do ebook

Este é o tema sobre o que estarei a falar esta mañá nas Xornadas sobre o libro electrónico na biblioteca e no ensino, que terán lugar hoxe e mañá na biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación

Revistas e préstamo de libros para Kindle

Baixo o lema Compra unha vez e le en todas partes, Amazon vén de anunciar que proximamente adaptará todas as súas aplicacións de lectura para que o usuario poida mercar unha revista ou un xornal e acceda ao seu exemplar tanto desde un iPad, como desde un teléfono Android, como desde o PC.

Por outra banda aproveitou co comunicado para anunciar tamén que cara a finais de ano esitoras e autores poderán permitir que os seus compradores presten os libros adquiridos. Cando o promietario presta un libro a un amigo -durante non máis de 14 de días e nunha soa ocasión- en realidade está a cederlle o seu dereito de lelo durante ese tempo, transcorrido o cal o acceso ao libro volve ás mans do seu propietario.

Un novo reforzo para o sistema e recomendacións de Amazon.

Via Teleread

Breve análise do mercado editorial dixital (I)

Sorprendeume atopar no WSJ a afirmación rotunda de que os sistemas de autoedición dixital están a crear un novo nicho no sector do libro que supón unha ameaza para a industria tradicional. Se ben as vendas de libros en papel caeron o 1.8% en 2009, o equivalente a case 24 millóns de dólares, as de ebooks multiplicáronse por 3 e chegaron aos 313 millóns de dólares, e xa supoñen entre o 5% e o 10% do mercado editorial estadounidense.

En España disque os ebooks non se venden ben e que representan menos do 2% do mercado, pero a verdade é que o catálogo é aínda moi escaso e, de non ser polas editoras de libro técnico, a porcentaxe sería aínda máis baixa. As plataformas estadounidenses comezan a apostar poderosamente pola autoedición: a Kindle Digital Text Platform, que ofrecía até agora o 35% dos ingresos aos autores que se autoeditaban, pasará a cederlles o 70% a partir deste mes, sempre que fixen os prezos dos seus libros por baixo dos 10 $. B&N lanzará este verán Publt!, mais os termos dos contratos de autoedición aínda non foron anunciados. Pola súa parte Apple acaba de lanzar un plan de autoedición e ofrece tamén o 70% aos autores, que teñen liberdade para fixar os prezos dos seus títulos. A experiencia nos di que os prezos por baixo dos 5$ axudan a que os libros se vendan mellor.

Cun pouco de lóxica é fácil entender que moitos autores, sobre todo se contan cunha comunidade de seguidores fieis, prefiran aceptar o 70% de 100.000$, que o 15% , no mellor dos casos, dos 200.000$ que ingresaría unha editora tradicional. Por iso plataformas como Amazon xa teñen conseguido asinar contratos con escritores supervendas como Stephen King. Hai voces que apuntan a que este novo modelo de negocio supón unha ameaza para a industria editorial tradicional en xeral, mais outras argumentan que a ameaza paira só sobre as editoras que non están a desenvolver un plan real de negocio co libro electrónico.

Grandes multinacionais do libro como MacMillan chegaron a retirar os seus catálogos de Amazon hai uns meses porque esta non lles permitía fixar prezos por riba dos 10$. Ao final Amazon tivo que ceder e aceptar o 30% das vendas sobre os prezos libremente marcados polas editoras; é o que se chama modelo axencia. Apple opera de modo similar e esixe ás editoras que non vendan a prezos máis baixos en ningún outro lugar. O resultado é que os prezos dos ebooks das multinacionais son só entre un 15% e un 30% máis baratos que as edicións en papel, e que, se nos contentamos con mercar exemplares usados, estes poden ser depositados no noso domicilio por menos cartos do que custan as versións dixitais. Non é o prezo a única desvantaxe: o DRM incorporado aos exemplares electrónicos empece a compatibilidade entre distintos dispositivos e aplicacións de lectura, e un cambio de máquina por parte do usuario pode facer que teña que deitar no lixo boa parte da súa biblioteca.

Que ofrecen a maiores as grandes plataformas multimarca? O máis importante de todo hoxe en día: un sistema automático de recomendacións baseado nas súas redes sociais, que dificilmente pode chegar a construír e cultivar unha soa editorial, por grande que sexa, porque os usuarios mercan habitualmente libros de distintas marcas, e nin sequera cada autor ten todas as súas obras nun mesmo selo editorial. Dáse o paradoxo de que nunha comunidade como a de Amazon, ou a de Apple, un libro autoeditado pode chegar a ser tan altamente valorado como outro lanzado por unha multinacional, acompañado dunha campaña poderosa de márketing. Apple e Amazon son conscientes do seu poder para chegar aos usuarios porque saben como se chaman, que libros prefiren e incluso que é o que máis valoran en cada obra que mercan.

E que está a acontecer en España? Este será o contido da segunda parte deste artigo: unha análise benintencionada dos pasos dados até agora polas grandes, as medianas e as pequenas editoras en España en xeral e en Galiza en particular, sobre as posibilidades e os limites que os precedentes internacionais supoñen para o noso mercado e os distintos escenarios posíbeis a curto e medio prazo en que nos pode tocar actuar.

Queremos catálogo de ebooks xa!

Amazon quería vender libros a prezos máis baratos do que estaban dispostas a aceptar as editoras. Apple cobra unha comisión do 30% pero os libros non se deben vender en ningures a prezos máis baixos que na iStore. En España os editores se queixan de que non se vende libro dixital cando, en realidade o que queren dicir, é exactamente iso, simplemente que non venden, porque, como explica maxistralmente Julieta Lionetti, aínda non puxeron as mercadorías no escaparate, nun intento a morte de adiar o inevitábel. E mentres, os autores negocian cos seus editores, ou agardan, mais non se dan a aventuras que os poidan deiaxar quedar en ridículo, que é o máximo que pode acontecer a un sector profesional que nunha ampla maioría di non vivir dos dereitos e autor.

No propio blogue de Julieta comentaba onte Fran Ontanaya que, tomando o exemplo do escritor que publica 10 novelas na súa vída, e considerando que un mesmo lector que as mercase todas, non fornecería máis de 20 € ao noso autor, non lle pagaría a pena a este procurar un grupo de seguidores fieis que pagasen esa cantidade polo pase para acceder a todo canto ese escritor producise? Chegamos entón ao modelo de subscrición, sexa este promovido pola editora, pola libraría -se é que seguen a ser entidades diferentes, como nos quere facer pensar Libranda- ou polo autor. Voltamos entón a cuestionarnos o sentido da propiedade dixital, inzada de incompatibilidades relacionadas cos dispositivos -que fai que uns arquivos fiquen obsoletos e haxa que mercalos de novo, que non se poidan prestar ou que, despois de gastar uns cartos que en ningún caso nos van devolver, descubramos que son ilexíbeis no aparello que queriamos levar á praia-. Neste sentido GoogleBooks, axiña xa, pode provocar cambios que, ao final non han ser nin tan bos nin tan malos para ninguén, mais cando menos introducirán aire nun ambiente que cada día se me antoxa máis irrespirábel.

The Digital Reader

iPad, Kindle, tablets Android e Google Books

Hai unhas semanas apareceu no mercado o iPad e hai poucos días a súa versión 3G. Como ordenador é cativo, os contidos son moi limitadiños porque hai que pasar pola iStore, pero ten 9 horas de autonomía e permite a conexión permanente á rede e a utilización de servizos de comunicación con comodidade. Esta suma de razóns fai que se teñan vendido xa arredor de 1 millón de unidades. De acordo que é o aparello ideal para un tipo concreto de consumidor, ou máis ben, para os usuarios que se senten unicamente consumidores e que valoran as recomendacións de Apple até o punto de cederlle o papel de editora das súas vidas. Para min non vale.

Canto todos os gurús daban por certo que o iPad acelerara a data de caducidade dos lectores de libros dedicados, Amazon anuncia unha nova versión do Kindle que promete andar moito máis fino e posibilitar a lectura social, apostando por ela como valor inescusábel do acto de ler no S XXI. O novo Kindle, tamén con conexión 3G, permite resaltar pasaxes memorábeis e levalas a unha páxina construída para a ocasión, onde aparecen todas seleccións enviadas por máis de 2 lectores. Ademais ofrece exportación de notas e fragmentos a Facebook e a Twitter. Tampouco me gusta: non quero atarme ao formato MobiPocket de Amazon porque Amazon non me serve como provedor principal de libros. Non quero cargar con dous aparellos, xa sei que isto xa o dixen moitas veces, se en realidade hoxe contamos coa tecnoloxía precisa para manexar unha soa máquina que sexa centro de comunicacións e fonte de lectura ao mesmo tempo. De todos modos, creo que o Kindle vai vivir a súa segunda idade de ouro, ou continuar a primeira, pola cantidade de persoas que non queren realmente un ordenador senón un libro, e que atopan en Amazon todos os libros que desexan, ou desexan algúns de todos os libros que Amazon lles recomenda, que neste caso acaba sendo o mesmo.

Efectivamente, eu quero o seguinte da lista, ese do que Steve Jobs di “quen queira porno, que merque android”: un tablet co sistema operativo Android, de entre 7″ e 9″, con conexión 3G, que iguale a autonomía do iPad e o seu peso, que teña webcam e que non supere os 300 €; e, ou moito me equivoco, ou o verán será a data de inflexión para atopalo no mercado e que o meu desexo se volva necesidade. A partir dese día usarei o móbil só nas ocasións en que precise non levar ningún tipo de bolso.

Deixo Google Books para o final simplemente porque acaba de anunciarse que, tal e como prometeran hai aproximadamente un ano, van abrir o chiringuito entre finais de xuño e comezos de xullo. A partir desa data, cun tablet con android, ademais de mercar libros en calquera outro lugar, de nolos prestar cos amigos e mesmo escribilos, poderemos mercarllos a Google e lelos online, con calquera aparello conectado á rede, conservando as marcas de lectura porque xa non as gardaremos no dispositivo senón na nosa conta, como os correos de Gmail ou outros libros de servizos similares como o Bookworm do O’Reilly.

Amazon e o iPad

Parece ser que a app de Amazon para o iPad presenta serias limitacións que fan que o usuario tire a conclusión de que foi pensada para que se merquen os libros desde o Kindle para logo transferilos para o iPad. Funcionará? Joe Wikert pensa que non, que vai preferir mercar os libros directamente na tenda de Apple desde o propio iPad porque le mellor nel: non lle cansan os ollos, como moitos anunciaban, ten wifi, pode manexar os libros de modo moito máis áxil, en fin, que o Kindle (e todos os lectores monocromos e desconectados) lle parece un aparello do pasado.

Joe Wikert’s Publishing 2020 Blog: Amazon’s Next Move.

Unha historia de prezos

Retrocedamos no tempo: Amazon marca a barreira das novidades en 9.99 $. Algunha editora como MacMillan plántalle cara pero Amazon mantén en liñas xerais o seu criterio. Apple anuncia o iPad e pretende fixar o prezo dos libros. Moitas editoras plantan cara a Apple e esta recúa. Amazon vese obrigada a vender libros máis caros: inclúe un novo produto en catálogo chamado libro enriquecido que, no seu caso, inclúe textos alternativos, entrevistas exclusivas cos autores e materiais audiovisuais en xeral.

Libros electrónicos “enriquecidos”, lo nuevo de Amazon | The Inquirer ES.

Ao final si había fronteiras

Os libreiros canadianos opóñense frontalmente a un asentamento estábel e completo de Amazon do seu país. Non é só polo volume de negocio que pode restarlles e sobre o que non recibirán ningunha contrapartida substancial, senón que o seu temor se basea tamén nas directrices de negocio e de tipos de servizos que a multinacional estadounidense pode implantar sen que os distribuidores locais teñan capacidade para levar a cabo alternativas máis adaptadas ao territorio do seu mercado.

O gremio de libreiros acaba de pedir auxilio ao seu goberno para evitar o desembarco de Amazon e do seu modelo de plataforma de distribución, como rematará a historia?

Canadian booksellers urge their government to reject Amazon | theBookseller.com.