A voltas cun Inves E-Book 500

Onte mercamos un lector de libros para meu pai cunha serie de requirimentos: lixeiro, pequeno, simple, sen wifi, nin 3G, nin pantalla táctil e, depois dos problemas que tivemos co Cooler e co Kindle, que tivese un servizo postvenda rápido e eficiente. Así acabamos cun E-Book 500 nas mans.

Por un descoido desconectei o lector mentres se estaban a copiar varios ficheiros na súa memoria e desde ese momento xa non foi posíbel borrar nin engadir nada na memoria interna do lector. Obviamente o reseteo non serviu de nada e, cando comecei a investigar polos foros descubrín que non é posíbel descargar o firmware deste modelo e que xa había quen tivera o mesmo problema, como non. A solución era descargar o firmaware doutro lector que en realidade é o mesmo aparello, o Booq Pocket, e instalalo no E-Book 500.

Nesas ando neste mesmo instante. “Please power on the device to check the firmware version”. Vouno facer a ver se me foi concedida unha segunda oportunidade.

FUNCIONA!

Como se pode ver na imaxe, o aparello é da marca Inves e a versión do sistema operativo agora é a do Booq.

Por que EL Corte Inglés non ofrece a descarga do firmware? Preferirá que os clientes lles fagan unha nova visita aínda que sexa a desgana?

Lector online de Google: 20 Things I Learned About Browsers and the Web

20 Things I Learned About Browsers and the Web

Que Google publique un libro sobre os fundamentos da arquitectura de internet desde o punto de vista do usuario do navegador é xa de por si interesante. Se ademais é quen de reducir os contidos a 20 puntos explicados con sinxeleza para que calquera persoa non familiarizada con palabras como DNS, cookies ou html5 poida facerse unha idea clara do que está a facer cando navega, compra, vende, le e se relaciona na rede, entón é aínda máis interesante. Pero ademais o libro está maquetado con sinxeleza e claridade, os deseños simpáticos e dinámicos, transmiten a súa simplicidade, acorde co principio de Google de que a tecnoloxía nunca debe ser un problema.

Ah, si, tamén inclúen unha pequena animación na páxina 4, para que non pensemos que os elementos en movemento son patrimoni oexclusivo das apps. para o iPhone e para o iPad.

Este libro vai aínda máis lonxe. Non é un PDF para descargar, afortunadamente. É unha publicación online construída con html5 que pode lerse desde o navegador, compartirse enteiro ou por seccións nas redes sociais, e todo a través dunha interface agradábel cuxo deseño non quixo perder a similitude directa co libro en papel, para demostrar que a lectura en pantalla non ten por que conformarse como unha simple visualización de páginas web que convida a un exercicio de lectura irremediabelmente presuros e superficial.

O texto aparece correctamente centrado na pantalla, xogando cun formato de libro con capa dura que se acomoda con facilidade sobre unha mesa. Reparen, o libro aberto descentrado e o contido, o que de verdade sempre importa, no centro do plano.

Como dicía podemos compartir o documento online a través da súa ligazón pública ou envialo directamente a Facebook, a Twitter e ao Buzz. Ademais podemos regular a luz de fondo, para mellor adecualo á vista e lembrar que, se cadra, o debate tinta electrónica vs. pantallas retroiluminadas, se cadra non é tan relevante en canto se alteran algunhas das variábeis da lectura no papel, no sillón de pensar coas zapatillas postas e a manta sobre as pernas.

Actulización: como ben me indica Dani é posíbel gardar o libro en local premendo na ligazón que di “Print”. Grazas, Dani.

E, se ben este libro non ten unha ligazón de descarga directa, si que é posíbel copiar o texto e pegalo nun outro documento para traballar con el doutros modos mais, será preciso gardalo en local cando esteamos conectados permanentemente? Creo que non.

Boto en falta, iso si, a posibilidade de facer anotacións e compartilas e tamén a posibilidade de ver e falar con outras persoas que están a ler o mesmo libro no mesmo momento, funcionalidades que resolveron con moita elegancia os pioneiros de Bookglutton. Pero, ou moito me equivoco ou este non vai ser o último libro que Google publique con esta ferramenta que agora nos dan a coñecer, e que nos próximos días iremos vendo todo o que son quen de facer para ofrecer unha lectura en pantalla de calidade que nos faga reconsiderar o valor da acumulación de arquivos en discos duros, como foi acontecendo coa música e cos contidos audiovisuais nos últimos tempos. Non esquezamos que o anuncio do lanzamento da libraría de Google se sitúa oficialmente para finais de 2010 nos EUA e para o primeiro trimestre de 2011 noutros países.

No transcurso da mesa redonda sobre modelos de negocio para o sector editorial que tivo lugar a semana pasada en FICOD, a directora xeral de Libranda, case facendo un chiste, viuse na necesidade de explicar o que era Libranda. Desvelou que a plataforma tiña entre as súas funcións o desenvolvemento de ferramentas e de canles con antelación á propia necesidade, para que as editoras e as librarías poidesen utilizalas cando se chegase ás situacións que o permitisen, e puxo como exemplo as ferramentas de lectura de libros na nube, como recurso que aínda non pertencía ao presente, mostrando como mínimo a súa ignorancia sobre empresas e organizacións que encetaron ese camiño no pasado, como o mencionado Bookglutton, a xente de O’Reilly -de que non hai que obviar os enormes beneficios que obteñen pola venda de libros sen DRM- ou o proxecto Monocle, por poñer só tres exemplos de distintas naturezas.

A publicación de 20 Things I Learned About Browsers and the Web converte o futuro en pasado e, con el, o presente dá un gran salto desde a semana pasada a esta.

Acabará o libro electrónico con algo realmente?

Durante anos o debate centrouse en se o libro electrónico acabaría co papel ou non, de feito aínda hai quen está ancorado nesa cuestión. A revolución do libro electrónico estaba por chegar e supoñíase que o faría producindo unha gran explosión que deixaría instantaneamente moitas persoas sen traballo e as editoras en bloque mudarían as súas estruturas dun día para o outro. Finalmente parece que non foi tanto así, senón máis ben un proceso evolutivo en que van influíndo o abaratamento e mellora dos dispositivos de lectura, os custos de produción, as novas relacións sociais na rede, etc.

Nos últimos meses deixou de falarse da desaparición do papel, como digo, e agora parece que o novo debate que xorde, talvez para que o libro electrónico como tema de primeira plana non esmoreza, é se o libro electrónico acabará coa literatura, coa LITERATURA!!!! Hai quen di que se o libro electrónico non ten entidade física entón é un concepto temporal, máis que espacial. Pero non é exactamente o mesmo que o libro de papel? Pero é que, o libro é o papel ou o que representan os caracterres que leva impresos? Non serán as dúas cousas?

Dicir que o libro electrónico acabará coa literatura é o mesmo que dicir que as leitugas, por exemplo, poden facelo. Mesmo poderían as leitugas, a través de moitas reviravoltas da Historia, chegar a acabar coa industria editorial -cústame traballo crelo pero podería chegar a acontecer- Pero acabar coa literatura implica que antes habería que acabar con outras moitas cousas que hoxe por hoxe nos parecen de desaparición máis que improbábel.

Aldiko: un bo lector de libros para Android

Desde que nos pasamos aos móbiles de Android, levamos experimentando moitos tipos de ferramentas, e unha das que nos teñen máis satisfeitos é Aldiko, unha aplicación tan sinxela como áxil para ler libros e organizar as nosas bibliotecas. Polo de agora non tivemos problemas de formatos, sempre e cando os libros non veñan blindados aos cambios, claro.  Podemos escoller fondo branco ou negro, dependendo de se estamos a ler con luz ou ás escuras, axustar o contraste, o temaño da tipografía, deixar marcas de lectura… en fin, todas esas cousas que tanto traballiño lles custa executar a algúns lectores dedicados.

Amazon e o iPad

Parece ser que a app de Amazon para o iPad presenta serias limitacións que fan que o usuario tire a conclusión de que foi pensada para que se merquen os libros desde o Kindle para logo transferilos para o iPad. Funcionará? Joe Wikert pensa que non, que vai preferir mercar os libros directamente na tenda de Apple desde o propio iPad porque le mellor nel: non lle cansan os ollos, como moitos anunciaban, ten wifi, pode manexar os libros de modo moito máis áxil, en fin, que o Kindle (e todos os lectores monocromos e desconectados) lle parece un aparello do pasado.

Joe Wikert’s Publishing 2020 Blog: Amazon’s Next Move.

Interesa pouco o ebook?

Esta é unha das enquisas do día no Galicia Hoxe. A participación está moito por baixo da media habitual, mais eu non creo que sexa tanto pola falta de interese polos ebooks, como polo desinterese polos lectores de ebooks de tinta electrónica. Polo caros que son, polo pouco versáteis, poque a maioría da xente non quere máis un aparello senón que os que xa ten realicen máis funcións, entre elas, servir como dispositivos de lectura.

Renovarse ou morrer: Boulder

Boulder está en Colorado. En Boulder hai unha libraría que está a experimentar coa impresión baixo demanda para autores locais. Se unha é unha autora descoñecida de Boulder, pode autoeditar o seu libro e, desde 25$ por un depósito de 5 exemplares na libraría, a 255 $ por que che organicen unha presentación con sinatura, pode promocionar a súa obra. A libraría di que está a facer negocio co servizo, que pode supoñer arredor dun 3% dos ingresos totais.

Boulder Book Store embraces new ‘microdistribution’ model | TeleRead: Bring the E-Books Home.