Google e nós

Veño de ler que Google dixitalizará 500.000 libros dos fondos da Biblioteca de Lyon nos próximos 10 anos. E as nosas bibliotecas? Alguén sabe que se está a facer aquí? Hai aproximadamente 3 meses, nunha das ocasións en que coincidimos con Luis Collado, director de Google Books España, preguntámoslle se tiñan contactos co noso governo para emprender plans de dixitalización. A súa resposta foi que actualmente non, se ben houbera un contacto inicial co governo anterior. Tamén dixo que non tiñamos por que preocuparnos, porque tiñan dixitalizado  moitos fondos galegos procedentes dunha biblioteca de Barcelona.

Aproveitamos para preguntarlle tamén por que non estaban as ferramentas de Google traducidas a galegoe explicounos que a razón era a mesma. Os governos catalán e vasco asinaran/pagaran acordos de tradución e o noso non. Ofrecémoslle o noso equipo para facer a tradución e comprometernos ás actualizacións por un tempo razoábel pero dixo que Google non traballaba así.

Preguntamos entón que pasaría se o noso governo nunca chegaba a falar con eles. Explicounos que Google tamén leva a cabo as súas propias traducións e que ten unha relación de linguas ás que ten planificado traducir as súas ferramentas aínda que non conte con cartos institucionais. Queredes saber o lugar que ocupa o galego nesa lista? Eu tamén.

Google to Scan Lyon’s Library.

Este é o título da primeira publicación da plataforma Prolingua, que será presentado o próximo 5 de febreiro en máis de 60 localidades de todo o mundo.

“Esta publicación, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.”

A colaboración de Blogaliza será retransmitir en directo desde esta portada e desde o blogue de Prolingua a presentación de Vigo, que terá lugar na Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol) e na que intervirán Xosé Henrique Costas, Manuel Bragado, Agustín Fernández Paz. O streaming poderá seguirse desde o blogue de Prolingua e desde a portada de Blogaliza.

Ademais, se asistides en persoa a algunha das presentacións, queremos convidarvos a que fagades fotos e as subades a Flickr coa etiqueta prolingua, para poder localizalas todas e montar unha galería con elas.

Por último, para quen teña un móbil con conexión de datos: podedes rexistrarvos en Qik, descargar a aplicación e facer o voso propio streaming. Se o etiquetades como prolingua, tamén o ligaremos desde esta portada e o enviaremos ao blogue de Prolingua. Se tedes dúbidas sobre como facer algunha destas cousas podedes deixarnos un aviso.

Vémonos polo mundo enteiro o 5 de febreiro!

Non vaias ao mercado estadounidense sen axente

Hai moitos anos, os libros que chegaban ás oficinas das editoras enviados por incansábeis autores na procura de quen os descubrise para a posteridade, formaban as slush piles, moreas de quilos de nova pasta de papel.

Parece ser que o último libro editado por Random House sen intermediación dun axente foi publicado en 1991. A razón é que os editores non se atreven a publicar calquera cousa que reciben sen defensa explícita dunha axencia polo temor a que sexa un plaxio e que isto poida traerlle grandes problemas legais.

Teño idea de que en Galiza existe só unha axencia literaria e que está dedicada sobre todo á venda de dereitos no exterior, así que a situación é para nós totalmente distinta. Ou precisamente é relativamente fácil publicarmos un libro en galego mais tan difícil como para calquera, por moito que se teña publicado en galego xa, traspasar as fronteiras galegas e conseguir levalo ás tendas de Bilbao, de madrid, do Porto ou de Lisboa?

The death of the slushpile—and the rise of new choices like self-published e-books | TeleRead: Bring the E-Books Home.

PDFmyURL: converter calquera url nun PDF

Se non temos ningún editor de texto á man e queremos gardar para outro momento o contido dunha web en formato pdf, podemos realizar a conversión mediante esta ferramenta.

Ao vela pregunteime se captaría os textos de Google Books e outros sitios de libros con textos de lectura online protexidos contra copiado e funo mirar…

PDFmyURL.com – Convert and save pdf from any webpage for free.

Ben por Belén Regueira!

Cando non tiven tempo durante o día para escribir unha anotación sobre unha noticia amplamente comentada nas horas anteriores tendo a inclinarme pola falta de interese dun novo comentario pola miña parte. Iso foi o que case estiven tentada a facer máis unha a vez coas palabras de Belén Regueira na entrega dos Mestre Mateo e finalmente penso que non me podo permitir. Sentinme identificada coa preocupación que se elevaba a pública nun momento e nun contexto pouco aconsellábeis para remexerse na cadeira, segundo pensarían os espíritos máis conservadores do lugar. Encantoume escoitar as palabras de Belén pola tele e reclamando atención sobre a situación do galego. Encantoume porque é certo, porque nin nos últimos catro anos avanzamos moito, porque é das primeiras figuras pública que me parecen sinceras, sen reservas nin instrumentacións, porque debemos defender a cultura que queremos, en todas as partes. É a nosa única esperanza.

En favor do galego

captura_de_pantalla-en_favor_do_galego_-_mozilla_firefoxCando os tempos difíciles ameazan con prolongarse moito, paga a pena manter unha actitude positiva e dedicarse a construír casiñas confortábeis en lugar de afuciñar duramente tentando derrubar os castelos do inimigo. Nas últimas semanas están a xurdir numerosas iniciativas, tanto na Rede como fóra dela, en defensa da cultura en galego, a cultura que queremos moitas persoas. Por iso pensei en abrir un espazo, a través do cal sexa fácil estar ao tanto das últimas mobilizacións e poder adherir as que a cadaquén lle pareza oportuno.

Como se pode ler en En favor do galego, se promoves ou aopias algunha iniciativa en favor da cultura feita en galego e queres que apareza no blogue, podes enviarme un correo a tatimancebo786 en Gmail.

E cada vez somos máis e facémolo mellor!