Os límites da real-idade

-Mamá, a ti gustaríache ser sempre nena?

-Non, pelacha, a min gústame que as cousas duren o que teñen que durar.

-Ah, claro, e ademais o espazo-tempo destruiríase, verdade? Porque sería como se me tiveses a min sendo nena. E cres que se destruiría todo o noso planeta?

-Non, pelacha, non creo que fose para tanto.

-E se se destruíse o espazo-tempo, cantas persoas cres que morrerían?

-Nese caso creo que non ficaría nada, pelacha.

A maxia de verdade

-Pois Antonio, o profe de EF, colle xiz na man e sopra e desaparece. E despois pásache a man pola orella e aparece na túa orella. Iso é maxia de verdade?

-É maxia

-Pero ti cres na maxia de verdade?

-Pelacha, eu toda a maxia que teño visto tiña truco.

-Pero entón non cres na maxia de verdade.

-Visto así, non.

-Pero entón que pasou para que non creas na maxia. Algo che tivo que pasar… E nas fadas tampouco cres?

-Nunca vin ningunha.

-Eu tampouco, pero si que creo nelas. Non viches ningunha porque non cres, e se non cres desaparecerán, que o vin na peli de Campanilla.

Galileo e a monarquía

O primo J. conferenciaba para a súa irmá, a prima P.

-Arteixo está en Coruña, Coruña en Galicia, Galicia en España, España en Europa e Europa no planeta Terra. A Terra xira arredor do Sol e están na Vía láctea. Na Vía láctea hai máis planetas: Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno…

Entón interveu a mai dos primos.

-Sabedes, Xúpiter tamén ten lúas e Galileo foi o primeiro en velas.

Entón o primo J. preguntou.

-En que ano foi?

-En 1610

-E que día?

-O 7 de xaneiro. Viunas co seu telescopio.

Entón a prima P. tivo unha das súas saídas gloriosas.

-OHHHHHH, que llo trouxeron, os reis?