Clubs de lectura, bibliotecas, amigos, conversa…

Hai semanas Amazon anunciou que sería posíbel prestar os ebooks para o Kindle baixo as condicións de que o préstamo se levaría a cabo unha soa vez con cada título, que sería por 14 días e que o propietario do exemplar perdería o acceso ao libro durante o tempo que este estivese prestado. Moitas foron as voces que se levantaron son contra destas restricións; a crítica que subxace é que aínda que che concedan algunha graza, un comprador de contidos en forma de ebook non é posuidor de nada, senón usuario dun servizo que a empresa provedora podería desautorizar en calquera momento. O caso é que xa existe o club oficial de préstamos do Kindle e, tal e como debeu planificar o xigante da distribución de textos, que non de contidos en xeral, está a funcionar disque fantasticamente ben. A clave está, como en tantos asuntos, no número de usuarios activos. Xa non é pensar a cal dos meus amigos lle pode interesar ler o libro que eu merquei e que me ofrecerá a cambio, senón que nunha comunidade grande de lectores, seguro que hai quen ten libros que a min me interesan e, se cadra, até podemos acabar falando deles. Os rankings funcionan, e se se incentiva o préstamo, tamén se incentiva a compra de novos libros que poderás prestar á súa vez.

Predicións sobre ebooks e social media en 2011

Coa velocidade á que se suceden os cambios tecnolóxicos, cada vez hai máis publicacións que se animan a facer predicións sobre as tendencias e os avances do ano seguinte. Logo de recompilar as que me pareceron máis relevantes sobre o libro electrónico e os social media, paso a escribir unha relación da que, con certeza, sairán os resultados da quiniela de 2011. Ao final da anotación aparecen as fontes consultadas -con tradución automática para galego das escritas orixinalmente en inglés-.

Sorprende que a impresión a demanda non apareza como unha das pedras de toque de 2011 pero, se cadra, as cousas van ir tan rápido que non vai dar tempo a consolidar un negocio baseado no papel que teña como clientela unicamente o usuario final individual. Tampouco os futurólogos falan moito sobre a lectura na nube, nin sobre os servizos de subscrición, talvez porque pensan que a súa madurez non chegará até pasado ao ano en curso. O DRM parece que tampouco é tema permanente de conversa xa, nin o préstamo de libros entre usuarios, nin, portanto, o debate sobre se os contidos son adquisicións ou utilización de servizos. Será que en 2011 van mudar menos cousas no sector editorial que no resto do mundo? Se a predición de que a finais de 2011 1 de cada 5 libros vendidos será dixital, coa que parecen estar de acordo case todos os gurús, porque está calculada sobre as cifras de crecemento de 2009, fose acertada, non deberían producirse moitos máis cambios nestes aspectos de acabo de sinalar como ausentes das predicións máis consensuadas? Eu creo que si.

1. Soben as vendas de eobboks até o 20% do mercado editorial.

2. Os axentes gañan relevancia.

3. A autoedición tamén aumenta en títulos e en vendas.

4. A competencia fai baixar os prezos dos ebooks.

5. Bibliotecas, arquivos, galerías de arte e museos acabarán por converxer.

6. As editoras continuarán a negar os seus catálogos dixitais ás bibliotecas por non atopar modelo de negocio sustentábel con elas.

7. As identidades dixitais dos usuarios evolucionarán cara a contornos 3D

8. Será o ano da integración: aparellos, aplicacións, redes, etc.

9. O vídeo é o rei. (Comentario meu: polo momento só a tenda e a app de lectura de Apple permite incluír reproducir nos ebooks)

10. Expansión dos medios sociais con obxectivos políticos.

11. As grandes compañías darán os primeiros pasos para atopar novos camiños (por fin).

12. Desenvolvemento das compras en grupo.

13. Google tentará competir con Facebook a través dunha nova ferramenta relacionada con Gmail ou a través da compra dunha empresa grande.

14. Segue caendo a prensa en papel até a súa desaparición antes de 2020.

15. O móbil como ferramenta de comunicación, información e pagamento.

16. Experimentos con novos modelos de negocio para o sector editorial.

17. Os tablets e lectores baixarán de prezo.

18. Desembarco do libro enriquecido.

19. Deixará de ser tema de conversa xeral a crise do mercado editorial e será substituído polo das iniciativas innovadoras.

20. As vendas de literatura para adultos novos aínda medrarán máis.

Predicións de Smashwords para 2011

1ª entrega de predicións de Librarians matter para bibliotecas

Librarians Matter en galego

Predicións de Mari Mar Jiménez en 5 Días

Carles Dijous sobre a web e o vídeo dixital

Predicións de Microsoft en 2000 para o libro electrónico en 2010

Predicións de Microsoft en galego

5 predicións de Mark Coker para o libro electrónico en 2011

Mark Coker en galego

Social Media Predictions 2011

Predicións de Paperblog e análise do estudo anterior

Predicións de DosDoce para o sector cultural en 2011

6 predicións de ReadWriteWeb

ReadWriteWeb en galego

Publishing Perspectives

Publishing Perspectives en galego

Online College

Online College en galego

40 cousas que hai que seguir en 2011 segundo Mashable en inglés

Mashable en galego

Autonomía e duración da tinta electrónica

Autonomía e duración non son a mesma cousa e, se ben a fronteira por riba das 12 horas para o caso da primeira deixa de parecerme relevante, que o primiero lector de tinta electrónica que mercaramos hai dous anos deixara de funcionar por completo ao pouco tempo e que tivésemos que convencer o provedor de que non fora usado para cravar puntas para que nolo trocase por un novo, pode ser unha casualidade. Que lle teña acontecido o mesmo xusto ao rematar a garantía, pode seguir rozando a convencionalmente chamada mala sorte. Pero se mercas un Kindle e se agreta a pantalla na primeira semana, aínda que non teñas que realizar un esforzo desmedido para convencer o provedor para que cho substitúa, algo comeza a renxer.

Teño para min que estamos a falar de aparellos extremadamente delicados e, portanto, ańda máis caros do que pensabamos, para a vida que teñen. Pouco importaría que semellen dispositivos futuristas dun filme de ciencia fición dos anos 70, se polo menos durasen, mais non parece ser o caso. Hai alguén que teña unha experiencia similar á nosa e que queira contala? Ou realmente estamos tocados polo trasno dos trebellos e deberemos facérnolo mirar?

Enquisa sobre o futuro do libro en The BookSeller

Traduzo as que considero as ideas e as conclusións máis relevantes da enquisa pero xa lles adianto que en The Bookseller titulan Librarías en risco entanto se acelera o crecemento dixital.

-O 80% din ter lido algún ebook, en contraste co 7% que deu a mesma resposta nun estudo recente de Forrester.

-O 47% dos consultados tiñan mercado algún ebooken 2010, en comparación co 18% do ano anterior.

-O 85% das editoras din vender libro electrónico mais só o 37% das librarías di facer o mesmo.

-Máis da metade dos editores consideran que en 2020 o libro electrónico suporá un 20% das súas vendas. Só un terzo dos libreiros teñen a mesma opinión.

-Á pregunta sobre quen perde máis co cambio para o dixital, o 92% opina que son os libreiros os que saen peor parados, principalmente pola eliminación de intermediarios que levan a cabo as propias editoras e as grandes cadeas de venda de libros como Amazon.

-O 73% dos consultados pensa que as editoras non están a axudar as librarías suficientemente.

-Case a metade das persoas que responderon a enquisa pensan que o prezo dos ebooks debería ser considerabelmente máis baixo que a edición máis barata en papel para o mesmo título. As editoras pensan maioritariamente que o prezo debería ser o mesmo da edición en papel máis barata, aínda que o modelo axencia tende a elevar estes prezos.

-Cabe esperar que para 2011 o volume de negocio da edición electrónica se vexa multiplicado por catro, debido ao crecemento do catálogo e da variedade e cantidade de dispositivos.

Historia do ebook

Este é o tema sobre o que estarei a falar esta mañá nas Xornadas sobre o libro electrónico na biblioteca e no ensino, que terán lugar hoxe e mañá na biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación

Novas obxeccións francesas a Google Books

O Syndicat National de L’Edition, SNE, vai presentar 10 páxinas de novas obxeccións ao asentamento de Google Books.

víaQuick note: French Publishers Association to make new Google objections | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Apple non para de falar

Hai pouco contabamos que HarperCollins estaba en conversas de negocios con Apple ante a inminente presentación do seu novo tablet. Os rumores continúan e agora serían a división educativa de McGraw-Hill e o grupo Hachette.

O tablet de Apple vai vir como un capón de Vilalba. A próxima semana verémolo e fartarémonos de ler “xa o dixera eu”.

víaApple in talks with further two publishers | theBookseller.com.

Como leremos en 10 anos?

A gráfica mostra parte dos resultados da enquisa da Universidade de Colorado sobre as predicións de hábitos futiros de lectura realizada entre máis de 1000 persoas.

New survey on the future of the book | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Apple e as grandes

Parece ser que non é só Harper Collins, como xa mencionamos, senón outros grupos editoriais, están a negociar con Apple produtos, prezos e modelos de negocio, ante a inminente saída a finais deste mes dese tablet que virá ser, segundo rimores, un iPhone ou un iPod de gran tamaño.

As editoras seguen coa idea de contatacar os prezos de Amazon, que quere fixar en estándar os 10 $ que está a cobrar por moitas das novidades editoriais. En poucos días saberemos se habemus novo mercado ou unha nova parte do que xa existe.

US publishers seek new digital model with Apple | theBookseller.com.

Google Books: os axentes non saben que aconsellar

Google dálles até o día 28 de xaneiro para se decidiren. Moitos escritores ven unha gran oportunidade para volveren á vida todos os seus títulos descatalogados e argallar estratexias en bloque. Mais os axentes literarios non o ven claro. Para eles semella que as modificacións introducidas con posterioridade á primeira proposta non foron suficientes para deixar de vulnerar as Leis da propiedade intelectual e en moitos casos están a pedir aos seus clientes que sexan eles quen asuman a responsabilidade de entrar na maquinaria de Google ou ficar fóra. Saben que as consecuencias de calquera das dúas opcións poden significar moitos ceros e non saben a que carta quedar, así que prefiren que sexan os propios autores quen decidan e que unca poidan botarlles as culpas.

Agents offer authors mixed advice on Google | theBookseller.com.