Hai 21 anos Alfredo e eu decidimos comezar a camiñar xuntos. Hai 11 anos decidimos ter fillos e tivemos 2. Hai 6 anos comprendimos que non queriamos volver a traballar nunha oficina con horario pechado nin deixarmos a pel en asuntos que non nos ilusionaban o suficiente como para facer valer tanto esforzo. Entón, xa que non eramos ricos herdeiros, foi preciso construír os nosos postos de traballo e polo camiño atopamos a Pedro, quen tamén andaba polas mesmas corredoiras. Durante estes anos creamos blogues, axudamos outras persoas a sacar os seus adiante, pensamos e repensamos Blogaliza -hai grandes novidades á volta do verán-, creamos contidos culturais para outros, demos aulas, conferencias, transmitimos ánimo e confianza aos desconfiados polo sorprendente presente, andamos coa cámara ao ombro tentando deixar rastro do que chamaba a atención dos nosos ollos… e aí seguimos.

Aínda que poida parecelo polo ton, isto non é ningunha despedida senón todo ao contrario. O meu primeiro blogue serviume para amoldarme a unha disciplina, lixeira mais constante, iso que ás veces tanto traballo me custa, por máis que me enganche un asunto. Hai ano e pico quedoume pequeno, porque desexaba escribir sobre outros temas e non o daba feito nun marco tan definido; foi entón cando abrín estoutro e botei os últimos meses a escribir sobre o libro na era dixital, ou case diría o último curso, pois antes porque eramos estudantes e agora porque temos fillos en idade escolar, seguimos a medir os anos en cursos.

Entre os froitos desta tempada están unhas pílulas de coñecemento sen efectos secundarios e a posibilidade que se nos abriu na primavera de sumarnos ao proxecto Meubook, onde proximamente administraremos e dinamizaremos a comunidade e forneceremos os contidos relacionados co mundo editorial. Por esta razón deixarei de publicar no meu blogue nalgúns casos os artigos relacionados coa industria editorial, para facelo directamente no blogue de Meubook, que axiña presentaremos. Ah, pero ao final si había algún tipo de despedida nesta anotación?

Non, tras estes dous meses de case desconexión en que fomos de viaxe e á praia canto poidemos, redefino os contidos do meu blogue e a miña actividade persoal na rede ao mesmo tempo en que estou a escribir, e propóñome facer o seguinte:

-Anotarei no blogue as noticias e reflexións sobre o libro que me parezan relevantes a nivel persoal e abrirei novas categorías, por exemplo anotacións sobre aplicacións de Android que creo que poden ser útiles para as persoas que me ledes. Tamén me propoño contar algunhas cousas sobre a nosa empresa, sobre a nosa maneira de traballar, sobre a nosa historia, porque cremos que pode ser interesante facer público un modo de traballar e de integrar o traballo na vida, que non é o máis habitual, pero non por iso é menos viábel.

-Até antes do verán comentaba e compartía os feeds que me interesaban a partir de Google Reader e de aí os enviaba segundo os casos a Twitter e a Facebook. A partir de agora seguirei a ler no Reader mais partillarei directamente a través de Twitter porque estou a atopar xente moi interesante coa que conversar e coa que trocar información e mesmo iniciar proxectos. Así pois farei un uso máis profesional que persoal do Twitter, aínda que sempre hai excepcións, claro.

-Canto ao Facebook, con todas as súas eivas e perversidades, é unha das canles que me facilitan estar en contacto coa miña xente, amais de coñecer outra ben interesante, berrar máis alto en compañía e botar unhas risas todos os días, portanto continuarei co uso máis persoal que fago desta ferramenta e engadirei os twits para aquelas persoas a quen poidan interesar.

E xa está, ao final non era tanto. Agora que o escribín será máis fácil.

Esta semana temos outra boa noticia que anunciarvos: o equipo de Algueirada administrará a comunidade de meubook.com. Meu book é a primeira plataforma galega de edición de ebooks e de impresión baixo demanda para editoras e autor@s. Estades tod@s convidad@s á presentación que terá lugar na sede de Caixanova en Santiago o día 27 de maio ás 12:00 (para confirmar asistencia podedes chamar ao 902 905 024). Coñeceredes todos os detalles da plataforma e regalaremos camisolas de Blogaliza!

Parabéns, veciñanza de Blogaliza!

Acaba de chamarnos o Presidente da Deputación da Coruña para anunciarnos que Blogaliza foi premiada co Rosalía de Castro 2010.

O galardón ten como obxectivos recoñecer aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral e a manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

A candidatura foi proposta polo propio xurado, e o premio, que non ten dotación económica, correspóndenos a todas as persoas que publicamos, comentamos e lemos os blogues de Blogaliza, un espazo onde facemos cultura en galego con normalidade.

A entrega será o 28 de maio en Ames. Daremos máis detalles en canto os teñamos.

Pedro Silva, Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo

Permanencia e redes sociais: blogues, Facebook e Diaspora



Hai unhas semanas escoitamos falar de Diaspora por primeira vez. O feito de ser anunciada como alternativa descentralizada a Facebook parece que axudou este grupo de estudantes universitarios a difundir o seu proxecto na rede e a conseguir o diñeiro preciso para levalo a cabo. Os 10.000 $ que consideraban o mínimo para se poñeren a traballar víronse axiña superados. Si, a día de hoxe contan con 5.200 achegas que importan máis de 170.000 $.

O que prometen é unha rede social distribuída e non descentralizada, como ben sinala DeUgarte no seu blogue, onde cada usuario terá control absoluto sobre a información que partilla e con quen a partilla. Ademais irá integrando progresivamente servizos externos como Flickr e Twitter.

A noticia está a explotar esta semana en todos os medios e, como sempre, hai quen se pregunta se será Diaspora o Facebook killer definitivo. Eu creo que as killer apps chegan cando a aplicación canónica alcanzou o seu teito, feito que parece ter acontecido en termos xerais con Facebook, tanto polo uso abusivo que fai dos seus usuarios, creo que non tanto pola inclusión de publicidade nin polos termos abusivos do contrato de privacidade que os usuarios asinamos, senón máis ben porque a xente simplemente cansa das cousas se non continúan a ofrecer vangarda e pola obsesión de Facebook de crear un mundo pechado en que se pode “meter” todo pero non se pode “sacar” case nada. Cando integramos, por exemplo, o Facebook Friend Connect nun blogue ou nunha páxina claquera, temos a sensación de estarmos abrindo unha xanela desde o interior do Facebook cara ao mundo, cando en realidade o que estamos a facer é abrila desde o mundo para o Facebook, pouco máis podemos facer, alén de enviarnos mensaxes cos nosos “amigos”. Non podemos indexar contidos, realizar procuras… Só o presente máis absoluto conta para Facebook.
En que dará Diaspora? Chegará a ser proxecto verdadeiramente comunitario a nivel global? Será mercado polo propio Facebook? O tempo dirá.
E por que son importantes os blogues? E por que non van morrer, malia todos os anuncios de defunción que se poidan facer sobre eles? Porque os creadores de contidos, que non hai que confundir cos conversadores, sabemos que é importante mantermos o control sobre o que facemos, gardarmos copias, enriquecer e difundir os nosos contidos mediante ligazóns e cultivar a conversa. Porque non todo é tan efémero como o noso estado de ánimo nun dado momento, por moi interesante que este poida ser para a xente que nos segue, porque construímos en base ao construído, e o que construímos será á súa vez base para os que veñan despois. Unha simple cuestión de civilización.

Sobre ligazóns está todo escrito

É simple e breve: sempre se deben ligar as fontes, agás cando isto supoña un enredo en lugar dun aumento da información, claro. E é para todos os casos así, tanto ten que editemos un blogue persoal como unha páxina corporativa ou un medio público de comunicación. A TVG ten emitido vídeos de Blogaliza sen permiso e sen citar, algúns xornais teñen o mesmo costume de facer pasar por propios materiais que non o son. E, desde logo, non é unha política promovida desde moitos medios dirixir os lectores a outras fontes externas ao medio onde estes atoparon a noticia.

No entanto a BBC acaba de chegar á conclusión de que paga a pena incluír nos seus bloques de contidos ligazóns externas para noticias relacionadas. Entenden que o importante é seren a referencia inicial da noticia, que aínda que envíen os seus usuarios a outras páxinas, estes van voltar porque na BBC é o lugar onde van atopar toda a información, a de dentro e a de fóra. (E podemos apostar algo a que haberá medios ligados que denunciarán a BBC por alimentarse con contidos alleos, en lugar de agradecerlle o trasvase de tráfico.

Mentres Facebook non as faga desaparecer, sobre ligazóns está todo escrito e cadaquén vaino descubrindo cando pode.

BBC plans to send more readers than ever to other sites | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Entrevistamos a Escohotado

Hai 17 anos estabamos Alfredo e eu co Chíqui Lozano e o Pedro Casteleiro, e cuns centos de persoas máis, nunha conferencia de Antonio Escohotado sobre o caos. Falaba das redes interconectadas a nivel mundial en tempo real e das posibilidades que o fenómeno abría para unha verdadeira democracia. Aquel comecei a albiscar ideas nas que aínda hoxe creo.

O Pedro preguntoulle algo que non lembro e Escohotado, logo darlle unha resposta que tampouco conservo, dixo ao noso amigo que esperaba poder cear con el aquela mesma noite. O escritor non sabía era que co Pedro levaba tamén todo o lote, e que acabariamos polos bares a altas horas da madrugada. Eu estaba fascinada pola súa facilidade de palabra e uns puntos de vista que me parecían exóticos porque aínda que revestidos de academicismo no estilo, ofrecían ideas que para min aínda soaban a novas. Tanto escoitaba eu que o Escohotado me preguntou por que eu non falaba nada. Creo que é a única vez que escoitei tal cousa. Volvémonos encontrar en Coruña noutra ocasión e estivemos na súa casa en Madrid haberá 12 anos. Despois diso non volvemos ter contacto algún.

Tomei o costume de ler os seus libros porque, aínda non estando de acordo con todo o que escribe -nin el mesmo o está pasado o tempo-  e considerando algúns dos seus libros mellores que outros, sempre aprendo moitísimo; o seu modo de presentar as ideas e de razoar obrígame a reflexionar.

Los enemigos del comercio pretende ser unha historia moral da propiedade privada, nas súas propias palabras, ou unha historia de occidente centrada na economía, pero é moito máis que iso: é, como xa dixen noutra ocasión, un tratado incontestábel de ateísmo, escrito con rigor e aténdose aos feitos. Tamén é unha obra estilisticamente engaiolante; aínda que todo o que di fose mentira, pagaría a pena lela só pola súa calidade literaria. É un libro que se deixa querer e que te quere cando o les.  Está escrito desde a necesidade de comprendernos do único modo en el considera que pode facerse, ollando cara ao pasado.

En escohotado.org pode lerse máis de medio libro, e durante moito tempo estivo o I volume completo.

Para abrir boca presentámosvos a versión curta da entrevista que fixemos a Antonio Escohotado o pasado 18 de novembro en Madrid. Se quedades con fame, podedes ver a versión completa, duns 45′, en blogaliza.tv

víaBlogaliza.

Axuda en tempo real en Blogaliza

“Estes dias estamos a experimentar cunha nova ferramenta de asistencia aos usuarios de blogaliza. Cando entramos no taboleiro do noso blogue, como usuarios rexistrados en blogaliza, atopamos na esquina inferior dereita unha pequena fiestra azul titulada “Axuda en vivo”. Se facemos click co rato nela, desplegase coma un espazo de chat, no que podemos escribir para falar en tempo real, co equipo de administración de blogaliza, en caso de estar alguén conectado neste momento. Tendo esta posibilidade sempre a man, é moi doado pedir axuda, e obter resposta de forma inmediata. Convidamosvos a usala!”

víade mares, portos e portas » Axuda en tempo real.