Marta Rivera: a raposa no galiñeiro

Porque me fervía o sangue no corpo escribín este artigo en Praza.

«Que o inventor do sistema de coordenadas cartesiano teña sido a mesma persoa que afirmou que a alma se sitúa na glándula pineal, resulta chocante. Descartes estivo tan atinado nun aspecto como para influír poderosamente no desenvolvemento do cálculo moderno, como desatinado noutro. “Somos así de limitados” díxome Antonio Escohotado nunha ocasión.

É fácil solidarizarse coa situación das linguas mapuches desde Galiza porque América fica lonxe, non se esixe argumentación a unha obviedade e, sobre todo, non xera confronto cunha parte do contorno social máis próximo, porque a súa defensa non redunda nunha perda de privilexios; simplemente hai algunhas persoas que denuncian a situación destas linguas minorizadas e unha maioría indiferente.

Ignorantes cando menos parécenme as persoas que denuncian opresión do galego sobre o castelán sen querer decatarse de que todas as linguas son igualmente importantes e deben gozar dos mesmos dereitos; parece mentira que teñamos que seguirlles lembrando este punto a estas alturas. Moitas destas persoas que agora protestan acostumaban declararse indiferentes cara ao galego até que sentiron que perdían algo.

Eu non podo escolarizar os  meus fillos en galego, os escasos medios de comunicación na miña lingua resisten a base do esforzo heroico dalgunhas persoas. A maioría dos médicos non falan a miña lingua, nin os notarios, nin os xuíces, nin a policía, nin o persoal dos bancos. Tampouco podo ir ao cinema en galego, nin sempre obter impresos oficiais se os demando na miña lingua. Cando quixen crear unha sociedade, a súa constitución demorou máis días do normal por requirirmos a escritura en galego, e periodicamente hei de escoitar a aparente pregunta sobre por que falo galego se en castelán nos entendemos todos sen problema. E aínda queren facerme crer que hai persoas infravaloradas ou limitadas nas súas liberdades por expresarse en castelán na Galiza? […].» {Ler completo Praza Pública}