YouTube nos copia

Evidentemente non o digo en serio, e non só por cuestión de tamaño, pois na produción dunha única idea en concreto non ten por que influír. Mais habemos de recoñecer que nos fixo graza onte ver as similitudes da nova grella de streaming personalizada de Youtube coa que andamos a desenvolver para Blogaliza. Si, proximamente os máis de 20.000 usuarios de Blogaliza -xa rematada a migración de fillos.org-, poderán solicitar día e hora na grella xeral para estrear os seus programas e que todos poidamos velos ao tempo que nos unimos á conversa nunha caixa de chat.

Ademais, compartiremos os nosos coñecementos sobre produción de streaming de vídeo con software libre, para que calquera usuario sexa quen de facer retransmisións en directo dunha festa, dunha entrevista, dunha conversa, do que teña a ben.

E non é a única novidade de Blogaliza este outono, estean atentos á (nosa) pantalla 😉

Google continúa a súa revolución

Escoitei xa o venres que YouTube tiña novas funcionalidades e que xa era posíbel ter subtítulos automáticos para todos os vídeos en inglés. Pero é moito máis ca iso: como podemos ver neste vídeo, xa se pode, efectivamente, solicitar subtítulos para calquera vídeo en inglés aloxado en Youtube pero ademais vai ser posíbel traducilos automaticamente para calquera das linguas admitidas por Google. Ademais, poderemos obter o arquivo dos subtítulos, por se preferimos ler o contido antes que ver un vídeo. E ademais, se queremos dotar un noso vídeo con subtítulos feitos a man e, portanto, sempre mellores que os de calquera máquina, non temos máis que subir o arquivo no lugar correspondente e xa Youtube se encargará de sincronizalos.

É incríbel todo o que calquera con acceso a Internet pode facer, por iso é tan importante que todas as persoas teñan acceso e que este sexa igual para todas as persoas, sen vías de primeira e vías de segunda, para os que non poidan pagar a autoestrada.

E xa de paso, a que esperan os nosos representantes para pagar a Google, como fixeron os cataláns e os vascos, e colocar o galego na pista de saída das linguas que existen? Independentemente de se a maioría usamos Gmail ou non, hai que estar.

Book trailers e vídeos sobre libros

Para facer as cousas regular ou mal é mellor non facelas. Ese era o criterio até moi pouco para decidir producir ou non obxectos audiovisuais de promoción. Estes obxectos estaban orientados principalmente cara á televisión e esta xogaba con estándares moi altos para o que se podía fabricar “na casa”. Youtube abriu novas posibilidades e fixou novos estándares que ultrapasaron o seu soporte e chegaron mesmo á televisión, pois é case obrigada hoxe en día a aparición de vídeos afeccionados en calquera programa. Son símbolo de inmediatez, de fidelidade á realidade e unha maneira de implicar os espectadores, que deben pensar que os seus vídeos tamén poden aparecer calquera día nese mesmo programa.

Estes novos estándares, baratos e inmediatos, chegaron a compartir terreo cos máis profesionais e, para promocionar calquera produto de maneira digna, xa non é preciso contratar unha axencia de publicidade e competir polo mellor anuncio do ano.

Un simple vídeo sen montaxe, inseríndolle a portada do libro que se anuncia, cunhas palabras do autor sobre a súa propia obra, pode ser o mellor anuncio.

Pensariamos hai 3 ou 4 anos que Planeta promocionaría un libro así? 4 minutos de cámara fixa, sen complicarse co contorno visual, recoñecendo que non está a gastar un peso na produción? Non, verdade? Pero é fantástico! e o libro espero que tamén!

Un vídeo sobre el libro » El Blog de Enrique Dans.

Que listo é YouTube

YouTube convida os usuarios estadounidenses a predicir os programas de éxito do próximo outono. Os resultados erán públicos mais só Google vai ser quen de tirar as conclusións que interesan ás produtoras e ás televisións, ademais de experimentar en que medida o experimento favorece o servizo de vídeo a demanda.

YouTube Wants You to Predict TV’s Next Hit Shows.