Autonomía e duración da tinta electrónica

Autonomía e duración non son a mesma cousa e, se ben a fronteira por riba das 12 horas para o caso da primeira deixa de parecerme relevante, que o primiero lector de tinta electrónica que mercaramos hai dous anos deixara de funcionar por completo ao pouco tempo e que tivésemos que convencer o provedor de que non fora usado para cravar puntas para que nolo trocase por un novo, pode ser unha casualidade. Que lle teña acontecido o mesmo xusto ao rematar a garantía, pode seguir rozando a convencionalmente chamada mala sorte. Pero se mercas un Kindle e se agreta a pantalla na primeira semana, aínda que non teñas que realizar un esforzo desmedido para convencer o provedor para que cho substitúa, algo comeza a renxer.

Teño para min que estamos a falar de aparellos extremadamente delicados e, portanto, ańda máis caros do que pensabamos, para a vida que teñen. Pouco importaría que semellen dispositivos futuristas dun filme de ciencia fición dos anos 70, se polo menos durasen, mais non parece ser o caso. Hai alguén que teña unha experiencia similar á nosa e que queira contala? Ou realmente estamos tocados polo trasno dos trebellos e deberemos facérnolo mirar?

Historia do ebook

Este é o tema sobre o que estarei a falar esta mañá nas Xornadas sobre o libro electrónico na biblioteca e no ensino, que terán lugar hoxe e mañá na biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación

Apple e as grandes

Parece ser que non é só Harper Collins, como xa mencionamos, senón outros grupos editoriais, están a negociar con Apple produtos, prezos e modelos de negocio, ante a inminente saída a finais deste mes dese tablet que virá ser, segundo rimores, un iPhone ou un iPod de gran tamaño.

As editoras seguen coa idea de contatacar os prezos de Amazon, que quere fixar en estándar os 10 $ que está a cobrar por moitas das novidades editoriais. En poucos días saberemos se habemus novo mercado ou unha nova parte do que xa existe.

US publishers seek new digital model with Apple | theBookseller.com.

Venda de ebooks sobe en España 500% en 2009

O director executivo de TodoeBook asegura que o feito de térense vendido en España 100.000 lectores de ebooks fixo subir a venda de ebooks de maneira exponencial.

Como me gustaría coñecer as listas de máis vendidos, dos máis rendíbeis en función dos seus prezos, o papel das redes sociais nas vendas, os formatos preferidos, en fin…

víaSpanish ebook sales increase 500% in 2009 | TeleRead: Bring the E-Books Home.

A que dedica o tempo libre?

Sigo pensando que un dos camiños interesantes para o libro na rede está na lectura online, liberada da posesión física dos arquivos, enriquecida cos valores da lectura social e as posibilidades de anotación.

Where Does Reading Rank for You? | Dear Author: Romance Novel Reviews, Industry News, and Commentary.

O tablet de Apple non virá baleiro

Hai rumores de que Apple está a negociar con distintas editoras, entre elas Harper Collins, para pechar acordos de distribución de libros de cara á próxima saída do seu novo aparello multitarefa e ubicuo.

Non é só que a oferta vaia provocar a demanda, senón que as novas regras de xogo esixen novos terreos e novos equipamentos. Parece que a decisión última do paso do libro de papel ao electrónico depende da vontade dos lectores mais non é así. O cambio de paradigma está a obedecer, con atrancos e aceleróns, a unha realidade máis ampla en que coinciden os avances tecnolóxicos, que permiten experiencias inéditas, a crise enerxética, os modelos de negocio insustentábeis e o concepto de propiedade intelectual, entre outros.

HarperCollins believed to be in talks with Apple | theBookseller.com.

Ebooks en Australia

Espérase a saída de media ducia de dispositivos de lectura para este ano.

At least a dozen new hand-held devices are expected to hit the Australian market this year and spark a surge in demand for e-books.

Até o momento só dúas das principais editoras levan dixitalizado un número significante de libros: Allen & Unwin conta con 1500 títulos, mentres que Pan Macmillan Australia ten 500 libros preparados.

A Biblioteca Nacional de Australia só tiña dixitalizado 2.366 libros en xullo do ano pasado.

vía theage

Non vaias ao mercado estadounidense sen axente

Hai moitos anos, os libros que chegaban ás oficinas das editoras enviados por incansábeis autores na procura de quen os descubrise para a posteridade, formaban as slush piles, moreas de quilos de nova pasta de papel.

Parece ser que o último libro editado por Random House sen intermediación dun axente foi publicado en 1991. A razón é que os editores non se atreven a publicar calquera cousa que reciben sen defensa explícita dunha axencia polo temor a que sexa un plaxio e que isto poida traerlle grandes problemas legais.

Teño idea de que en Galiza existe só unha axencia literaria e que está dedicada sobre todo á venda de dereitos no exterior, así que a situación é para nós totalmente distinta. Ou precisamente é relativamente fácil publicarmos un libro en galego mais tan difícil como para calquera, por moito que se teña publicado en galego xa, traspasar as fronteiras galegas e conseguir levalo ás tendas de Bilbao, de madrid, do Porto ou de Lisboa?

The death of the slushpile—and the rise of new choices like self-published e-books | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Publicar en Scribd

Moitas son as noticias que xorden nestes días sobre acordos de publicación e promoción entre escritores, distribuidores e editores. Amazon pecha contratos en exclusiva con editoras, Barnes & Noble ofrece tremendos descontos e, como acabo de ler, John Wiley & Sons pecha un trato con Scribd para vender e promocionar un bo pacote de títulos, entre os que están as guías para Dummies, sen ir máis lonxe.

Scribd é un sitio que eu tiña case esquecido, onde lembraba que se podían aloxar documentos de texto para seren lidos online, incrustados en webs e promocionados ás redes sociais. Mais tamén é unha empresa a través da cal os autores poden vender os seus libros a cambio do 20% do prezo final.

A comunidade ten máis de 5o millóns de lectores espallados polo mundo enteiro e só en 2009 recibiu 5 millóns de documentos novos. Presumen de ter a maior e a máis activa comunidade lectora e son rápidos á hora de os propietarios de dereitos solicitárenlles a retirada de contidos subidos sen os correspondentes permisos. Disto último podo dar fe, pois nun dado momento lles enviei un correo para que un documento meu desaparecese por completo dos seus arquivos e de modo inmediato recibín un correo persoal para avisarme de que a miña petición fora satisfeita -o documento subírao eu mesma mais tivera problemas para retiralo-.

Todos estas novidades dos últimos días indican, cando menos, que quen máis e quen menos está por fin a tomar iniciativas e a procurar compañeiros de viaxe. Comeza a festa.

Wiley signs deal with Scribd over e-books | theBookseller.com.