Achegarte 2011

O 2 e o 3 de abril terá celebrarase a 2ª edición de Achegarte, a festa da cultura organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Polo que nos contan, o programa está xa completo, inzado de petiscos de espectáculos escénicos, presentacións de libros, conversas con creadores e creadoras e obradoiros especialmente orientados este ano ao público máis novo. Tamén son moitas as librarías, asociacións e editoras que terán os seus espazos en Achegarte para exhibir os seus traballos e as súas iniciativas. Nós recuncaremos cun stand de Blogaliza, dispostos a falar de blogues e de todo o que teñan a ben as nosas visitas.

Este ano ademais, ponse en práctica un exercicio de reflexión ao que estamos convidadas todas as persoas que nos sentimos parte da cultura galega a través do Foro sobre o estado da cultura. O plan é reunirmos ideas e conversar durante os días previos a Achegarte e despois alí en Palexco, reunirmos para sintetizar e redactar esas ideas en forma de manifesto para cada unha das áreas de actividade cultural. Gravaremos en vídeo as lecturas de todos os manifestos e darémoslles ampla difusión para elevar a voz común sobre o que os nosos logros, sobre o que nos preocupa, sobre o que nos limita e sobre as nosas necesidades. Gustaríame convidarvos a participar con comentarios, con preguntas, con queixas, con propostas. Máis que nunca é importante facernos escoitar.

Adaptarse aos novos tempos

Eis o artigo que me pediron para a Tempos deste mes sobre internet e a propiedade intelectual.

“Na segunda metade do S. XX, para escoitar música había que mercar un CD, para ler unha novela había que mercar un libro en papel e para ver un filme había que mercar ou alugar un DVD. O aviso de prohibición de reprodución aparecía en todos os artigos mais a copia privada acabou sendo un dereito. A técnica avanzou e fixo posíbel reproducir discos e fotocopiar libros na casa. Aínda así era máis barato fotocopiar un libro nunha tenda de fotocopias, polo que a industria editorial acabou conseguindo que se aplicase un canon ás máquinas fotocopiadoras, para subsanar as perdas que as editoras atribuían ao fotocopiado dos seus libros. O canon aplicouse a moitos dispositivos electrónicos que permitían copia e almacenamento de contidos dixitais, e os cartos que xeraba ían parar a asociacións de xestión de dereitos de autor. Autorizaba o canon a libre reprodución dos contidos comerciais? Non, só a copia privada, que pasou a ser un dereito do comprador. En que se baseaba a aplicación do canon entón? Na compensación do “mal” uso que o comprador podía facer da súa compra. Pero entón, pagando o canon lexitimábase ese uso do produto comprado? Tampouco. Paradoxos da vida.

Durante uns anos as entidades de xestión de dereitos manexaron cantidades de diñeiro considerábeis, que repartiron e investiron como consideraron oportuno até que recentemente os seus ingresos comezaron a diminuír de modo alarmante. Foi nese momento cando reclamaron unha lei que as “protexese”.

Entrementres os internautas descubriron que podían partillar contidos a través da rede, que podían organizarse para non repetiren o mesmo traballo innumerábeis veces e que era importante defender o dominio público. Descubriron tamén que as industrias de contidos tiñan un modelo de negocio baseado na distribución física que comezaba a deixar de ter sentido coa revolución dixital.

Empresas como Amazon, Apple, Spotify decidiron aproveitar a oportunidade dixital e comezaron a comercializar novos produtos con novos prezos adaptados a unha clientela que non variara tanto nestes poucos anos pero que contaba con ferramentas de consumo, de compra e de participación das que non dispuña dez ou quince anos atrás. Venda de cancións soltas, libros a prezos reducidos, consumo online de música, filmes e libros sen necesidade de descarga previa, etc.

Ao seu carón, moitas empresas consolidadas no S XX quixeron facerse fortes no seu modelo de negocio de distribución física e trasladaren os seus formatos sen mudanzas a internet, o que moitos chamaron desfortunadamente manteren a súa cadea de valor. A industria da distribución de contidos está en crise como tantas outras simplemente porque xa non funciona, como aconteceu co carbón cando chegou o petróleo, porque non reducir os custos cando é posíbel non leva a ningures.

A lei Sinde non saiu adiante porque a cidadanía non quere que se pechen páxinas web sen a autorización dun xuíz. En internet nin todo é de balde nin se pretende pero é preciso e urxente un debate a fondo sobre as leis de propiedade intelectual que defendan os produtores, os distribuidores e tamén os consumidores de contidos, adaptadas aos novos tempos, aos novos medios e centradas na propia cultura, non unicamente na industria.”

As nosas compras na Feira da poesía e da ilustración

Os pelachos pasárono a tope. Démoslles 5 € a cada un para que fixesen as súas compras, como cando nos daban cartos para ir á festa e andaron ao seu polo Quiosco Afonso durante 3 horas o sábado pola tarde. Nunca vira o pelacho facer cola por vontade propia durante 2 horas, nin sequera durante 5′, mais alí estivo ao pé das mesas dos ilustradores para levar para casa os seus tesouros.

Máis info sobre a feira

Lectura colectiva no Obelisco

O venres pasado asistimos á convocatoria organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cadaquén co seu libriño, para lermos en voz alta durante 2 minutos. Eis o resultado.
Ao día seguinte, o sábado, asistimos tamén á Feira da poesía e da ilustración no Quiosco Afonso. Mercamos poemas manuscritos e deseños a 1 € e montamos o nosa carpeta única e irrepetíbel. Nos próximos días daremos conta das imaxes tamén.

Bieito Romero presenta ACoruñaSon10

Estamos en marcha con ACoruñaSon10, o certame de canción popular en galego a través de Internet que producimos por terceiro ano desde Algueirada para a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Bieito participou xa no obradoiro do ano pasado cunha conferencia sobre música e tradición, mais este ano será un dos profes, xunto con Gastón Rodríguez, Andrés Teijeiro, Xabier Díaz e Carmen Rey, que ensinarán os 10 gañadores do certame moitas cousas sobre composición, arranxos, técnica vocal, autoedición e sobre todos os aspectos da produción musical.

Xa se poden escoitar moitas cancións en acorunason.eu

Mapa xurídico dun conflito: Propiedade Intelectual e Dereito á Cultura

E dámolo por lóxico, que non normal, porque non hai políticos que actúen doutro modo, non sería posíbel sen alterar regras do xogo que requirían máis de catro anos de rtámites e cuxos efectos ninguén asegura que fosen ser visíbeis inmediatamente.

CARLOS SÁNCHEZ ALMEIDA

Mapa jurídico de un conflicto: Propiedad Intelectual y Derecho a la Cultura

Cuando los lobbies de la propiedad intelectual han llegado al extremo de conseguir que el poder político legisle limitando la libertad de expresión y el derecho a la inviolabilidad de las comunicaciones en Internet, el debate es político.

víaMapa jurídico de un conflicto: Propiedad Intelectual y Derecho a la Cultura.

En favor do galego

captura_de_pantalla-en_favor_do_galego_-_mozilla_firefoxCando os tempos difíciles ameazan con prolongarse moito, paga a pena manter unha actitude positiva e dedicarse a construír casiñas confortábeis en lugar de afuciñar duramente tentando derrubar os castelos do inimigo. Nas últimas semanas están a xurdir numerosas iniciativas, tanto na Rede como fóra dela, en defensa da cultura en galego, a cultura que queremos moitas persoas. Por iso pensei en abrir un espazo, a través do cal sexa fácil estar ao tanto das últimas mobilizacións e poder adherir as que a cadaquén lle pareza oportuno.

Como se pode ler en En favor do galego, se promoves ou aopias algunha iniciativa en favor da cultura feita en galego e queres que apareza no blogue, podes enviarme un correo a tatimancebo786 en Gmail.

E cada vez somos máis e facémolo mellor!