Acabará o libro electrónico con algo realmente?

Durante anos o debate centrouse en se o libro electrónico acabaría co papel ou non, de feito aínda hai quen está ancorado nesa cuestión. A revolución do libro electrónico estaba por chegar e supoñíase que o faría producindo unha gran explosión que deixaría instantaneamente moitas persoas sen traballo e as editoras en bloque mudarían as súas estruturas dun día para o outro. Finalmente parece que non foi tanto así, senón máis ben un proceso evolutivo en que van influíndo o abaratamento e mellora dos dispositivos de lectura, os custos de produción, as novas relacións sociais na rede, etc.

Nos últimos meses deixou de falarse da desaparición do papel, como digo, e agora parece que o novo debate que xorde, talvez para que o libro electrónico como tema de primeira plana non esmoreza, é se o libro electrónico acabará coa literatura, coa LITERATURA!!!! Hai quen di que se o libro electrónico non ten entidade física entón é un concepto temporal, máis que espacial. Pero non é exactamente o mesmo que o libro de papel? Pero é que, o libro é o papel ou o que representan os caracterres que leva impresos? Non serán as dúas cousas?

Dicir que o libro electrónico acabará coa literatura é o mesmo que dicir que as leitugas, por exemplo, poden facelo. Mesmo poderían as leitugas, a través de moitas reviravoltas da Historia, chegar a acabar coa industria editorial -cústame traballo crelo pero podería chegar a acontecer- Pero acabar coa literatura implica que antes habería que acabar con outras moitas cousas que hoxe por hoxe nos parecen de desaparición máis que improbábel.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Apple e as grandes

Parece ser que non é só Harper Collins, como xa mencionamos, senón outros grupos editoriais, están a negociar con Apple produtos, prezos e modelos de negocio, ante a inminente saída a finais deste mes dese tablet que virá ser, segundo rimores, un iPhone ou un iPod de gran tamaño.

As editoras seguen coa idea de contatacar os prezos de Amazon, que quere fixar en estándar os 10 $ que está a cobrar por moitas das novidades editoriais. En poucos días saberemos se habemus novo mercado ou unha nova parte do que xa existe.

US publishers seek new digital model with Apple | theBookseller.com.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A que dedica o tempo libre?

Sigo pensando que un dos camiños interesantes para o libro na rede está na lectura online, liberada da posesión física dos arquivos, enriquecida cos valores da lectura social e as posibilidades de anotación.

Where Does Reading Rank for You? | Dear Author: Romance Novel Reviews, Industry News, and Commentary.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O tablet de Apple non virá baleiro

Hai rumores de que Apple está a negociar con distintas editoras, entre elas Harper Collins, para pechar acordos de distribución de libros de cara á próxima saída do seu novo aparello multitarefa e ubicuo.

Non é só que a oferta vaia provocar a demanda, senón que as novas regras de xogo esixen novos terreos e novos equipamentos. Parece que a decisión última do paso do libro de papel ao electrónico depende da vontade dos lectores mais non é así. O cambio de paradigma está a obedecer, con atrancos e aceleróns, a unha realidade máis ampla en que coinciden os avances tecnolóxicos, que permiten experiencias inéditas, a crise enerxética, os modelos de negocio insustentábeis e o concepto de propiedade intelectual, entre outros.

HarperCollins believed to be in talks with Apple | theBookseller.com.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non vaias ao mercado estadounidense sen axente

Hai moitos anos, os libros que chegaban ás oficinas das editoras enviados por incansábeis autores na procura de quen os descubrise para a posteridade, formaban as slush piles, moreas de quilos de nova pasta de papel.

Parece ser que o último libro editado por Random House sen intermediación dun axente foi publicado en 1991. A razón é que os editores non se atreven a publicar calquera cousa que reciben sen defensa explícita dunha axencia polo temor a que sexa un plaxio e que isto poida traerlle grandes problemas legais.

Teño idea de que en Galiza existe só unha axencia literaria e que está dedicada sobre todo á venda de dereitos no exterior, así que a situación é para nós totalmente distinta. Ou precisamente é relativamente fácil publicarmos un libro en galego mais tan difícil como para calquera, por moito que se teña publicado en galego xa, traspasar as fronteiras galegas e conseguir levalo ás tendas de Bilbao, de madrid, do Porto ou de Lisboa?

The death of the slushpile—and the rise of new choices like self-published e-books | TeleRead: Bring the E-Books Home.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Interliteral 09: Juan Gutiérrez, la función social de la literatura elctrónica

É imposíbel desenvolver unha actividade que requira coordinación ollo/man e manter unha conversa coherente ao mesmo tempo, é dicir, videoxogos deste tipo e conversa coherente son incompatíbeis nun mesmo momento. Algo similar ocorreo coa televisión.

Entre 1982 e 2002 caen os niveis de lectura literaria. A taxa máis alta de caída está no grupo máis novo (18-24 28%)

Incremento dun 30% de persoas no mundo nas persoas a faceren escrita creativa.

En 10 anos as grandes editoras deixarán de editar en papel por completo e este sector ficará relegado a pequenas editoras que lle engadan algún tipo de valor.
Están os lectores a ler literatura dixital (diferente da literatura dixitalizada)? Aparentemente aumentou o número de escritores mais non o número de lectores.
A literatura electrónica abre unha canle democrática para a creación de discursos, satisfai a necesidade humana de expresar a experiencia subxectiva.
O medio electrónico ten custos máis altos que o papel a 100 anos.
A literatura electrónica é un modelo de 3 capas como mínimo: capa de datos (os bytes que se gardan nunha base), o procesamento preciso para presentala ao lector, e a capa de presentación, que é o modo en que finalmente se presenta ao lector.

Na pantalla lemos máis devagar que no papel e temos a impresión de que temos máis texto en pantalla do que realmente temos. Levounos moito tempo aprender a escribir e a ler no papel, debemos estudar por tanto as condicións e os condicionantes da lectura nos soportes electrónicos. Por exemplo, levou moitos séculos decidir que pagaba a pena separar as palabras con espazos; igualmente podemos descubrir e consolidar o uso de novos recursos para a lectura en pantalla.

Absoluta liñalidade da literatura electrónica: o proceso de lectura realízase no tempo, non no espazo.

O modelo matemático consecuente aos estudos realizados en literatronic e outros espazos, conclúe que:

O interese decae moi rapidamente na pantalla, dito noutras palabras, damos menos oportunidades a un texto electrónico que a un en papel, abandonamos antes cando non nos gusta. (pregúntome eu se isto se debe ao soporte ao ás condicións que rodean o dispositivo, como que temos moitísimos máis libros á man ou que con frecuencia estamos dedicados á multitarefa, que nos leva a abandonar a lectura de pracer por algunha outra actividade que temos comezada ou por comezar con maior facilidade que cando sentamos pausadamente a ler un libro de papel, porque non temos un ordenador a man, etc.)

Google Books ten efectos catastróficos actualmente para os dereitos de autor:

O relator di que é realmente moi fácil ler os libros completos en Google Books de balde. Entón intervén Luis Collado, director de Google Books para dicirlle que se llo demostra, ofreceralle un contrato de traballo. Seguimos expectantes a pugna.

Entón Juan GutiérreZ, estadounidense e profe da Universidade de Miami, aproveita a atención total de todo o público para introducir o discurso en favor da defensa dos dereitos de autor. Achaca a Google Books que aínda non se poidan partillar as notas persoais que os lectores engaden aos libros, que é tamén un valor.

Gutiérrez aproveita para presentar (perante o director de Google Books España) un proxecto dun dos seus grupos de traballo que se chama GPS2, que vén sendo un GPS creativo, que non te leva polo camiño máis recto senón por camiños alternativos que inclúen info artística.

Gutiérrez parece concluír o relatorio sen descubrir o seu sistema de ler libros completos de Google.

Webs do autor:

GPS Global Poetic System infraestrutura para que un autor poida crear para múltiplas plataformas. Reutilízanse recursos para facilitar a creación por múltiplas canles nun momento en que os móbiles superan en número aos ordenadores.

Literatronic

Chuzame! A Facebook A Twitter

A humildade do aprendiz en Mario Vargas Llosa

Sen otro fundamento alén das entrevistas que lle teño escoitado e lido e algunha das súas novelas, lidas hai moitos anos xa, hei de recoñecelo, sempre me pareceu que neste home destacaban a arrogancia, o autoritarismo e saberse dunha caste especial como trazos visíbeis do seu carácter. Síntoo, mais unha vez non acredito nas súas palabras. É un home que me dá medo.

“Nunca pensé en encontrar un editor. Ni siquiera me atrevía a desearlo, era algo absolutamente alejado de la realidad para un escritor de mi país”

La Opinión A Coruña.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Auto-entrevista sobre o libro electrónico

Actualizado 18/06/09 coas respostas de Goretoxo.

Eis as preguntas:

1.-Constituirá o libro electrónico unha parte importante do mercado editorial de aquí a dous anos?

Tati: Si, aínda que só fose pola tendencia ascendente da súa presenza no mercado, as estratexias en marcha dos grandes grupos editoriais e a crise tan forte que está a experimentar a industria papeleira (a maior papeleira dos Estados Unidos declarábase en quebra hai aproximadamente dez días), parece que en dous anos o panorama editorial pode mudar substancialmente en favor do libro electrónico.

Calidonia: Si, quen pode negalo?

Mario Regueira: Depende do que entendamos como “mercado”. É indubidábel que medrará cada vez máis, o que está por ver se alguén consegue compatibilizalo de forma intelixente cun modo de negocio rendíbel.

Goretoxo: Que remedio. Se como parece que para a campaña deste nadal o trebello de lectura vai ser o gadget de moda, e como parece tamén, o obxecto literario de evasion (chámalle bestseller, ou fantasia histórica) é unha forma de entretemento obviamente máis sinxela, mais traballada e máis aceptada que o videoxogo (quen falou de contornas de inmersión e non pensou nunha novela que te engancha?), todo parece chamar polo 2010, o Ano da Crise que Non Remata, como o ano da lectura…

Dorfun: Creo que non. Se tratamos de ver unha similitude co mercado do audiovisual dixitalizado, o mercado editorial tradicional (a persoa lectora analóxica) non está preparado. Ben porque non vaia pagar por libros que pode descargar de balde ou ben porque sinta a morriña do cheiro a imprenta. O único punto que lle podo ver a curto plazo está no libro de texto para o ensino.

2.-Triunfarán os lectores de libros electrónicos como dispositívos habituais entre os lectores?

Tati: Creo que o lector de libros electrónicos como hoxe o coñecemos, se subsiste, será un dispositivo habitual en centros educativos, bibliotecas, posibelmente tamén nos bares e nas perruquerías mais o dispositivo cotián dos lectores habituales será probabelmente un pequeno portátil de gran autonomía, conectado á rede permanentemente con pantalla híbrida de LCD e tinta electrónica (case me atrevo a dicir que con teclado virtual ou un teclado físico que podemos deixar na casa cando non o imos precisar). Non imos querer cargar con varios dispositivos diferentes se podemos realizar todas as tarefas a través dun só.

Calidonia: Na mesma medida que as cadeas Hi-Fi entre os amantes da música, aínda que maioría siga a escoitar música en iPods ou na radio do carro.

Mario:  Sen dúbida, aínda que para iso é necesario un abaratamento dos dispositivos ou a creación dun estándar funcional e creo que aínda estamos lonxe dese momento.

Goretoxo: O dispositivo especializado non é unha boa idea, pero posiblemente os lectores de libros de aqui a dous anos van ser mellores e máis usables que os umpc que estamos a empregar como maquina de traballo cotian. Entón si, pero baixo a forma dunha pantalla de 10 polegadas multitactil, cun ubuntu tuneado e unha variante de e-ink.

Dorfun: Se falamos de substitutos de móbiles, miniportátiles, etc. non o creo. É un dispositivo demasiado específico, de momento. E incluso para os e as lectoras frecuentes, precisaríase un amplio catálogo para satisfacelas completamente (dixitalización de clásicos, libros vellos, novidades,…)

3.-Triunfará un formato de arquivo sobre os demais?

Tati: a variedade de formatos de arquivos non ten por que ser nin un atranco para a difusión nin para a reprodución a vontade dos contidos, ademais é un froito natural da evolución da tecnoloxía. A novidade que eu creo que ha marcar a diferenza, en oposición aos modelos que coñeciamos até hai pouco, é a aposta de Google por ofrecer o acceso aos contidos, en lugar da súa descarga. Para que dispor de memorias de gran capacidade ou para que mercar un libro e vivir a ilusión de posuír un feixe de caracteres virtuais, cando podemos ter acceso a bibliotecas completas, anotar os textos en rede, recomendar, comentar e referenciar desde calquera terminal a través da identificación como usuarios?

Calidonia: Non, haberá diversidade, como noutros casos.

Mario: Hoxe en día xa hai decenas deles, e sospeito que iso non mudará. De todos xeitos trátase de procurar un medio que poida ler a maior parte deles.

Goretoxo: Por sorte xa non estamos na época dos obxectos únicos, e dos formatos físicos “privatizables”: a vella guerra vhs-beta xa non se pode dar, porque un disco duro sirve para meter calquera cousa, e os servidores “na nube” estan case ao alcance de calquera. Agora a fronteira esta nas utilidades de conversión, na mediación de formatos. Ai softwares coma co Calibre teñen moito que decir. Pero un libro ten a vantaxe (que non ten unha peli) que podemos pensar en botar media hora en facer a conversión de formatos, porque o tempo de disfrute do contido é dabondo.

Dorfun: Como en case todo, rematará usándose o que conteña o maior catálogo e sexa facilmente distribuíble. Non obstante sempre haberá quen reconvirta os formatos para obter mellores calidades, funcionalidades, etc. e se manteña un segundo grupo minorizado e especializado.

4.-Terá continuidade e expansión o modelo Kindle?

Tati: O modelo Kindle aínda pode ser exportábel ou importábel a Europa, aínda que penso que o teñen moito máis difícil coas operadoras telefónicas que nos Estados Unidos, mais a longo prazo non creo que poidan ser masivos os modelos baseados en redes pechadas, alén de ámbitos superespecializados.

Calidonia: Puntualmente, até que remate a febre das modas como o do iPhone. Os modelos pechados de negocio e os DRM teñen os días contados.

Mario: As redes fechadas son un camiño morto, seguramente non.

Goretoxo: Penso que non: xa estamos vendo pistas de “acceso a suscripción”. E nas nosas cabezas esta presente a idea de sermos suscriptores de coleccións, liñas editoriais, e obras: non tes mais que ver a ultima páxina dos poemarios que edita Espiral Maior, ou as do facsimil da Historia de Galiza de Murguía. Militancia intelectual.

Dorfun: No estado español non existe un soporte oficial por parte de Amazon o cal é un punto na súa contra neste momento. Aínda así este tipo de modelo é complicado pola dependencia do servizo. O sector do libro non está o suficientemente extendido como para que sexa rendible.

5.-Que melloras fornece o modelo de Google?

Tati: Máis unha vez Google adiántase ao tempo no momento xusto, cousa ben difícil. Ás xa comentadas na terceira pregunta, hai que engadir, pensando en sistemas literarios, a idoneidade do modelo para os de tamaño pequeno, como pode ser o SLG. Pensar en poder subscribirme ao catálogo completo dunha editora por unha cantidade periódica, poder examinar os libros antes de lelos, saber quen os leu antes ca min e que lle pareceron, etc. é algo que se me fai especialmente apetecíbel e que creo que pode promocionar a lectura nun modo descoñecido até agora.

Calidonia: Dispoñibilidade absoluta e ubicua. Pero tamén ten perigos.

Mario: A posibilidade de acceso, aínda que ten moitas cousas mellorábeis. Os libros descatalogados, por exemplo, deberían estar sen limitacións. Tamén é problemático que unha fonte de acceso a cultura desta envergadura estea en mans dunha empresa privada.

Goretoxo: O dito antes: aportación participativa, case como donativos, a liñas de pensamento.

Dorfun: O modelo de Google favorece a deslocalización dos contidos, precisando unicamente dunha conexión á rede Internet, con todo o bo e malo que iso ten. Ademáis da integración con todo o resto de servizos da compañía. En calquera caso só está dando uns pasos iniciais do que a ferramenta pode chegar a facer.

6.-Cal é o lugar dos sistemas literarios dos países pequenos no mercado editorial do futuro próximo?

Tati: Estou de acordo coa proposta de Calidonia de escribir en galego-portugués internacional pero véxoa máis lonxe aínda que a gratuidade total para a literatura escrita en galego. Porén, o modelo de acceso aberto a catálogos completos a través de subscricións (que obviamente deberían ter un prezo diferente para os particulares que para os centros educativos e as bibliotecas) poderían procurar a súa rendibilidade a través da internacionalización das vendas se conseguísemos crear unha marca de calidade a través da promoción ben orientada e as traducións, das que falaremos un bocado máis abaixo.

Calidonia: No long tail disque hai hai oportunidades de negocio, pero só en mercados globalizados. O galego non o é e como merado pequeno e reducido a súa supervivencia pasa non esclusivamente pero si centralmente pola gratuidade e a difusión viral. Ou por escribirmos en galego-portugués internacional.

Mario: Por unha banda fomenta a intercomunicación e a divulgación do propio acervo. Por outra, coloca nunha posición complicada a actores, como as editoriais, que aínda cumpren unha función importante para os sistemas pequenos e non teñen unha posición económica tan consolidada como nos grandes.

Goretoxo: Identidades dispersas, non necesariamente territorializadas, capaces de ofrecer creatividade interesante para os centros de consumo de historias. Sermos phyle, aproveitar a “diaspora” creativamente.

Dorfun: O escaparate que supón a rede Internet, o cal impacta nun dos aspectos clave: a posibilidade de competencia en mellores condicións e suposta igualidade.

7.-Cara a onde vai o mercado das traducións literarias

Tati: Non é por obsesión de falar continuamente de Google mais é difícil non facelo cando poñen ao noso alcance ferramentas tan completas e intuitivas de balde total. Co Google Translator Toolkit, presentado recentemente, podemos realizar unha tradución automática instantánea entre moitísimos pares de linguas. Podemos editala comodamente vía web, partillar dúbidas, acceder a dicionarios sen saír da páxina e mesmo ver recorrencias de cadeas similares. Se desde os distintos campos da cultura galega traballásemos en rede. Desde logo debemos esquecer a opción de cobrar unha cantidade fixa pola tradución dun libro por encargo da editora mais os tradutores poderían actuar con maior liberdade á hora de escoller os libros obxecto de tradución, á hora de engadir notas, referencias, etc. de modo que aínda que existise unha tradución feita xa dun libro, houbese opción de seguir mellorándoa.

Calidonia: Cara o mesmo que o das dobraxes de películas e series de TV.

Mario: Desconfío moito da posibilidade das traducións automáticas, aínda que o feito de que os tradutores teñan cada vez máis ferramentas facilitando o seu traballo só pode beneficiar aos sistemas literarios pequenos.

Goretoxo: Imaxino que depende de cal dos dous sentidos mires nesa dirección: digamos que de galego a outras, e de outras a galego. No primeiro caso: vender ao mundo creación orixinal, específica, única. No segundo caso: militancia lingüística e gozar coa lingua herdada.

Dorfun: Non sei cara onde van, pero sí cara onde me gustaría. Non quixera que os dereitos das editoriais impediran e monopolizaran (por non dicir marxinaran) outras linguas, pola potestade sobre eses dereitos. Só hai un perxudicado directo, cando unha editorial estatal con dereitos de publicación nas distintas linguas, só utiliza unha das oficiais nesas rexións con diversidade lingüística.

8.-Como che gustaría mercar libros?

Tati: Aínda gosto de ir ás librarías mais cada vez atopo menos o que me interesa porque as librarías son cada vez menos e cada vez hai menos diferenzas dunhas ás outras. Como xa dixen nunha anotación anterior, gostaría inmenso de que na miña cidade houbese un centro comercial dedicado ao libro, con presenza de moitas editoras e moito fondo editorial. Pola banda electrónica xa expresei a miña vontade: desexo acceso aos catálogos completos para poder examinar e facer diferentes tipos de lectura segundo con que libros.

Calidonia: Descargándoos por un prezo axustado aos custos reais.

Mario: Son un apaixonado do libro en formato físico e un lector insaciábel do formato dixital, así que sería un bo cliente de ambos formatos. Tamén agardo que o momento dixital mellore o traballo do mercado editorial e potencie as edicións coidadas e o libro como obxecto.

Goretoxo: Gostaria mercarlle ao vello libreiro victoriano que sabe dos meus gustos, e que me ten preparado, unha vez cada quince dias, unha pila de libros do que coñece son os meus gustos. Coñecín a xente que funcionaba así, ainda hai dez anos, pero con volumes de facturación de 200 euros/mes. Para os pobres, agora eso é posible con ferramentas “educadas”. Dende logo, ubicuamente. Non sei: supoño que pagar ata o 5% do ingreso neto mensual é algo que podemos facer…

Dorfun: Quero seguir mercando libros como até o momento, con diversidade. Pola rede, en feiras, en tendas,… e compartíndoos tamén gratuitamente.

9.-Como che gustaría ler libros?

Tati: tanto en papel como en dispositivos electrónicos, para este último caso quero un teléfono un pouco máis grande que o que teño, con todas as funcións, ou dito doutro modo, un miniordenador que tamén funcione como teléfono.

Calidonia: No meu lector de libros electrónicos. Non teño os libros físicos por totem ou obxecto de culto.

Mario: En calquera dos dous formatos, aínda que non serían intercambiábeis para todas as ocasións.

Goretoxo: Como estou facendo nos ultimos meses: en calquera sitio, en calquera forma, podendo tomar notas e non ter remorsos por estropear o obxecto-fetiche. En trebellos, ou en papel, de dia ou de noite. Non só evasión: lectura colectiva comentada; cine-forum.

Dorfun: Ao xeito tradicional, pero non rexeito os novos medios para lecturas puntuais. Sobre todo cando falamos de textos que non son libros, no sentido tradicional.

10.-Que pasa coas traducións?

Dorfun: Neste momento, teño constancia de que as traducións lingüísticas de Calidade (con C maiúscula), pódense contar cos dedos das mans. Penso que a tradución debería ser extremadamente coidadosa coa linguaxe empregada e tratada con moito respeito.

Como observou xa Calidonia esta pregunta está repetida, así que aobviarei coma el.
Se tes as túas propias respostas ou outras pregutnas a maiores, convídote a deixalas nos comentarios ou a publicalas no teu blogue. Se me dás aviso disto último nos comentarios ou a través dunha ligazón, darei conta de todo o debate que se vaia desenvolvendo no blogomillo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os editores aprenden do sector discográfico

Non se pode xeneralizar, así que non diremos “os editores” senón que son a maioría das editoras que din estar a tomar nota do sector discográfico para non caer nos mesmos erros e construír un novo modelo de negocio sustentábel. O que e min me parece é que a súa perspectiva é a da procura da agulla no palleiro, andan a buscar en que momento erraron as discográficas, en que momento se lles foi o negocio das mans para non chegar a ese punto, mentres dan como inmortal un concepto de dereitos que non ten máis que uns anos de vida. Os xornais en papel son ruinosos e polo que din os dixitais tamén o son polo momento, o sector editorial está en crise como case todos, ou podería reconverterse con axilidade e elegancia? Eu creo que si. O erro das discográficas estivo na sobreexploación de clientes e artistas apoiándose na imposibilidade de todos eles para se defenderen, modelo que aproveitaron até que non deu máis de si e de cuxa desaparición queren facer culpábeis aos internautas porque son tan malos e piratas que partillan música a través da rede con custo de reprodución cero. Haha!

Por favor, discográficas e editoras, tomen a serio unha revisión meticulosa do concepto e limites da propiedade intelectual, esquezamos que a maioría de músicos e escritores que poidan vivir das súas creacións deben automaticamente converterse en multimillonarios e non gasten tanto tempo e recursos en atopar o sistema infalíbel para que os contidos non se poidan copiar e/ou reproducir, porque non o van conseguir. Están a perder moitos cartos e tempo, sobre todo moito tempo.

Comunicación cultural.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A Feira do libro de Madrid

Todo o mundo fala da Feira do libro de Madrid, tanto polo veto aos libros electrónicos como polo éxito de público e vendas que compensa, polo menos simbolicamente a crise do sector. Será que os lectores están cansos de ir de libraría en libraría atopando en todas os mesmos libros? Será que gostarían de poder ir todo o ano a un lugar onde poden atopar todos os libros agrupados por editoras e seren atendidos, asesorados por persoas que coñecesen ben o produto que venden? Será que deberían ser as propias editoras as que vendesen os seus propios libros? Ou que as librarías fosen, algunas delas, franquías de editoras e, repito, agrupadas nun mesmo centro ao lado doutras especializadas en libro de viaxes, narrativa latinoamericana ou bestsellers, centro que podería organizar sinaturas, recitais, tertulias e obradoiros durante todo o ano? Non será que queremos iso? A min gustaríame.

Chuzame! A Facebook A Twitter