Actualizado 16/02/11 ás 21:41 despois dun cruce de correos con Luis Collado, responsábel de Google Books en España, quen me aclara o seguinte:
-Está por confirmar en que casos Google ingresará só o 2% da transacción ou unha cantidade maior.
-Polo de agora One Pass é unha pasarela de pagamentos e de administración dos pagamentos, con opción de subscricións, dirixido unicamente a editores de prensa, non de libros.
-Portanto, non está asociado a ningún tipo de CMS online, senón que os contidos están aloxados nos servidores dos editores.
-En España xa hai un grupo de comunicación a facer probas co sistema.
Co recén anunciado sistema de subscricións de Apple para publicacións períodicas, os usuarios xa non terán que pagar separadamente cada número dunha revista ou dun xornal, senón que a editora pode pasar o cargo ao cliente diaria, semanal, mensual ou anualmente. Espérase así evitar casos como o da revista Wired, cuxos 100.000 exemplares vendidos o día da súa saída, ficaron reducidos á cuarta parte ao longo dos días. A editora fixa o prezo libremente e Apple ingresa o 30% das vendas. As editoras poden ofrecer as mesmas subscricións desde fóra da tenda de Apple, pero nunca cun prezo máis baixo. Iso quere dicir que non poderán xogar fóra coa marxe de Apple. Hai no anuncio tamén unha frase que está a ser comentada nos medios especializados: “As editoras non poden incluír na publicación ligazóns a sitios externos onde os usuarios poidan mercar o mesmo artigo.”, privando así os provedores de contidos, pois non só afecta ás editoras e librarías como Amazon, senón tamén a outros servizos por subscrición como Netflix ou Hulu, de redirixir tráfico cara ás súas propias páxinas de venda. Unha aposta forte de Apple confiada na súa posición de vantaxe, que podería chegar a reconsiderar en función dos avances do Android Market.
Por outra banda, Google anunciou onte One Pass, un servizo de aloxamento de contidos para o seu consumo online dirixido ás editoras pagamento e xestión de pagamentos dirixido a editoras de prensa. Parece que estará dotado dun CMS flexíbel e unha pasarela de comercio electrónico que permite subscricións e pagamentos puntuais a través de Google Checkout. Aparentemente, Google non cobrará ningunha porcentaxe do prezo fixado polo vendedor, senón que percibirá arredor dun 2% de todas as transaccións efectuadas a través de Google Checkout, como vén facendo con ese servizo. As editoras poderán importar os seus usuarios a través dun sistema de cupóns. Os usuarios pagan unha vez e poden acceder aos contidos desde calquera dispositivo, PC ou móbil, co seu identificador.
O servizo é ofrecido inicialmente en Canadá, Francia, Alemania, Italia, España, Reino Unido e nos EUA e a páxina xa ofrece todas estas linguas.



