Xornadas sobre o libro electrónico na biblioteca e no ensino

Natalia Garea de Biblogtecarios publica un resumo ben completo sobre os contidos das xornadas. Que ben, un traballo menos 😉

Paseino francamente ben, e non só por ter dous días para conversar con xente moi movida e que sabe e fai moitas cousas como Inma, como Carlos Sánchez e como Lorena, senón porque me alegrou o entusiasmo dos asistentes, que non viñan na procura de fórmulas máxicas nin de vaticinios, senón de puntos de referencia para traballar en rede e de moitas ganas de reunir datos sobre os que tomar posturas e decisións para, desde o noso presente, modelar o que será o noso futuro. Parabéns á organización e moi agradecida pola oportunidade para unha conversa tan viva.

O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino

Alí estarei o 25 e o 26 de outubro grazas ao amábel convite de Inma Doval e das súas compañeiras da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Eudacación da UDC, para falar entre outras cousas do libro electrónico, da súa historia, dos formatos de edición, dos lectores e das posibilidades para a súa distribución. É curioso, aínda que quixese, nesta ocasión non podería preparar unha parte do relatorio con dous meses de antelación. Por exemplo, a lectura online e os servizos de subscrición son un tema de que pouco se falou na rede nos últimos meses, mais que parece rexurdir timidamente nos plans comerciais dalgunhas empresas no último mes. Haberá grandes sorpresas no mercado da edición dixital de aquí a finais de outubro?