YouTube nos copia

Evidentemente non o digo en serio, e non só por cuestión de tamaño, pois na produción dunha única idea en concreto non ten por que influír. Mais habemos de recoñecer que nos fixo graza onte ver as similitudes da nova grella de streaming personalizada de Youtube coa que andamos a desenvolver para Blogaliza. Si, proximamente os máis de 20.000 usuarios de Blogaliza -xa rematada a migración de fillos.org-, poderán solicitar día e hora na grella xeral para estrear os seus programas e que todos poidamos velos ao tempo que nos unimos á conversa nunha caixa de chat.

Ademais, compartiremos os nosos coñecementos sobre produción de streaming de vídeo con software libre, para que calquera usuario sexa quen de facer retransmisións en directo dunha festa, dunha entrevista, dunha conversa, do que teña a ben.

E non é a única novidade de Blogaliza este outono, estean atentos á (nosa) pantalla 😉

Vídeo streaming: en directo para o mundo

Parece mentira, hai tan só un ano eu tiña un móbil SE no que xa podía consultar o correo cando comecei a descubrir os servizos de streaming desde o móbil. Qik aínda só funcionaba co iPhone e Kyte permitiume instalar a app pero non conseguín facelo andar. Hoxe ha xa un puñado de servizos de balde que permiten emitir cun nivel de calidade aceptábel, en función da calidade da cámara do terminal. A través desta comparativa, na que curiosamente non aparece o Qik do que falaba, descubro que hai servizos que mesmo facilitan a publicación en Youtube do contido do streaming. Isto é só o comezo.

Live Video Streaming: Guía Con Los Mejores Servicios De Streaming Para Transmitir Tus Vídeos En Tiempo Real.

Música a mancheas

Nun momento en que Last.FM se vai facer de pago nos países onde non atopa financiamento, Mixtape.me é un lugar moi interesante onde facer listas de reprodución moi facilmente, para escoitar, por exemplo as cancións máis famosas de grupos que non coñezamos moito.

Por outra banda, Screentoaster é unha alicación online que nos permite gravar en vídeo o que facemos no ordenador. Moi útil para preparar presentacións e turotiais.

E, falando de presentacións, unha moi interesante, coas 99 mellores aplicacións sociais orientadas á educación.