Clubs de lectura, bibliotecas, amigos, conversa…

Hai semanas Amazon anunciou que sería posíbel prestar os ebooks para o Kindle baixo as condicións de que o préstamo se levaría a cabo unha soa vez con cada título, que sería por 14 días e que o propietario do exemplar perdería o acceso ao libro durante o tempo que este estivese prestado. Moitas foron as voces que se levantaron son contra destas restricións; a crítica que subxace é que aínda que che concedan algunha graza, un comprador de contidos en forma de ebook non é posuidor de nada, senón usuario dun servizo que a empresa provedora podería desautorizar en calquera momento. O caso é que xa existe o club oficial de préstamos do Kindle e, tal e como debeu planificar o xigante da distribución de textos, que non de contidos en xeral, está a funcionar disque fantasticamente ben. A clave está, como en tantos asuntos, no número de usuarios activos. Xa non é pensar a cal dos meus amigos lle pode interesar ler o libro que eu merquei e que me ofrecerá a cambio, senón que nunha comunidade grande de lectores, seguro que hai quen ten libros que a min me interesan e, se cadra, até podemos acabar falando deles. Os rankings funcionan, e se se incentiva o préstamo, tamén se incentiva a compra de novos libros que poderás prestar á súa vez.

Lector online de Google: 20 Things I Learned About Browsers and the Web

20 Things I Learned About Browsers and the Web

Que Google publique un libro sobre os fundamentos da arquitectura de internet desde o punto de vista do usuario do navegador é xa de por si interesante. Se ademais é quen de reducir os contidos a 20 puntos explicados con sinxeleza para que calquera persoa non familiarizada con palabras como DNS, cookies ou html5 poida facerse unha idea clara do que está a facer cando navega, compra, vende, le e se relaciona na rede, entón é aínda máis interesante. Pero ademais o libro está maquetado con sinxeleza e claridade, os deseños simpáticos e dinámicos, transmiten a súa simplicidade, acorde co principio de Google de que a tecnoloxía nunca debe ser un problema.

Ah, si, tamén inclúen unha pequena animación na páxina 4, para que non pensemos que os elementos en movemento son patrimoni oexclusivo das apps. para o iPhone e para o iPad.

Este libro vai aínda máis lonxe. Non é un PDF para descargar, afortunadamente. É unha publicación online construída con html5 que pode lerse desde o navegador, compartirse enteiro ou por seccións nas redes sociais, e todo a través dunha interface agradábel cuxo deseño non quixo perder a similitude directa co libro en papel, para demostrar que a lectura en pantalla non ten por que conformarse como unha simple visualización de páginas web que convida a un exercicio de lectura irremediabelmente presuros e superficial.

O texto aparece correctamente centrado na pantalla, xogando cun formato de libro con capa dura que se acomoda con facilidade sobre unha mesa. Reparen, o libro aberto descentrado e o contido, o que de verdade sempre importa, no centro do plano.

Como dicía podemos compartir o documento online a través da súa ligazón pública ou envialo directamente a Facebook, a Twitter e ao Buzz. Ademais podemos regular a luz de fondo, para mellor adecualo á vista e lembrar que, se cadra, o debate tinta electrónica vs. pantallas retroiluminadas, se cadra non é tan relevante en canto se alteran algunhas das variábeis da lectura no papel, no sillón de pensar coas zapatillas postas e a manta sobre as pernas.

Actulización: como ben me indica Dani é posíbel gardar o libro en local premendo na ligazón que di “Print”. Grazas, Dani.

E, se ben este libro non ten unha ligazón de descarga directa, si que é posíbel copiar o texto e pegalo nun outro documento para traballar con el doutros modos mais, será preciso gardalo en local cando esteamos conectados permanentemente? Creo que non.

Boto en falta, iso si, a posibilidade de facer anotacións e compartilas e tamén a posibilidade de ver e falar con outras persoas que están a ler o mesmo libro no mesmo momento, funcionalidades que resolveron con moita elegancia os pioneiros de Bookglutton. Pero, ou moito me equivoco ou este non vai ser o último libro que Google publique con esta ferramenta que agora nos dan a coñecer, e que nos próximos días iremos vendo todo o que son quen de facer para ofrecer unha lectura en pantalla de calidade que nos faga reconsiderar o valor da acumulación de arquivos en discos duros, como foi acontecendo coa música e cos contidos audiovisuais nos últimos tempos. Non esquezamos que o anuncio do lanzamento da libraría de Google se sitúa oficialmente para finais de 2010 nos EUA e para o primeiro trimestre de 2011 noutros países.

No transcurso da mesa redonda sobre modelos de negocio para o sector editorial que tivo lugar a semana pasada en FICOD, a directora xeral de Libranda, case facendo un chiste, viuse na necesidade de explicar o que era Libranda. Desvelou que a plataforma tiña entre as súas funcións o desenvolvemento de ferramentas e de canles con antelación á propia necesidade, para que as editoras e as librarías poidesen utilizalas cando se chegase ás situacións que o permitisen, e puxo como exemplo as ferramentas de lectura de libros na nube, como recurso que aínda non pertencía ao presente, mostrando como mínimo a súa ignorancia sobre empresas e organizacións que encetaron ese camiño no pasado, como o mencionado Bookglutton, a xente de O’Reilly -de que non hai que obviar os enormes beneficios que obteñen pola venda de libros sen DRM- ou o proxecto Monocle, por poñer só tres exemplos de distintas naturezas.

A publicación de 20 Things I Learned About Browsers and the Web converte o futuro en pasado e, con el, o presente dá un gran salto desde a semana pasada a esta.

Cando triunfarán os ebooks

Fálase dos millóns de perdas que están a supor as descargas non oficiais de ebooks para as editoras; si, eses exemplares que algúns lectores escanean, revisan, converten e ofrecen para a súa descarga en diversas plataformas de aloxamento. Como di Dans no seu artigo, falan de perdas en función de vendas non realizadas, como se a única razón para non continuaren a crecer dentro dos límites dos seus obxectivos, sempre subxectivos, se debese unica e exclusivamente, ás versións non oficiais de libros que se comparten na actualidade en Internet. Mais sorprendentemente a lectura en dispositivos electrónicos non avanza á mesma velocidade; nin todo o mundo ten un dispositivo de tinta electrónica, nin un iPad, nin un Kindle, precisamente, creo eu, porque a oferta de títulos aínda deixa moito que desexar.

Un mercado do libro electrónico é posíbel e necesario para acceder a calquera obra coa mesma facilidade e maior rapidez coa que se accede a un libro en papel, para que os clientes poidamos aforrar a parte que nos toca da impresión e da distribución, para que poidamos compartir a nosa experiencia lectora con todas esas persoas que, a través das redes sociais, conforman os nosos círculos sociais que amplían o noso grupo de amigos de toda a vida. As editoras, ou máis ben digamos os grandes grupos editoriais, aínda devecen por manter as marxes do S XX cos recursos do S XXI. Queren gastar menos e ingresar máis sen arriscar nada e sen teren en consideración que o concepto de dereitos de autoría, e mesmo o propio concepto de autoría están a mudar irremediabelmente, amparándose nunha crise que, non o esquezamos, non é froito da megalomanía dos usuarios senón da especulación.

E non precisei comiñas 😉

Show me the money!!!!!! El triunfo de las “comillas”… » El Blog de Enrique Dans.

A morte da web aberta


Seleciono as ideas cntrais deste artigo co mesmo título publicado por The New York Times o 23 de maio. O vídeo que antecede o texto non garda relación algunha co artigo pero fíxome graza:

Na rede hai demasiadas cousas e cada vez hai máis usuarios que, malia ter que transitar por ela por traballo, ofertas ou relacións, rexeitan a desorde que provoca o que consideran un exceso de contidos, moitos deles de relativo interese. Pero se tes un iPhone ou un iPad, Apple fai parte do traballo por ti. A cambio dun 30% do negocio xerado, Apple encárgase de que as súas aplicacións, ese soporte en que empaquetan moitos contidos que até hai pouco vagaban á deriva polos oceanos de Internet, cumpran unhas características que fan que pague a pena para moitos usuarios deixar de lado as procuras universais, para se centraren no catálogo que o seu provedor de contidos, que coincide co seu provedor de dispositivos, lles oferta.

Aparecen os clubes privados, os códigos de convites, as subscricións a servizos premium que prometen protección contra virus en contornos seguros, ausencia de publicidade moralmente deleznábel e, por que non dicilo, un certo estatus por riba da inmensa maioría, que se concreta nas cantidades que o usuario debe pagar por cada servizo.

Existen moreas de persoas dispostas a abandonar a rede por causa da desorganización do seu contido e porque consideran demasiado alta a porcentaxe de lixo en relación aos tesouros que se poden atopar, cada vez con máis traballo. E aquí é onde entra de novo Apple en xogo, coa súa aposta de servizos de edición da web a través das applicacións da Appstore, destinadas a seren consumidas no iPhone e no iPad.

A fenda está servida: os geeks e os pobres remexen a diario nun totum revolutum mentres que os ricos deixan o traballo sucio a Apple e consomen a macedonia sen ter que luxar as mans pelando a froita.

Até aquí o contido do artigo. E agora eu pregúntome: é realmente así como nolo conta The New York Times? O que aparentemente é unha crítica á perda de pulo da internet xeral, a de todos, en favor dun proxecto empresarial intelixente e limitador, non deixa de presentar como irrefutábel que Internet é actualmente un terreo caótico onde as solucións abertas e comunitarias son pouco menos que imposíbeis; o palleiro onde a agulla nunca aparece, a non ser que a busque un equipo de especialistas, que son os únicos que as recoñecen cando as ven. Apple sabe que hai millóns de persoas con pouca paciencia, pouco tempo, ou simplemente con poucas ganas de aprender, mais chegará un momento en que os nativos dixitais sexan maioría e por iso teñen présa en implantar un modelo que destaca pola limpeza: a limpeza das aplicacións -recoñezámolo, son moi chulas e normalmente dan moi poucos problemas- a “limpeza” dos contidos -Xa o dixo Steve Jobs: “quen queira porno que merque un teléfono con Android”- e a limpeza do diñeiro, que bonitas parecen as cousas cando custan cartos, verdade?

iPad, Kindle, tablets Android e Google Books

Hai unhas semanas apareceu no mercado o iPad e hai poucos días a súa versión 3G. Como ordenador é cativo, os contidos son moi limitadiños porque hai que pasar pola iStore, pero ten 9 horas de autonomía e permite a conexión permanente á rede e a utilización de servizos de comunicación con comodidade. Esta suma de razóns fai que se teñan vendido xa arredor de 1 millón de unidades. De acordo que é o aparello ideal para un tipo concreto de consumidor, ou máis ben, para os usuarios que se senten unicamente consumidores e que valoran as recomendacións de Apple até o punto de cederlle o papel de editora das súas vidas. Para min non vale.

Canto todos os gurús daban por certo que o iPad acelerara a data de caducidade dos lectores de libros dedicados, Amazon anuncia unha nova versión do Kindle que promete andar moito máis fino e posibilitar a lectura social, apostando por ela como valor inescusábel do acto de ler no S XXI. O novo Kindle, tamén con conexión 3G, permite resaltar pasaxes memorábeis e levalas a unha páxina construída para a ocasión, onde aparecen todas seleccións enviadas por máis de 2 lectores. Ademais ofrece exportación de notas e fragmentos a Facebook e a Twitter. Tampouco me gusta: non quero atarme ao formato MobiPocket de Amazon porque Amazon non me serve como provedor principal de libros. Non quero cargar con dous aparellos, xa sei que isto xa o dixen moitas veces, se en realidade hoxe contamos coa tecnoloxía precisa para manexar unha soa máquina que sexa centro de comunicacións e fonte de lectura ao mesmo tempo. De todos modos, creo que o Kindle vai vivir a súa segunda idade de ouro, ou continuar a primeira, pola cantidade de persoas que non queren realmente un ordenador senón un libro, e que atopan en Amazon todos os libros que desexan, ou desexan algúns de todos os libros que Amazon lles recomenda, que neste caso acaba sendo o mesmo.

Efectivamente, eu quero o seguinte da lista, ese do que Steve Jobs di “quen queira porno, que merque android”: un tablet co sistema operativo Android, de entre 7″ e 9″, con conexión 3G, que iguale a autonomía do iPad e o seu peso, que teña webcam e que non supere os 300 €; e, ou moito me equivoco, ou o verán será a data de inflexión para atopalo no mercado e que o meu desexo se volva necesidade. A partir dese día usarei o móbil só nas ocasións en que precise non levar ningún tipo de bolso.

Deixo Google Books para o final simplemente porque acaba de anunciarse que, tal e como prometeran hai aproximadamente un ano, van abrir o chiringuito entre finais de xuño e comezos de xullo. A partir desa data, cun tablet con android, ademais de mercar libros en calquera outro lugar, de nolos prestar cos amigos e mesmo escribilos, poderemos mercarllos a Google e lelos online, con calquera aparello conectado á rede, conservando as marcas de lectura porque xa non as gardaremos no dispositivo senón na nosa conta, como os correos de Gmail ou outros libros de servizos similares como o Bookworm do O’Reilly.

Amazon e o iPad

Parece ser que a app de Amazon para o iPad presenta serias limitacións que fan que o usuario tire a conclusión de que foi pensada para que se merquen os libros desde o Kindle para logo transferilos para o iPad. Funcionará? Joe Wikert pensa que non, que vai preferir mercar os libros directamente na tenda de Apple desde o propio iPad porque le mellor nel: non lle cansan os ollos, como moitos anunciaban, ten wifi, pode manexar os libros de modo moito máis áxil, en fin, que o Kindle (e todos os lectores monocromos e desconectados) lle parece un aparello do pasado.

Joe Wikert’s Publishing 2020 Blog: Amazon’s Next Move.

Unha historia de prezos

Retrocedamos no tempo: Amazon marca a barreira das novidades en 9.99 $. Algunha editora como MacMillan plántalle cara pero Amazon mantén en liñas xerais o seu criterio. Apple anuncia o iPad e pretende fixar o prezo dos libros. Moitas editoras plantan cara a Apple e esta recúa. Amazon vese obrigada a vender libros máis caros: inclúe un novo produto en catálogo chamado libro enriquecido que, no seu caso, inclúe textos alternativos, entrevistas exclusivas cos autores e materiais audiovisuais en xeral.

Libros electrónicos “enriquecidos”, lo nuevo de Amazon | The Inquirer ES.

Noticias frescas sobre o ebook

Catro días completos a falar de ebooks e sen un minuto para estar ao día. Esta é a primeira anotación de recompilación das últimas noticias sobre o libro electrónico.

O navegador Opera incorpora versión máis recente un plugin para ler ebooks. Polo momento é moi sinxelo, non permite resaltados nin anotacións pero promete. Na páxina da fonte está a ligazón de descarga do plugin.

Penguin presenta o seu concepto de libro infantil para o iPad a través dun vídeo.

Un cómic xenial que explica por que o DRM non funciona. Visto en Teleread.

A maioría dos ebooks de MacMillan estarán por baixo de 10 $.

Interesantes datos no Anuario de Estatísticas Culturais do Ministerio de Cultura. Visto en el blog de libros y bitios.

Libros seguen a superar xogos na Apple Store.