Achegarte 2011

O 2 e o 3 de abril terá celebrarase a 2ª edición de Achegarte, a festa da cultura organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Polo que nos contan, o programa está xa completo, inzado de petiscos de espectáculos escénicos, presentacións de libros, conversas con creadores e creadoras e obradoiros especialmente orientados este ano ao público máis novo. Tamén son moitas as librarías, asociacións e editoras que terán os seus espazos en Achegarte para exhibir os seus traballos e as súas iniciativas. Nós recuncaremos cun stand de Blogaliza, dispostos a falar de blogues e de todo o que teñan a ben as nosas visitas.

Este ano ademais, ponse en práctica un exercicio de reflexión ao que estamos convidadas todas as persoas que nos sentimos parte da cultura galega a través do Foro sobre o estado da cultura. O plan é reunirmos ideas e conversar durante os días previos a Achegarte e despois alí en Palexco, reunirmos para sintetizar e redactar esas ideas en forma de manifesto para cada unha das áreas de actividade cultural. Gravaremos en vídeo as lecturas de todos os manifestos e darémoslles ampla difusión para elevar a voz común sobre o que os nosos logros, sobre o que nos preocupa, sobre o que nos limita e sobre as nosas necesidades. Gustaríame convidarvos a participar con comentarios, con preguntas, con queixas, con propostas. Máis que nunca é importante facernos escoitar.

Parabéns, veciñanza de Blogaliza!

Acaba de chamarnos o Presidente da Deputación da Coruña para anunciarnos que Blogaliza foi premiada co Rosalía de Castro 2010.

O galardón ten como obxectivos recoñecer aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral e a manter viva a memoria de Rosalía de Castro.

A candidatura foi proposta polo propio xurado, e o premio, que non ten dotación económica, correspóndenos a todas as persoas que publicamos, comentamos e lemos os blogues de Blogaliza, un espazo onde facemos cultura en galego con normalidade.

A entrega será o 28 de maio en Ames. Daremos máis detalles en canto os teñamos.

Pedro Silva, Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo

As nosas compras na Feira da poesía e da ilustración

Os pelachos pasárono a tope. Démoslles 5 € a cada un para que fixesen as súas compras, como cando nos daban cartos para ir á festa e andaron ao seu polo Quiosco Afonso durante 3 horas o sábado pola tarde. Nunca vira o pelacho facer cola por vontade propia durante 2 horas, nin sequera durante 5′, mais alí estivo ao pé das mesas dos ilustradores para levar para casa os seus tesouros.

Máis info sobre a feira

Lectura colectiva no Obelisco

O venres pasado asistimos á convocatoria organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cadaquén co seu libriño, para lermos en voz alta durante 2 minutos. Eis o resultado.
Ao día seguinte, o sábado, asistimos tamén á Feira da poesía e da ilustración no Quiosco Afonso. Mercamos poemas manuscritos e deseños a 1 € e montamos o nosa carpeta única e irrepetíbel. Nos próximos días daremos conta das imaxes tamén.

Bieito Romero presenta ACoruñaSon10

Estamos en marcha con ACoruñaSon10, o certame de canción popular en galego a través de Internet que producimos por terceiro ano desde Algueirada para a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Bieito participou xa no obradoiro do ano pasado cunha conferencia sobre música e tradición, mais este ano será un dos profes, xunto con Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Xabier Díaz e Carmen Rey, que ensinarán os 10 gañadores do certame moitas cousas sobre composición, arranxos, técnica vocal, autoedición e sobre todos os aspectos da produción musical.

Xa se poden escoitar moitas cancións en acorunason.eu

A Coruña lamenta de novo a desatención ao Cultur.gal

María Xosé Bravo: «[…] A celebración do “CULTURGAL” durante os anos 2007 e 2008 tivo unha acollida moi favorable entre as industrias culturais e foi un importante apoio para as asociacións do sector pero “no ano 2009 a actual Consellaría de Cultura e Turismo decidiu suspendelo alegando falta de recursos para a súa organización”. No pasado período de sesións o BNG presentou unha iniciativa na que se instaba á Xunta de Galicia a que no ano 2009 se celebrara o CULTURGAL, baseándose nos anos 2007 e 2008 como “fito importante” na política de promoción, proxección das industrias culturais e elemento dinamizador da cultura galega. Con este evento celebrado no ano 2007 co Goberno bipartito, “a Xunta apostaba por visibilizar as industrias culturais galegas dándolle pulo no ano 2008 cunha gran afluencia de público”.

A Concelleira de Cultura María Xosé Bravo lembrou que foi en decembro de 2008 cando a anterior Conselleira de Cultura, Anxela Bugallo, fixara A Coruña como sede permanente de Cultur.gal despois de avaliar a moi boa presenza de público na feira celebrada ese mesmo ano na cidade herculina que superou as 37.000 persoas, o que significou cuadriplicar a asistencia á primeira edición (nova que continúa a ser a última entrada da web oficial do Cultur.gal).

A Concelleira de Cultura da Coruña considera que a Consellería dirixida por Roberto Varela cometeu un importante “un erro” no ano 2009 por non seguir apostando por esta iniciativa sendo a cidade da Coruña en solitario a que impulsou a celebración da Feira o pasado ano. O Partido Popular argumentou no ano 2009 non contar con recursos nin tempo para organizalo, mais a concellaría de Cultura de A Coruña que dirixe a nacionalista María Xosé Bravo foi quen de poñer en marcha unha iniciativa semellante baixo o lema Achegarte que foi outro “rotundo éxito” con máis de 40.000 visitantes. […]»

Se o ano pasado a Xunta negaba o apoio por falta de tempo e diñeiro, a organización institucional e o esforzo dos voluntarios demostraron que se podía facer con pouco diñeiro e montalo nun mes. Nesa altura, ao tempo que botaban a culpa demagoxicamente aos editores por non tela organizada,  prometeron que para 2010 apoiarían a Feira. Por min que fagan o Cultur.gal onde sexa, mais, por favor, que as cifras de visitantes e participantes conseguidas até agora non baixen: as do ano caro ou as do barato, tanto me ten se o país non perde.

víaA Coruña lamenta de novo a desatención ao Cultur.gal | O levantador de minas.