Os 4 consellos de Mike Elgan para a industria editorial

Atopo a ligazón para o artigo de Mike Elgan titulado Por que a industria do libro necesita o modelo Silicon Valley no Twitter de Julieta Lionetti, muller coa que comparto, ademais do gusto polo pan artesanal, a preocupación polos metadatos 🙂

Mike Elgan analiza o proceso de produción dun libro antes e despois do boom dixital e ofrece 4 consellos á industria editorial, que paso a traducir:

1. Deixa de menosprezar a autoedición. Pensando nela e no seu mercado como o que son: un viveiro que é a chave da túa salvación.

2. Pensa nun libro no mesmo modo en que un servizo baseado na nube pensa no seu produto. Sempre como un traballo en proceso e nunca rematado. Gran parte da non fición e tamén algunhas obras de fición deberían ser relanzadas con melloras, correccións e actualizacións.

3. Deixa de pensar que un libro é un feixe de papeis. Un libro non ten forma física. É unha colección de ideas. Ten propiedade intelectual. Ti non vendes polpa de árbores. Vendes historias e información, e deberías vendela en calquera forma e a través de calquera medio que o cliente demande, sen temor e sen tentar manipular os lectores con datas de lanzamento en distintas plataformas. Lanza todos os formatos tan axiña como poidas e deixa que os lectores escollan.

4. Acaba cos adiantos. Non hai ningunha razón para asumir ese investimento. Cambia o modelo para que só te incite a investir en gañadores seguros. Actúa con austeridade cos autores e coas túas propias operacións. Reducindo o custo por autor, a mesma cantidade de diñeiro pode soster un número maior de autores e, portanto, incrementar as posibilidades de crear grandes éxitos editoriais.

Google Books: os axentes non saben que aconsellar

Google dálles até o día 28 de xaneiro para se decidiren. Moitos escritores ven unha gran oportunidade para volveren á vida todos os seus títulos descatalogados e argallar estratexias en bloque. Mais os axentes literarios non o ven claro. Para eles semella que as modificacións introducidas con posterioridade á primeira proposta non foron suficientes para deixar de vulnerar as Leis da propiedade intelectual e en moitos casos están a pedir aos seus clientes que sexan eles quen asuman a responsabilidade de entrar na maquinaria de Google ou ficar fóra. Saben que as consecuencias de calquera das dúas opcións poden significar moitos ceros e non saben a que carta quedar, así que prefiren que sexan os propios autores quen decidan e que unca poidan botarlles as culpas.

Agents offer authors mixed advice on Google | theBookseller.com.