As nosas compras na Feira da poesía e da ilustración

Os pelachos pasárono a tope. Démoslles 5 € a cada un para que fixesen as súas compras, como cando nos daban cartos para ir á festa e andaron ao seu polo Quiosco Afonso durante 3 horas o sábado pola tarde. Nunca vira o pelacho facer cola por vontade propia durante 2 horas, nin sequera durante 5′, mais alí estivo ao pé das mesas dos ilustradores para levar para casa os seus tesouros.

Máis info sobre a feira

Lectura colectiva no Obelisco

O venres pasado asistimos á convocatoria organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cadaquén co seu libriño, para lermos en voz alta durante 2 minutos. Eis o resultado.
Ao día seguinte, o sábado, asistimos tamén á Feira da poesía e da ilustración no Quiosco Afonso. Mercamos poemas manuscritos e deseños a 1 € e montamos o nosa carpeta única e irrepetíbel. Nos próximos días daremos conta das imaxes tamén.

Leonard Cohen

Leonard Cohen acaba de sacar disco en directo, gravado na xira de 2008. Cóntame un amigo que sufriu unha estafa por parte do seu axente, que o deixou cos petos baleiros, e que saiu de xira para volver gañar o retiro. Unha vez máis perdín o seu concerto, esta vez en Lisboa, como xa me pasara en 1986.

O ano anterior fora a Hastings un mes para aprender inglés. Aparte de que voltara con oito ou dez quilos que non levara, aterrar por sorpresa nun colexio/residencia do Opus vasco máis rancio proporcionárame a proba máis sólida para a miña madurez que podía soñar daquela así que, aos 17 anos sentíame capacitada para viaxar soa a calquera lugar do mundo.

Cando pedín permiso para ir ao concerto de Leonard Cohen en Madrid levei un chasco maiúsculo ao non me ser concedido. A noticia pillárame por sorpresa, sen cartos e sen infraestrutura preparada. Supoño que a Alicia a terían deixado, de irmos as dúas, mais a min déronme un non rotundo que non deu lugar a dúbidas.

Desde que o profesor de inglés nos puxera Suzanne en clase para encher ocos na letra, Alicia e eu fixerámonos cos disos que atoparamos e pasaramos moitas tardes escoitándoos e traducindo as letras na sala da súa casa. Foi para nós a descuberta da Poesía, arrolada pola voz máis sensual que que tiñamos escoitado xamais.

Have a nice old age, Lenny!

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/pGfgMYfdBFc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]