Adaptarse aos novos tempos

Eis o artigo que me pediron para a Tempos deste mes sobre internet e a propiedade intelectual.

“Na segunda metade do S. XX, para escoitar música había que mercar un CD, para ler unha novela había que mercar un libro en papel e para ver un filme había que mercar ou alugar un DVD. O aviso de prohibición de reprodución aparecía en todos os artigos mais a copia privada acabou sendo un dereito. A técnica avanzou e fixo posíbel reproducir discos e fotocopiar libros na casa. Aínda así era máis barato fotocopiar un libro nunha tenda de fotocopias, polo que a industria editorial acabou conseguindo que se aplicase un canon ás máquinas fotocopiadoras, para subsanar as perdas que as editoras atribuían ao fotocopiado dos seus libros. O canon aplicouse a moitos dispositivos electrónicos que permitían copia e almacenamento de contidos dixitais, e os cartos que xeraba ían parar a asociacións de xestión de dereitos de autor. Autorizaba o canon a libre reprodución dos contidos comerciais? Non, só a copia privada, que pasou a ser un dereito do comprador. En que se baseaba a aplicación do canon entón? Na compensación do “mal” uso que o comprador podía facer da súa compra. Pero entón, pagando o canon lexitimábase ese uso do produto comprado? Tampouco. Paradoxos da vida.

Durante uns anos as entidades de xestión de dereitos manexaron cantidades de diñeiro considerábeis, que repartiron e investiron como consideraron oportuno até que recentemente os seus ingresos comezaron a diminuír de modo alarmante. Foi nese momento cando reclamaron unha lei que as “protexese”.

Entrementres os internautas descubriron que podían partillar contidos a través da rede, que podían organizarse para non repetiren o mesmo traballo innumerábeis veces e que era importante defender o dominio público. Descubriron tamén que as industrias de contidos tiñan un modelo de negocio baseado na distribución física que comezaba a deixar de ter sentido coa revolución dixital.

Empresas como Amazon, Apple, Spotify decidiron aproveitar a oportunidade dixital e comezaron a comercializar novos produtos con novos prezos adaptados a unha clientela que non variara tanto nestes poucos anos pero que contaba con ferramentas de consumo, de compra e de participación das que non dispuña dez ou quince anos atrás. Venda de cancións soltas, libros a prezos reducidos, consumo online de música, filmes e libros sen necesidade de descarga previa, etc.

Ao seu carón, moitas empresas consolidadas no S XX quixeron facerse fortes no seu modelo de negocio de distribución física e trasladaren os seus formatos sen mudanzas a internet, o que moitos chamaron desfortunadamente manteren a súa cadea de valor. A industria da distribución de contidos está en crise como tantas outras simplemente porque xa non funciona, como aconteceu co carbón cando chegou o petróleo, porque non reducir os custos cando é posíbel non leva a ningures.

A lei Sinde non saiu adiante porque a cidadanía non quere que se pechen páxinas web sen a autorización dun xuíz. En internet nin todo é de balde nin se pretende pero é preciso e urxente un debate a fondo sobre as leis de propiedade intelectual que defendan os produtores, os distribuidores e tamén os consumidores de contidos, adaptadas aos novos tempos, aos novos medios e centradas na propia cultura, non unicamente na industria.”

Chuzame! A Facebook A Twitter

(xa non tan) novos medios/nova literacidade

Acabo de traducir este interesante vídeo. Desafortunadamente perdín a ligazón da fonte onde o vin. Aínda que é probábel que fose en Tiscar, pois fixeron a tradución para castelán, agora non o dou visto no seu blogue.

Chuzame! A Facebook A Twitter