Clubs de lectura, bibliotecas, amigos, conversa…

Hai semanas Amazon anunciou que sería posíbel prestar os ebooks para o Kindle baixo as condicións de que o préstamo se levaría a cabo unha soa vez con cada título, que sería por 14 días e que o propietario do exemplar perdería o acceso ao libro durante o tempo que este estivese prestado. Moitas foron as voces que se levantaron son contra destas restricións; a crítica que subxace é que aínda que che concedan algunha graza, un comprador de contidos en forma de ebook non é posuidor de nada, senón usuario dun servizo que a empresa provedora podería desautorizar en calquera momento. O caso é que xa existe o club oficial de préstamos do Kindle e, tal e como debeu planificar o xigante da distribución de textos, que non de contidos en xeral, está a funcionar disque fantasticamente ben. A clave está, como en tantos asuntos, no número de usuarios activos. Xa non é pensar a cal dos meus amigos lle pode interesar ler o libro que eu merquei e que me ofrecerá a cambio, senón que nunha comunidade grande de lectores, seguro que hai quen ten libros que a min me interesan e, se cadra, até podemos acabar falando deles. Os rankings funcionan, e se se incentiva o préstamo, tamén se incentiva a compra de novos libros que poderás prestar á súa vez.

Autonomía e duración da tinta electrónica

Autonomía e duración non son a mesma cousa e, se ben a fronteira por riba das 12 horas para o caso da primeira deixa de parecerme relevante, que o primiero lector de tinta electrónica que mercaramos hai dous anos deixara de funcionar por completo ao pouco tempo e que tivésemos que convencer o provedor de que non fora usado para cravar puntas para que nolo trocase por un novo, pode ser unha casualidade. Que lle teña acontecido o mesmo xusto ao rematar a garantía, pode seguir rozando a convencionalmente chamada mala sorte. Pero se mercas un Kindle e se agreta a pantalla na primeira semana, aínda que non teñas que realizar un esforzo desmedido para convencer o provedor para que cho substitúa, algo comeza a renxer.

Teño para min que estamos a falar de aparellos extremadamente delicados e, portanto, ańda máis caros do que pensabamos, para a vida que teñen. Pouco importaría que semellen dispositivos futuristas dun filme de ciencia fición dos anos 70, se polo menos durasen, mais non parece ser o caso. Hai alguén que teña unha experiencia similar á nosa e que queira contala? Ou realmente estamos tocados polo trasno dos trebellos e deberemos facérnolo mirar?

300 autores de “high profile” presentan documento contra o asentamento de Google Books

“A difusión libre e de balde da información e da literatura, como se dá nas bibliotecas públicas, pode e debe existir nos medios electrónicos. Todos os autores esperan tal cousa… mais non podemos ter difusión libre e de balde da literatra a menos que o uso dos materiais escritos continúe a ser controlado polos que escriben ou polos que ostentan a propiedade dos seus dereitos, … Animamos o noso governo e a nosa xustiza para que non permitan que ningunha corporación sortee a lei da propiedade intelectual ou dicte os termos de tal control.”

víaHigh profile authors petition against Google Book Settlement | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Novas obxeccións francesas a Google Books

O Syndicat National de L’Edition, SNE, vai presentar 10 páxinas de novas obxeccións ao asentamento de Google Books.

víaQuick note: French Publishers Association to make new Google objections | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Apple non para de falar

Hai pouco contabamos que HarperCollins estaba en conversas de negocios con Apple ante a inminente presentación do seu novo tablet. Os rumores continúan e agora serían a división educativa de McGraw-Hill e o grupo Hachette.

O tablet de Apple vai vir como un capón de Vilalba. A próxima semana verémolo e fartarémonos de ler “xa o dixera eu”.

víaApple in talks with further two publishers | theBookseller.com.

Como leremos en 10 anos?

A gráfica mostra parte dos resultados da enquisa da Universidade de Colorado sobre as predicións de hábitos futiros de lectura realizada entre máis de 1000 persoas.

New survey on the future of the book | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Apple e as grandes

Parece ser que non é só Harper Collins, como xa mencionamos, senón outros grupos editoriais, están a negociar con Apple produtos, prezos e modelos de negocio, ante a inminente saída a finais deste mes dese tablet que virá ser, segundo rimores, un iPhone ou un iPod de gran tamaño.

As editoras seguen coa idea de contatacar os prezos de Amazon, que quere fixar en estándar os 10 $ que está a cobrar por moitas das novidades editoriais. En poucos días saberemos se habemus novo mercado ou unha nova parte do que xa existe.

US publishers seek new digital model with Apple | theBookseller.com.

Google Books: os axentes non saben que aconsellar

Google dálles até o día 28 de xaneiro para se decidiren. Moitos escritores ven unha gran oportunidade para volveren á vida todos os seus títulos descatalogados e argallar estratexias en bloque. Mais os axentes literarios non o ven claro. Para eles semella que as modificacións introducidas con posterioridade á primeira proposta non foron suficientes para deixar de vulnerar as Leis da propiedade intelectual e en moitos casos están a pedir aos seus clientes que sexan eles quen asuman a responsabilidade de entrar na maquinaria de Google ou ficar fóra. Saben que as consecuencias de calquera das dúas opcións poden significar moitos ceros e non saben a que carta quedar, así que prefiren que sexan os propios autores quen decidan e que unca poidan botarlles as culpas.

Agents offer authors mixed advice on Google | theBookseller.com.

O optimismo dos libreiros alemáns

Os distribuidores alemáns séntense moito máis optimistas que hai exactamente un ano, de acordo cun informe recente de Buchreport. Aínda con todo, as editoras de non ficción e de libros de autoaxuda non deberían alegrarse en exceso pois as librarías teñen decidido mercar menos títulos desas categorías este ano. A súa aposta centrarase nas edicións de peto, polo que tamén tentarán ser máis selectivos coa narrativa de capa dura e os audiolibros.

Por outra banda, un terzo dos entrevistados esperan redondear os seus obxectivos a base de videoxogos e outros produtos de lecer.

vía German Booksellers Optimistic, Shun Self Help .