Así atopo a noticia en Teleread:
Hai empresas xaponesas que están a facer moitos cartos dixitalizando libros para particulares. Unha persoa desexa ler un libro que non ten versión dixital, entón encarga o traballo a unha destas empresas, que lle cobrará entre unhas decenas e uns centos de yens (pode ser entre 1 € e 10 € aproximadamente) por enviarlle a casa un DVD ou un arquivo por correo electrónico.
Cóntase dunha empresa que foi creada en xullo e en agosto xa recibiu 10.000 solicitudes de dixitalización de libros, e que espera chegar aos 15.000 en outubro.
No Xapón a copia privada está permitida pola Lei do Copyright, mais coa proliferación de empresas dixitalizadoras de libros, o debate está servido. Son a mesma cousa que alguén dixitalice coas súas propias mans e pagar a alguén que o faga por ti? Segundo un experto en copyright xaponés cuxo nome non se desvela, sempre e cando unha copia privada poida ser producida polo individuo que lerá o ebook, esta non pode ser encargada a un terceiro a cambio de diñeiro. Fica claro, verdade?
O nicho xa ten nome, Jisui ou, o que é o mesmo, cociñar a túa propia comida.
Esta é outra versión da mesma historia, a pouco que se investigue:
No Xapón a oferta de ebooks é aínda moi cativa e case todos os títulos van cinguidos con DRM. Moitos xaponeses comezan a dixitalizar as súas bibliotecas persoais guillotinando os seus vellos exemplares en papel ou ben a través de escáneres caseiros baseados en dúas cámaras de fotos montadas nunha estrutura onde se asentan e se van pasando as páxinas dos libros.
Os dixitalizadores comparten libros en grupos a través da rede e, todo o proceso, crea moda e escola, e recibe o nome de Jisui.
O que se presenta como novidade nipona é un fenómeno e un movemento social que se vén dando tamén no ámbito do castelán e no do inglés desde hai anos a través de listas de correo, grupos de Google e de Yahoo, blogues, etc. Desde hai anos é posíbel e sinxelo facerse con case calquera título das grandes editoras porque houbo alguén que o escaneou e o revisou.
E eu pregúntome para rematar, aínda que sei que é difícil chegar a perspectivas comúns, non pagaría a pena ao sector editorialafrontar o que se está a chamar, o tsunami dixital, con plena consciencia de todo o que está a suceder, en lugar de querer ampararse en leis restritivas que, sabemos, sempre van atrasadas a respecto do movemento social?

