Máis un ano estivemos na illa de San Simón retransmitindo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais. Máis un ano fomos Pedro, Alfredo e eu acompañados e apoiados pola axuda, o cariño e o bo humor de Paula, Ghanito e Mirinho. Boa xente e bos amigos que se unen a expedición e se preocupan copnnosco de que todo vaia ben. En realidade Pedro e Alfredo serían autosuficientes, ademais, é este un traballo que cada vez fica máis lonxe do noso quefacer diario, moi centrado actualmente no desenvolvemento de software libre, mais non perderiamos esta cita por nada do mundo: os traxectos na barca de produción con Celia Torres, o reencontro con amigas e amigos que poucas veces máis vemos no ano, as gaiteiradas entre pinchos e boas conversas e, como non dicilo, vivir a sensación de que somos moitos, bos e xenerosos e que, como dixo Xavier Queipo en recado que nunca chegará ao seu destino, queremos vivir en galego.

Premios Xerais10 desde San Simón

Este sábado pola tarde imos facer un deses traballos que dá gusto facer: imos achegar ata onde a Rede poida levar os Premios Xerais 2010. Farémolo, como sempre, empregando estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reproducción de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.

Se queres comprobar que vas poder asistir ao evento, dende a tua cadeira, bótalle unha ollada á carta de axuste que temos en blogaliza.tv.

Texto recollido do blogue de Pedro